Contaminación ‘urbanita’

 

As emisións dos vehículos é un dos culpables da contaminación por NOx. Foto: Ramón Escuredo

As emisións dos vehículos é un dos culpables da contaminación por NOx. Foto: Ramón Escuredo

 

Todas as cidades galegas superaron ó longo deste 2010 os límites de contaminación por óxidos de nitróxeno (NOx), o que deixa unha vez máis moi comprometido o aire que respira a maioría dos cidadáns da comunidade. Así o rebela un informe elaborado por un dos maiores expertos en contaminación do país, o biólogo e catedrático de Bioloxía e Xeoloxía Ramón Varela, quen advirte dos perigos de seguir incumprindo os niveis máximos de NOx que a UE fixa en 200 ug/m3: “Estes compostos son altamente tóxicos e poden afectar gravemente a nosa saúde e o medio natural”, indica. A súa presenza no aire procede da combustión de carburantes fósiles, sendo os sectores do transporte, a industria e a calefacción os principais causantes da súa liberación e posterior transformación en contaminantes secundarios como o ozono troposférico.

Non se trata dunha situación anecdótica. Os valores máximos rexistrados nas nove estacións de medición coas que conta a Administración galega chegan a duplicar o límite legal en cidades como Vigo, Ourense e Santiago de Compostela. As tres urbes entrarían así no que a UE denomina como “valor límite de alerta”, polo que a Administración estaría obrigada a comunicarlle á cidadanía o alto nivel de contaminación existente no aire. Unha medida de precaución que non se tomou en ningún momento, seguindo a dinámica rexistrada durante o mes de xullo, cando a asociación ecoloxista Verdegaia alertou dun exceso dos límites de ozono troposférico -máis coñecido como “ozono malo”- en cidades como Pontevedra.

O exceso de contaminación por óxidos de nitróxeno é un mal endémico das nosas cidades, tal e como recolle o informe de Ramón Varela, onde se indica que varias urbes exceden os valores máximos máis días dos legalmente permitidos. O caso máis significativo é o de Ourense que multiplica ata por seis o número de veces que a UE permite superar o límite de 200 ug/m3 ó longo dun ano. A cidade das Burgas rexistrou un exceso dos parámetros permitidos un total de 112 ocasións fronte ás 18 que consente Bruxelas. O caso de Ourense non é único: cidades como Vigo (70), Pontevedra (68) ou Santiago (52) séguena de preto. “Estamos ante uns índices moi excesivos, tendo en conta ademais que a normativa europea é moi permisiva”, indica Ramón Varela. A situación é especialmente grave tendo en conta que a UE fixou un período para que os gobernos se fosen adaptando á norma, que culminou este ano. “Ata o de agora contaminábase sen demasiado control. Bruxelas decidiu rebaixar os niveis de inmisión e facelos de obrigado cumprimento a partir do 2010. Non obstante, está claro que ó Goberno galego o pillou fóra de xogo”, engade Varela.

Tanto para este experto como para a asociación ecoloxista Adega -da que Varela foi presidente-, a alta presenza dos óxidos de nitróxeno (NO e o NO2) constitúen un serio perigo para a contorna e para o propio ser humano, para quen resultan especialmente tóxicos e producen irritación na pel e dificultades respiratorias. No ambiente, actúan como redutores de pH e defoliantes, formando parte da choiva áceda, e minguan a fertilidade dos ecosistemas. A contaminación atmosférica por NOx causa, ademais, a acidificación do solo e contribúe ao incremento do ozono troposférico, podendo estenderse a zonas moi afastadas dos centros de produción .

Esta non é a primeira vez que se alerta do alto índice de contaminación que sofre Galicia. Un informe de Ecologistas en Acción e Verdegaia alertaba recentemente que case a metade da poboación galega -un 42,7%- vive baixo unha concentración de contaminantes que están por riba dos límites recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para a protección da saúde humana. Para reducir esta perigosa situación, Varela defende unha maior actuación por parte da Xunta, especialmente no control das emisións das industrias na periferia das cidades -Finsa en Compostela, ENCE en Pontevedra, Repsol na Coruña, Orember en Ourense, Megasa en Ferrol-, principais causantes deste fenómeno. Mais o papel da Xunta non debe limitarse ó eido industrial. As emisións procedentes do tráfico aumentaron de forma espectacular nos últimos anos. Non obstante, a Xunta segue apostando por un modelo de transporte baseado no coche privado -favorecendo a construción de grandes infraestruturas e mesmo a adquisición de vehículos particulares- en detrimento do transporte colectivo.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Cambio climático coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

1 Response to Contaminación ‘urbanita’

  1. Daniel Sánchez di:

    ¡¡¡O modelo insostenible!!! ¡¡¡Ningunha especie animal fixo tanto en tan pouco tempo para a sua autodestrucción!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s