Protección para a Serra do Galiñeiro

Galiñeiro

Grandes canteiras, apertura de pistas, movementos de terra sen control, reforestación con especies foráneas como eucaliptos ou piñieros, vertedoiros incontrolados, ou o tránsito frecuente de motos de cross e quads fóra dos camiños levan anos degradando unha das zonas naturais de referencia do sur da provincia de Pontevedra: a Serra do Galiñeiro. Lugar natural de encontro dos Concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui, esta zona alberga numerosos valores ambientais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos e arqueolóxicos, ademais de ofrecer importantes servizos de lecer, deportivos e culturais nunha área tan densamente poboada como a área metropolitana de Vigo.

Situada xusto na contorna do primeiro parque natural de Galicia, o Monte Aloia, a Serra do Galiñeiro enfróntase agora a novos impactos que farán imparable a súa degradación: a instalación dun parque eólico de 39 megawatts de potencia e a posible construción dunha estrada de circunvalación. Antes esta situación un total de catorce colectivos cidadáns e ecoloxistas veñen de poñer en marcha unha plataforma para esixir a protección deste espazo. “Pensamos que a serra do Galiñeiro ten que ser protexida, amparándose nas lexislacións europea, estatal, galega e municipal vixentes”, explica Pura González, integrante da asociación ecoloxista A Groba e voceira da nova plataforma cidadá. A esixencia non é un capricho, senón unha promesa enunciada en 2008 polo entón conselleiro de Medio Ambiente, o actual líder do PSdeG, Manuel ‘Pachi’ Vázquez. Considerada como o prolongación do parque natural do Monte Aloia, a intención do bipartito era blindar a Serra do Galiñeiro integrándoa no parque, que hoxe en día apenas ocupa 700 hectáreas. Co cambio de goberno, o anuncio quedou en nada e as agresións seguiron multiplicándose na zona.

Para revertir esta situación, a Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro actuará en tres ámbitos. A nivel local, tenta conseguir que os Plans de Ordenación Xeral dos municipios afectados lle outorguen á serra a máxima protección. Así se recolle xa nos PXOM de Vigo e Tui, mentres que os de Tui, Gondomar e Mos seguen en fase de redacción. A súa integración no parque natural do Aloia é unha das peticións que a plataforma fará a nivel autonómico, a pesar de que recoñecen que a cousa non será fácil: “Tras varias conversas con representantes da Xunta sabemos que a posible ampliación non está na axenda”, asegura Pura González, quen non descarta outras figuras de protección para salvar a zona.  Europa será a terceira vía de actuación, onde a plataforma esixirá a inclusión da serra na Rede Natura e o seu amparo baixo a figura de Lugar de Interese Comunitario (LIC). “O Galiñeiro hai que ordealo dalgunha maneira. Galicia ten só protexido o 11% do territorio, mentres que a UE esixe un mínimo do 25%”, advirte González, quen mostra alerta: “Non podemos consentir que primeiro se destrúa a zona e logo, co que quede, se faga unha zona protexida”.

(Catorce colectivos integran a plataforma social ‘Pola pro­tección da Serra do Galiñei­ro’: Adega, A Ría non se Ven­de, Asociación de Veciños de Vincios, Asociación ‘A Groba’, Clube de Espeleoloxía ‘Maúxo’, Comunidade de montes de Vincios, Federación galega de montañismo, Instituto de Es­tudos Miñoranos, Montañei­ros Celtas, Plataforma pola defensa da ría de Vigo ‘Cíes’, Salvemos Monteferro, S.O.S Groba, Verdegaia e Asocia­ción de Veciños Casco Vello de Vigo)

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Bosques, Patrimonio coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

2 Responses to Protección para a Serra do Galiñeiro

  1. Daniel di:

    Alí fixen meus “pinitos” de escalada nos meus anos mozos. E un paraxe impresionante que temos que protexer.

  2. Pingback: Osíxeno vs Dioxina | pensanomedio

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s