Unha parroquia con 10 millóns de toneladas de lixo

Vertedoiro da Aeosa. Foto: Ramón Escuredo

Vertedoiro da Aeosa. Foto: Ramón Escuredo

Unha parroquia ocupada por dez millóns… de toneladas de lixo. A Areosa, situada no concello coruñés de Cerceda, deixou hai case dúas décadas de ser unha pequena valgada da conca de aportación do río Lengüelle para converterse no maior vertedoiro do país. Recibe anualmente a metade dos residuos sólidos urbanos xerados polos habitantes dos 294 concellos galegos adscritos ó modelo Sogama, unhas 400.000 toneladas que o Complexo Medioambiental de Cerceda non é capaz de tratar. E nos vindeiros oito anos seguirá acumulando ata tres millóns de toneladas máis grazas á ampliación da entulleira nun corenta por cento, aprobada o pasado xoves polo Consello da Xunta.

Mais para buscar a orixe da Areosa como vertedoiro hai que remontarse ó ano 1993, con Manuel Fraga como presidente do Goberno e Xosé Cuíña como conselleiro de Política Territorial, cando comezou a recibir residuos sólidos urbanos procedentes da área metropolitana de Vigo. A alta densidade de poboación no sur da franxa atlántica fixo aumentar ata niveis alarmantes o volume de lixo xerado, que non tiña onde ser depositado. A pesar da distancia xeográfica, Cerceda foi o lugar elixido para trasladar os entullos, aínda que non sería ata o ano 1996 cando o vertedoiro funcionase como tal grazas a unha autorización de depósito temporal que se extendeu ata o mes de abril do 2008. A decisión contou co visto e prace do propio Consistorio, abríndolle así á porta á futura instalación da planta incineradora no mesmo concello, e co rexeitamento dos veciños, que dende ese momento iniciaron unha longa loita para evitar que unha das súas parroquias se convertese no vertedoiro do país. “A elección de Cerceda foi estratéxica, ó ser un concello con moi pouca poboación, que estaba lonxe de Vigo e que tiña un alcalde que dixo “si” a todo”, afirma Rocío da Igrexa, actual voceira do BNG na vila coruñesa.

A posta en marcha da incineradora de Sogama -que arrincou en probas en xaneiro de 2000 para funcionar a pleno rendemento dende abril de 2002- viuse como a oportunidade de acabar coa incipiente entulleira, mais acabou por converterse nun recurso máis da planta ó que desviar os residuos que non poden ser tratados. Segundo recoñeceu no seu momento a Xunta, das 568.5789 toneladas recibidas no seu primeiro ano, 320.539 foron á Areosa. Cifra que se foi incrementado coa adhesión de máis concellos ó modelo da incineración, pasando dos 71 iniciais ós actuais 294.

A pesar das case dúas décadas de existencia, o vertedoiro da Areosa non chegaría á opinión plública ata o ano 2008, cando o PPdeG -na oposición- denunciou a existencia “ilegal” dun vertedoiro promovido por un goberno do seu partido. Por aquel entón, o deputado Jaime Castiñeiras advertía da existencia dun gran macrovertedoiro próximo a Sogama sen a autorización pertinente -aínda contaba coa autorización de depósito temporal- e no que “centos de toneladas de lixo se depositaban cada xornada sen ser sometidas a ningún tipo de tratamento nin de reciclaxe previa”. As acusacións indignaron o bipartito, que responsabilizou a Xunta de Fraga da situación pola súa “improvisación” á hora de dimensionar o Complexo Medioambiental, “saturado dende o primeiro día”.

Leas políticas á marxe, o cruzamento de acusacións serviu para poñer a Areosa, e os seus problemas, no mapa. Quince anos despois da súa posta en marcha, o vertedoi­ro recibiu en abril de 2008 o permiso definitivo: a autorización ambiental integrada. Mais a crecente montaña de lixo, que xa comezaba a divisarse dende varios puntos de Cerceda, agochaba unha serie de problemas que poñía en risco o seu futuro. A inestabilidade dos cinco vasos que conforman o vertedoiro, a liberación de biogás directamente á atmosfera ou a contaminación do río Lengüelle como consecuencia da filtración dos lixiviados foron algunhas das deficiencias denunciadas e posteriormente confirmadas por unha auditoría externa encargada pola actual Consellería de Medio Ambiente, dirixida por Agustín Hernández. En agosto de 2009, a Xunta revelaba que o colapso e a inestabilidade da entulleira deixábao con apenas unha vida útil de nove meses e medio. A solución do Goberno foi clara: proceder a ampliar a entulleira e, con carácter inmediato, acometer unha serie de melloras na Areosa, que nestes momentos deixan a instalación con capacidade para acumular lixo durante un ano máis. O plan de acción, iniciado hai uns doce meses, incluíu a construción dun novo vaso -con capacidade para albergar 163.000 toneladas de residuos sólidos urbanos-, ademais de acometer o recrecido da Fase 1, xa selada e clausurada, actuacións que ascenderon a 12 millóns e medio, segundo informou a Xunta. Ademais, e cunhas partidas duns tres millóns, Sogama procedeu á mellora da impermeabilización e selado de diversas áreas e ó asfaltado de viais, que posibilitaron un maior acceso á entulleira.

Cos erros detectados practicamente paliados, o Goberno decidiu aprobar o xoves o proxecto de incidencia supramunicipal para aumentar cara a zona sur un 40% o macrovertedoi­ro, que pasará a ocupar máis de 400.000 metros cadrados. A actuación, que contará con 4,6 millóns de euros, pretende paliar a crise que vive o Complexo Medioambiental ata a posta en marcha da nova incineradora que o Plan de Residuos 2010-2020 prevé instalar no sur da comunidade. A decisión caeu como unha xerra de auga fría entre o colectivo ecoloxista, que acusou a Xunta de apostar por un modelo -o da incineración- caduco e esgotado. “Demóstrase que non aprendemos dos erros. A ampliación da Areosa só multiplica o problema e afástase un pouco máis da directiva da UE”, apunta Celestino Quintela, secretario da FEG. Unha lectura que comparte o BNG de Cerceda, quen cre que os problemas só irán a máis. “Os núcleos de Xestade e Queixas verán incrementados os problemas por malos cheiros, filtrado de lixiviados e a presenza de gaivotas”, advirte Rocío da Igrexa, quen lamenta a invisibilidade da Areosa tantos anos. Fronte a esta situación, ecoloxistas e BNG local piden promover a redución e un cambio no modelo de xestión do lixo.

O depósito de entullos na Areosa é, hoxe por hoxe, a única solución inmediata á grave crise de residuos que sofre Galicia. Un total de 253 vertedoiros espallados por toda a xeografía falega recibían hai unha década o lixo da comunidade. Hoxe seguen activos uns 31, a maioría para residuos industriais, mentres que Medio Ambiente traballa na clausura de 30 nos que xa non se deposita ningún entullo. Con Sogama saturada, as plantas de compostaxe de Servia e Nostián ó bordo da creba económica e unha raquítica diminución do volume de residuos -cunha caída anual do 1 por cento dende 2007-, a Areosa non terá máis remedio que seguir sendo a parroquia convertida no vertedoiro do país.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Reportaxes coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

1 Response to Unha parroquia con 10 millóns de toneladas de lixo

  1. Pingback: Reganosa Demolizón » Unha parroquia con 10 millóns… de toneladas de lixo | Contra reganosa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s