Pontevedra respira mercurio

Pontevedra respira aire tóxico polos elevados índices de mercurio procedentes da planta química que Elnosa ten en Lourizán. Así o advirte o informe Inmisións de mercurio da industria clorocaústica 2006-2010 elaborado por Ecologistas en Acción, no que se advirte que as oito plantas existentes no Estado superan con creces os niveis de contaminación por mercurio que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS). O estudo enmárcase dentro da campaña Internacional Mercurio Cero, que posibilitou o peche da industria que utiliza este elemento en países como Chequia ou Francia.

mercurio

O de Elnosa é, xunto coa planta de Flix (Tarragona), o caso máis preocupante, ó rexistrar índices sete veces superiores ó límite recomendado, que a OMS sitúa en 200 nanogramos por metro cúbico de aire. Fronte a isto, as medicións realizadas este verán por Ecologistas en Acción na contorna da fábrica rebelan que os valores máximos chegaron a ser de case 900 nanogramos pola mañá e de 1.408 pola tarde, se ben a media foi de corenta nanogramos aproximadamente.

O preocupante, para Ecologistas en Acción, é que este índice de contaminación por mercurio se rexistra en hortas próximas á planta de Lourizán, o que indica que a industria do cloro emite “moito máis mercurio do que declara oficialmente” e que os seus efectos nocivos poden chegar ata os cidadáns a través das propias hortalizas que cultivan, segundo sinala a responsable do informe, Leticia Baselga.

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APdR), que colaborou con Ecologistas en Acción na toma de mostras para o estudo, xa anunciou que lle pedirá ó fiscal de Medio Ambiente de Galicia que “actúe de oficio” contra a fábrica de cloro. Ademais, ambos os dous colectivos ecoloxistas poñeranse en contacto coa Xunta para esixirlle que non renove a autorización ambiental integrada a Elnosa no ano 2011 e advertiron que se Elnosa non é capaz de adaptarse ás recomendacións dos organismos internacionais “debe pechar definitivamente” as súas portas.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Contaminación coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

1 Responses to Pontevedra respira mercurio

  1. FANÁTICO MODERADO di:

    Ya, en Haití no tienen problemas de contaminación por mercurio. Deberíamos tomar nota de su modelo productivo.

Deixar un comentario