Día Mundial dos Humidais

Lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, incluída no convenio Ramsar. Foto: Kiko Delgado

Lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, incluída no convenio Ramsar. Foto: Kiko Delgado

Recheos, piscifactorías, campos de golf, parques eólicos, polígonos industriais, encoros, infraestruturas de comunicación… As continuas agresións que sofre o noso medio natural convértense nunha auténtica ameaza para os máis de 1.000 humidais incluídos no inventario galego, levándoos ó bordo da desaparición. Unha situación que só se explica pola ausencia total de políticas de xestión e conservación por parte da Xunta. Así o cren biólogos e ecoloxistas, que unen as súas voces para alertar no Día Mundial dos Humidais que se celebra hoxe da febleza duns ecosistemas tan descoñecidos como vitais para a conservación da biodiverdade, a regulación hídrica e a loita contra o cambio climático, ó funcionar como reservorios naturais de carbono.

Galicia é o territorio do Estado con maior diversidade de lagoas, brañas, xunqueiras, bosques húmidos e turbeiras, ocupando unhas 7.678 hectáreas da nosa xeografía. A pesar desta diversidade só cinco gozan de protección legal: o Complexo Húmido de Corrubedo, o Complexo intermareal Umia-O Grove, a lagoa de Valdoviño, a Ría de Ortigueira e a de Ribadeo, o que sitúa á nosa comunidade á cola en canto a políticas de conservación destes espazos. Unha blindaxe que, para Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), se volve moi feble no día a día, como demostra o baleirado sufrido na lagoa da Frouxeira (Valdoviño) ou os danos causados pola construción dunha praia artificial e un porto na ría de Ortigueira. Ademais, instrumentos vitais para a súa protección como o Plan do Litoral (POL) non constitúen para Adega ningunha seguridade, ó deixar “vía libre” á instalación de industrias, co seu conseguinte impacto nos ecosistemas.

“A Xunta é a principal responsable da degradación destes espazos”, esgrime Fins Eirexas, secretario executivo de Adega. Un diagnóstico que comparte Emilio Rodríguez, secretario do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia: “Contamos cun rico patrimonio húmido pero existe un importante déficit de xestión, principal causante da súa degradación”. Para Rodríguez, o papel da Administración galega na conservación destes ecosistemas está a ser nula, favorecendo non só a súa deterioración, senón que sobrevivan illados e sen conexión entre si, levándoos á perda irremediable da biodiversidade que albergan. Para Adega, a xestión inadecuada destes ecosistemas provocou en moitos casos o sangrado, entullado, desecamento e destrución dun bo número de humidais galegos, como evidencia as desaparecidas lagoas de Pantín (Valdoviño) e Corme, a degradación das turbeiras do Xistral como consecuencia da acción dos eólicos ou a situación crítica que viven as Gándaras de Budiño. Os costeiros son, de todos os humidais existentes, os que corren máis perigo debido, entre outras cousas, á maior presión que sofren. Á ocupación poboacional -co 70 por cento da poboación vivindo na franxa atlántica- hai que sumarlle o crecente interese privado polos terreos litorais, cunha multiplicación nos últimos anos de industrias, infraestruturas e inmobles. “A contaminación e o urbanismo, cunha apetencia desmedida por edificar na costa, son os principais causantes da súa degradación”, apuntan dende o Colexio de Biólogos. Unha situación que coloca a Galicia na senda do Estado, onde xa desapareceron o 60 por cento dos humidais costeiros.

Fronte a esta situación, as receitas de ecoloxistas e biólogos son coincidentes: aumento da lista de humidais protexidos, cumprimento estrito da lexislación ambiental, ordenación do territorio e restauración dos ecosistemas danados, tal e como establecía o Plan de Recuperación dos Humidais anunciado en 2004 e do que nada se sabe.

Consciente da relevancia dos humidais, a dirección xeral de Conservación da Natureza da consellería de Medio Rural prevé paliar a falta de protección coa inclusión de ata 200 humidais na Rede Natura. “Coa proposta de ampliación na que se traballa, engadiranse 11.300 hectáreas ás 45.270 xa incluídas en Natura 2000, co que se alcanzará o 80% da superficie de humidais inventariados”, informan fontes de Medio Rural, que ven no futuro Plan Director da Rede Natura de Galicia un importante instrumento de planificación e xestión dunha boa parte dos humidais do país. Ademais, o departamento dirixido por Ricardo García Borregón está revisando e actualizando o Inventario dos Humidais, que se verá ampliado, así como o estatal.

Advertisements

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Patrimonio coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s