¿Canta auga gastamos?

O consumo de auga no mundo está por riba das nosas posibilidades. Nun futuro non moi afastado, este ben pode converterse nun auténtico luxo. A clave deste dato negativo non está no gasto consciente que facemos da auga -como a que utilizamos na ducha, para preparar os alimentos ou que a bebemos directamente- , senón naquel que non vemos, posto que todo o que consumimos (bens, produtos e servizos) require de auga para a súa produción. A dimensión do problema non é fácil de analizar a simple vista. Vexámolo cun exemplo: algo tan cotián como preparar un café precisa de 140 litros, ó incluír a auga utilizada para o crecemento da planta de café, a recollida, refinado, transporte e embalaxe das sementes de café, venda e preparación da taza. Se ademais lle engadimos azucre e se serve nunha taza para levar rexeitable, a pegada elévase a 200 litros.

huella_hidrica

A magnitude do problema levou á comunidade científica a desenvolver un indicador que mida o consumo do recurso de toda a poboación e a todos os niveis: trátase da pegada hídrica, que establece o volume de auga necesario para xerar todos os produtos que se consomen nun país. Trátase dunha ferramenta de nova creación acuñada en 2002 polo investigador holandés Arjen Hoekstra. Ten tres compoñentes: a pegada hídrica verde -auga da choiva-, a azul -a extraída que é consumida e non é devolta- e a gris -volume de auga contaminada-. 

A pegada hídrica analizouse só a nivel mundial, aínda que se estableceron uns parámetros comúns a todos os países: os usos agrarios son os principais responsables da pegada hídrica, absorbendo practicamente o 90% do valor. Nun segundo plano estarían os usos industriais (7%) e finalmente os domésticos (3%). España está entre os vintes países coa pegada hídrica máis grande -o quinto se antedemos só a produción-, polo elevado consumo. A causa: uns hábitos baseados na adquisición de produtos que precisan dun alto volume de recursos hídricos para a súa produción. 

A situación en Galicia non mellora, xa que os nosos hábitos son aínda máis depredadores que os da media estatal. Así o corrobora a pegada ecolóxica do país -superficie de terra que se precisa para producir os recursos consumidos e para asimilar os residuos xerados por unha poboación determinada-, que ascende a 6,26 hectáreas per cápita. Isto quere dicir que cada un de nós necesita algo máis de seis hectáreas para producir os recursos que devora, fronte ás 4 da media estatal e ás 2,2 da mundial. A razón pola que Galicia acada un valor tan alto atópase en tres das categorías que compoñen este indicador: a ocupación do terreo por parte de cultivos e pastos, a apropiación que facemos da superficie mariña e a área de absorción de dióxido de carbono. As dúas primeiras poderían trasladarse á pegada hídrica, tal e como indica unha das voces máis autorizadas á hora de falar de pegada ecolóxica, o profesor de Económicas da Universidade da Coruña Federico Martín Palmero. “O impacto da actividade agrícola explícase por uns hábitos alimentarios moi intensivos, cun consumo de carnes e derivados que supera nun 15,5% a media estatal, porcetanxe que acada un 20% en leite e derivados”, explica. Todo isto sen esquecer a especial estrutura produtiva galega neste sector, as particularidades propias e os rendementos das explotacións. A nosa peculiar dieta tamén explica a alta apropiación de superficie mariña -1,43 hectáreas per cápita-, cun consumo de peixe que supera nun 39,7% a media estatal. “Galicia é, xunto con Xapón e Noruega, o maior consumidor de peixe e derivados a nivel mundial”, engade Martín Palmero.

Outros exemplos da pegada hídrica:

1 par de zapatos de pel: require de 8.000 litros.

1 camiseta de algodón: 4.100 litros.

1 vaso de leite: 200 litros

1 vaso de zume de mazás: 190 litros

1 bolsa de patacas fritas: 185 litros

1 taza de café: 140 litros.

 1 ovo: 135 litros

 1 mazá: 70 litros

1 laranxa: 50 litros

 1 taza de té: 35 litros

1 folla A4: 10 litros

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Consumo coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s