O ano menos verde

O 2010 non foi un bo ano para o medio. A crise omnipresente relegou as políticas ambientais a un segundo plano, convertendo os doce meses que agora rematan nos menos verdes dos últimos anos. A división das competencias ambientais en dúas consellerías non se traduciu nunha mellora do estado ecolóxico do país e os asuntos económicos gañáronlles terreo ós do medio. A maior evidencia atopámola nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, nos que as políticas ambientais recibirán, sumando as partidas de Medio Ambiente, Rural e os organismos autónomos da Administración, 266 millóns menos (-33%). Vaiamos por partes:

Territorio

O territorio foi o gran protagonista deste 2010, cunha explosión lexislativa sen precedentes coa cuarta modificación da Lei do Solo nos seus sete anos de vida, as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) e a aprobación do Plan de Ordenación do Litoral (POL). O compromiso que se agocha tras estas leis non é outro que acabar co caos territorial actual e establecer que usos se lle poden dar a cada zona da nosa xeografía. Un cometido que non queda moi claro para os ecoloxistas, que cren que estas leis saen “coxas” ó teren que adaptarse ós plans sectoriais xa aprobados como o acuícola, que afecta a 3 millóns de quilómetros cadrados de costa. O levantamento do veto na primeira liña de costa tampouco convence o movemento ambientalista e ata o propio fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, mostrou a súa “perplexidade” ante os continuos cambios de lexislación urbanística e territorial. A pesar das críticas, dende a Xunta cren que estes instrumentos permitirán crear unha Galicia máis unida e cohesionada. “Son instrumentos que protexerán e daranlle coherencia ó territorio”, esgrime o director xeral de Sostenibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio.

Biodiversidade

Hoxe pecharase o Ano Mundial da Biodiversidade pero en Galicia pasou con máis pena que gloria. Os plans de conservación de especies ameazadas continúan sen aplicarse e a comunidade segue á cola en espazos protexidos pola Rede Natura, que só abarca o 11% do territorio fronte ó 25% que marca a UE. A pesar de que a dirección xeral de Conservación da Natureza, dirixida por Ricardo García Borregón, logrou elaborar unha ampliación da Rede Natura -que faría aumentar a protección ata o 16%- Galicia chega tarde ós mandatos da UE, que fixaban para este decembro a necesidade de presentar os plan de xestión de todos os espazos protexidos -Medio Rural logrou pechar o das Illas Atlánticas e o do Eume-. Unha situación que expón á comunidade a unha posible multa de Bruxelas por incumprir os mandatos en materia de protección ambiental.

Enerxía

O sector enerxético tamén foi protagonista neste ano, co Decreto do Carbón -que prima o mineral autóctono fronte ó foráneo que utilizan as centrais galegas das Pontes e de Meirama- promulgado polo goberno central e que acaparou todas as olladas. Coas industrias enerxéticas, partidos políticos, sindicatos e traballadores facendo piña para evitaren que Galicia se vexa prexudicada por unha medida que non dubidan en cualificar de “discriminatoria” con respecto a outras autonomías, os ecoloxistas van máis alá: o importante non é primar un carbón ou outro, senón desbotalo dunha vez por todas. De aí a promoción do manifesto Dez razóns para pechar as térmicas de carbón, no que se defendía o peche das térmicas, por ser “unhas industrias ineficientes, depredadoras co medio e causantes do cambio climático” e apostar por unha transición cara ás enerxías renovables.

Residuos

Co novo Plan de Residuos 2010-2020 pendente de aprobación, a polémica desatouse co anuncio por parte da Consellería de Medio Ambiente da construción dunha segunda incineradora no Sur, xunto con oito plantas máis de compostaxe, con capacidade para tratar unhas 200.000 das 900.000 toneladas que se xeran actualmente no país. Ante o evidente colapso que sofre Sogama, o conselleiro Hernández asegurou que a nova planta -cuxa localización non se coñecerá deica despois das eleccións locais-, tratará o lixo que vai actualmente ó macrovertedoiro da Areosa. As críticas ecoloxistas non se fixeron esperar e, ademais, de esixir a fin da incineración e unha aposta decidida pola compostaxe, os colectivos ambientalistas criticaron, primeiro, a necesidade e recorrer ó financiamento privado para a construción da incineradora e, despois, a adxudicación da planta vía repartición eólica (unha das beneficiadas polo decreto eólico, a firma Estela Eólica, leva no plan empresarial a construción dunha planta para o tratamento de lixo no sur de Galicia). A lea dos residuos recruou ó sumárselle o conflito laboral en Sogama -co despedimento de 33 operarias que se encargaban de separar o lixo da bolsa amarela- e da planta de compostaxe de Servia que, pese a ser a máis eficiente do Estado, ve comprometido o seu financiamento e, polo tanto, a súa continuidade.

Hidroeléctricas

Este 2010 tamén volveu poñer os ríos no punto de mira. A redacción do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2010-2015 espertou a pantasma das minicentrais, ó recoller as 33 concesións aprobadas no último consello da era Fraga e que agora, cos ríos da vertente atlántica sobreexplotados, poderían verse materializadas. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil tamén sacou a exposición pública o seu Plan Hidrolóxico, que fixa a obrigatoriedade do caudal ecolóxico nos ríos da conca para evitar secas como a que este verán volveu sufriu o río Sil polas obras de ampliación do encoro de Santo Estevo por parte de Iberdrola.

Educación ambiental

A caída dos orzamentos deixa especialmente comprometido un sector ambiental: o da educación, a cincenta deste ámbito. A falta de financiamento compromete seriamente os equipamentos existentes -como aulas da natureza ou centros de interpretación-, así como o futuro das empresas e do seu persoal.

Consulta as valoracións de Verdegaia, Adega e a Federación Ecoloxista Galega.

Esperando que o ano que comeza sexa un pouco benevolente co medio e con todos nós, só me queda desexarvos

FELIZ 2011

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Reportaxes coas etiquetas , , , , , , , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s