A bici: ‘limpa’ e rápida

A bici é o medio de transporte máis rápido e limpo. Foto: Toni Garriga/Efe

A bici é o medio de transporte máis rápido e limpo. Foto: Toni Garriga/Efe

Permite facer desprazamentos porta a porta, en menor tempo que o resto dos medios de transporte e de forma totalmente limpa. Un conxunto de bondades que farán da bicicleta un vehículo preferente en lugar de alternativo. Este é o obxectivo que persegue a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) a través da reforma do Regulamento Xeral de Circulación que se aprobará este ano. Para fomentar o uso dun transporte que cada vez gaña máis adeptos, a DXT permitirá, entre outras medidas, que as bicicletas circulen polo centro da calzada nas zonas limitadas a 30 Km/h en lugar de pola dereita, así como polas beirarrúas que midan máis de tres metros de ancho. Dúas opcións que xa son realidade en moitos concellos do Estado que, a través das súas ordenanzas municipais, foron dando pasos para tentar paliar a marxinación que sofre a bici con respecto a outros vehículos.

A pesar de que as medidas anunciadas non son ningunha novidade, as reaccións en contra non se fixeron esperar. Ás críticas procedentes do sector automobilístico pola redución da velocidade nos centros urbanos, súmase ás do foro de organizacións peonís “Andando”, que defende a prohibición da circulación de calquera tipo de vehículo polas beirarrúas ante os posibles perigos que supoñan para os peóns. “Pode supoñer unha fonte de conflitos pero todo se pode arranxar cun pouco de civismo e saber estar”. Quen fala é Xan Duro, coordinador xeral de Verdegaia e un dos maiores promotores da bici como vehículo preferente en Galicia. Máis de vinte anos desprazándose a pedaladas polas rúas de Compostela avalan a tese deste ecoloxista de vocación, que celebra este cambio de mentalidade por parte da Administración.

Aínda que chega con trinta anos de atraso con respecto ó resto de Europa, este recoñecemento ó uso da vía pública por parte dos ciclistas supón, para Duro, un cambio de mentalidade máis que unha revolución en materia de mobilidade. “As reaccións en contra son un problema de imaxinario popular que non se trasladan á práctica porque en realidade ninguén vai a máis de trinta polo centro da cidade”, apunta Duro. Aínda no caso de que as velocidades foran maiores, o coordinador xeral de Verdegaia defende a redución, ó non supor un incremento dos tempos salientable pero si un certo aforro no nivel de emisións, tanto sonoras como as procedentes do tubo de escape. Ante anuncios como de Compostela ou Pontevedra de apostar de forma máis decidida por este vehículo limpo, Duro considera “imprescindible” facer da bici o eixe dos plans de mobilidade de todas as cidades galegas: “Chegou a hora de humanizar no canto de automobilizar”, defende. E é que tal e como constata no día a día, son máis as vantaxes que as dificultades que se lles presentan ós usuarios das bicicletas. Á marxe do “respecto” que impón o tráfico en puntos problemáticos pola intensidade da circulación, nin a choiva, nin o frío, nin as costas supoñen un problema para o usuario. Fronte a isto, as vantaxes son múltiples: permiten o desprazamento porta a porta evitando rodeos innecesarios, ademais dun aforro de tempo considerable, ó evitar atascos e interminables esperas polo bus. “Xunto coa moto é o vehículo máis rápido, ó que hai que sumarlle o seu aspecto ambiental”, apunta Duro.

As conclusións non son gratuítas, senón extraídas dunha comparativa feita en traxectos reais por Verdegaia entre os medios usados nas cidades: a pé, bici, moto, autobús, taxi e vehículo particular. Tras analizar o tempo consumido no traxecto, emisións de CO2, gasto en combustible e gastos de mantemento e amortización, os datos son concluíntes: a bici é o medio máis eficaz para moverse dentro da cidade cun custo económico mínimo, rapidez nos desprazamentos, ocupación mínima do espazo urbano e grandes vantaxas sociais e ambientais. Como resultado deste estudo, Verdegaia defende a necesidade de xerarquizar os usos do transporte a modo de pirámide ambiental na que a base dos desprazamentos sexan a pé ou en bici, seguidos polo transporte público colectivo, deixando o coche para circunstancias especiais.

Advertisements

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en transporte coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s