Boicot á caza do raposo

Activististas boicoteando un dos torneos de caza celebrados este mes en Galicia. Foto: Equanimal

Activististas boicoteando un dos torneos de caza celebrados este mes en Galicia. Foto: Equanimal

O vindeiro sábado 29 de xaneiro, 1.000 cazadores procedentes de todo o Estado desprazaranse ata a vila pontevedresa de Pontecaldelas e repartiranse en grupos de dez polo monte cun obxectivo común: a caza do raposo. Trátase do último dos cinco campionatos que acolle Galicia neste mes de xaneiro: a VIII edición da Copa de España, o único gran torneo autorizado para esta práctica en todo a xeografía estatal, que conta cunha forte oposición por parte dos colectivos ambientalistas e en defensa dos animais. Un total de vinte e cinco asociacións -entre as que figuran Adega, Amigos da Terra, Ascel, a Federación Ecoloxista Galega, Matar por matar, Non! e Verdegaia, ademais de colectivos doutras comunidades- fixeron  público un manifesto contra as matanzas de raposos en Galicia e anunciaron un boicot a esta xornada. O obxectivo é dobre, tal e como recorda a Fundación Equanimal: salvar o maior número de exemplares posibles e concienciar á poboación a favor do respecto polos animais. Por iso este sábado, esta asociación volverá mobilizar a  activistas de todo o Estado para desprazarse ata o monte. “A sabotaxe da caza é unha actividade non violenta que consiste en subir ós montes e poñernos pacificamente entre os cazadores e os anism, dificultando a caza destes últimos. Os activistas teñen o compromiso de actuar de forma non violenta aínda que os cazadores os insulten, ameacen ou intenten agredir”, apuntan dende Equanimal.

Dende a Federación Galega de Caza xustifícase este torneo, aducindo a necesidade de levar a cabo un control cinéxetico da especie. O seu presidente, José María Gómez Cortón, destaca que a nosa comunidade é a que conta cun maior número de raposos por quilómetro cadrado: 2,71 exemplares, cando a taxa recomendable oscila entre 0,5 e 1. Así se recolle no libro O raposo en Galicia, realizado polo Observatorio da Caza -dependente da federación- e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Uns datos que, non obstante, non cadran cos censos ecoloxistas.”Suponse que esta actividade ten un aproveitamento cinexético pero o certo é que cazan, recontan en segredo, outórganlle o título ó gañador e botan ó lixo os animais, dos que non se aproveita nin a carne nin a pel”, denuncia Bernardo García, un dos integrantes da plataforma Matar por Matar, Non!, que definiu esta xornada como un auténtico atentado contra a fauna.

Lonxe de “manter o equilibrio” da especie, para os ecoloxistas o único que se logra con esta batida masiva é “desequilibrar as poboacións, diseminar as enfermidades e potenciar os problemas da especie na zona onde actúan”. De feito, recordan que no resto da comunidade, onde nunca houbo este tipo de campionatos, non existe problema ningún co raposo. Ademais, os colectivos que subscriben este manifesto levan anos denunciando “cotas sobredimensionadas e censos falseados coa conivencia dunha Administración pregada ó lobby da escopeta”, en palabras de Martiño Fiz, vogal de Espazos Naturais de Adega. “Estase cazando sobre cifras inexistentes”, afonda Xulio Fernández, presidente de matar por matar, Non!, que reclama unha maior fiscalización e control sobre os datos que determinan a caza. Esta posible manipulación dos censos foi negada de forma reiterada pola Xunta e a propia Federación Galega de Caza, que recordan que a configuración dos censos corre a cargo de técnicos competentes que elaboran un expediente administrativo, validado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza e de obrigado cumprimento. “Existen uns criterios rigorosos e estritos para configurar os cupos de capturas que, ademais, adoitan modificarse no caso de que as condicións previstas para cada tecor muden”, explica José María Gómez Cortón, presidente da Federación.

Con posturas tan enfrontadas como inamobibles, os cazadores coas súas escopetas e os ecoloxistas cos seus chifres volverán o día 29 a verse as caras. No medio, os verdadeiros prexudicados: os raposos.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Biodiversidade coas etiquetas , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s