Volve a ameaza acuícola para a costa galega. A Xunta popular retomará o Plan Acuícola aprobado no último Consello da Xunta da era Fraga -co goberno xa en funcións- e, tras unhas modificacións na propiedade do solo e algunha que outra posible localización máis, determinará un mínimo de 22 áreas nas que as empresas acuícolas poderán desenvolver os seus proxectos industriais. A Consellería que dirixe Rosa Quintana prevé darlle o visto e prace o vindeiro mes de febreiro, a falta do ok estatal ó Plan de Ordenación do Litoral (POL), co que se tramitou paralelamente. O ‘novo’ mapa acuícola excluirá, previsiblemente, catro das localizacións máis contestadas polo movemento social: Laxe Brava, Merexo, Seiruga e Xandriña. Mais recupera un dos máis polémicos: Touriñán.

A Xunta e Pescanova prevén recuperar o proxecto acuícola para Cabo Touriñán
Pescanova “ten intencións” de retomar este proxecto acuícola. Ou polo menos así llo transmitiu a firma á conselleira Rosa Quintana, que esta semana asegurou manter o contacto coas empresas que presentaran as súas propostas acuícolas durante os anos do bipartito. Recordemos que o grupo que preside José Manuel Fernández de Sousa tivo que renunciar ó seu proxecto de construír unha macrogranxa de rodaballos en Touriñán, despois de que o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño decidise rexeitar ese enclave como localización acuícola por estar en terreos afectados pola Rede Natura. Tras este veto, Pescanova abriu a piscifactoría máis grande de Europa na localidade portuguesa de Mira, cunha produción anual de 7.5000 toneladas de rodaballo, que pensa duplicar en 2015. Esta ampliación interpretouse no seu momento como a renuncia definitiva da multinacional a ‘ocupar’ o cabo. Non obstante, a Xunta asegura agora que a firma podería estar disposta a retomar a construción da planta de 357.000 metros cadrados nunha das últimas paisaxes virxes da nosa costa, materializando un vello soño da Administración popular. Mais a condición que fixa a empresa para levar a cabo a construción da granxa xa foi anunciada en anteriores ocasións pola conselleira: que Europa lle financie o 50 por cento do proxecto, algo que, de momento, a UE non contempla.
Movementos políticos e empresariais á marxe, a inminente aprobación do Plan Acuícola reactiva ás plataformas contrarias a un proxecto que siguen considerando inxusto ambiental, económico e socialmente. Mudar a filosofía do proxecto e virala cara unha actividade complementaria á pesca e ó marisqueo, sostible e ben dimensionada, seguirán a ser os obxectivos dunha loita que continúa.