A fervenza do Xallas volve á vida

Estado que presenta a fervenza do Ézaro como consecuencia do aproveitamento hidroeléctrico do río Xallas que fai Ferroatlántica. Foto: X.Cea

Estado que presenta a fervenza do Ézaro como consecuencia do aproveitamento hidroeléctrico do río Xallas que fai Ferroatlántica. Foto: X.Cea

Galicia podería recuperar a única fervenza europea que cae directamente ó mar. O salto natural do Ézaro, actualmente seco polo aproveitamento hidroeléctrico que fai a empresa Ferroatlántica no último tramo do río Xallas, deixará así de ser unha atracción turística durante unhas poucas horas ó ano para recuperar todo o seu valor natural e paisaxístico os 365 días. A hipótese pode converterse nunha realidade despois de que a consellería de Medio Ambiente veña de remitirlle un escrito á Fiscalía para iniciar a anulación do permiso concedido á firma de Villar Mir o 6 de novembro de 2001, que autorizaba a seca da fervenza. Segundo indica o documento remitido por Augas de Galicia á Fiscalía, a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da consellería dirixida por Carlos del Álamo modificaba a declaración de efectos ambientais vixente ata ese momento –con data de marzo do 2001–, pola que “se suprime a obriga do mantemento do caudal ecolóxico e se cambia pola obriga imposta ó promotor para a liberación dun caudal durante un determinado período de tempo e cunha duración prefixada, para a obtención dunha cascada estándar”.

Augas de Galicia entende que esta resolución incorre en “vicios de nulidade” e recoñece que o permiso foi concedido por un organismo que “carecía de competencias para facelo” e sen consultar previamente s informes preceptivos da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes –actualmente de Medio Rural– que esixe a Lei Galega de Pesca Fluvial.  De aí, a petición á Fiscalía para declarar “a nulidade de pleno dereito” da concesión a Ferroatlántica. A nulidade desta modificación deixaría esta concesión hidráulica á situación anterior, é dicir: tería que respectar o caudal ecolóxico fixado en 2,3 m3 por segundo, garantindo a caída natural da auga.

“Se a concesionaria solicita de novo a modificación da concesión, estudarase en que condicións de acordo co estudo de caudais ecolóxicos e co Plan Hidrolóxico”, explica o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, quen non obstante afirma que se trata dun tema complexo que non se resolverá dun día para outro e sobre o que aínda terá que pronunciarse o Consello Consultivo. Non obstante, Menéndez non descarta a posibilidade de que a fervenza estea activa todo o ano. “Determinarase cal é o réxime necesario para que se respecten as condicións de vida e ecolóxicas dese tramo de río”, afirma o presidente de Augas de Galicia. Para iso, os técnicos ampararanse na normativa actual, moito máis restrictiva que a anterior, na que os caudais ecolóxicos se determinaban dun xeito moi arbitrario: o 10% do caudal medio.

A suposta ilegalidade da concesión hidráulica a Ferroatlántica saltou ó primeiro plano a raíz da denuncia presentada polo colectivo Ríos con Vida ante a Fiscalía de Medio Ambiente, na que denunciaba á firma de Villar Mir pola desaparición da fervenza do Xallas e por “desfigurar” a canle coas súas catro minicentrais. “A fervenza volverá ó seu estado natural. É a primeira vez que se consegue algo así en Europa”, subliñou Mark Adkinson, responsable en Galicia de Ríos con Vida tras coñecer a decisión de Medio Ambiente. Non obstante, ademais dos beneficios ambientais que suporá a recuperación do cauce ecolóxico do Xallas, Adkinson reclama responsabilidades penais ós altos cargos da Administración que concederon o permiso. “O conselleiro de Medio Ambiente daquel momento podería ser acusado de prevaricación”, advirte Adkinson, quen destaca a obriga de Ferroaltántica de resaturar os 1,6 quilómetros de río que permanece seco.

 

 

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Patrimonio coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

1 Response to A fervenza do Xallas volve á vida

  1. Daniel Sánchez di:

    ¡¡¡Por fin!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s