Galicia contamina por riba da media

cambio

Galicia experimentou na última década un incremento da temperatura de medio grao, rexistrou cambios nos ecosistemas mariños e terrestres, sufriu unha proliferación de incendios forestais, un aumento do nivel do mar e unha preocupante aparición de especies tropicais e invasoras. Toda unha serie de síntomas de que o cambio climático non é un problema virtual nin do futuro, senón que os seus efectos xa se deixan notar. Todas as medidas preventivas e correctoras que se adopten son poucas para tentar frear un fenómeno que avanza case imparable ante a pasividade dos gobernos. Por este motivo, a asociación ecoloxista Amigos da Terra reclamou o mércores en Vigo a creación dunha Lei de Cambio Climático que sexa transversal, vinculante e que inclúe obrigas de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro ano a ano. “As normativas internacionais existentes son moi débiles e non garanten o obxectivo de poñerlle freo ó cambio climático”, apunta a presidenta de Amigos da Terra en Galicia, Paula Vidal. De aí a necesidade de que o Estado conte cunha norma propia onde se lles obrigue ás industrias e actividades contaminantes a reducir as súas emisións baixo pena de graves sancións.

O problema é especialmente grave en Galicia, cuxos índices de contaminación son superiores á media europea. A pesar de que a partir de 2007, as emisións de gases efecto invernadoiro caeron ata situarse en niveis similares ós de 1990, ano de referencia do Protocolo de Quioto, seguen a ser moi altas, superiores incluso ás emisións medidas de España e da UE. Ademais, mentres que en Galicia as emisións en 2009 foron similares ás de 1990, no conxunto de Europa reducíronse nun 17,3 por cento. O motivo desta maior contribución da nosa comunidade ó cambio climático débese, principalmente, a que contamos con algunhas das empresas máis contaminantes do Estado. Os datos falan por si sos: seis industrias enerxéticas -Endesa, Gas Natural Fenosa, Alcoa, Repsol, Ferroatlántica e Cementos Cosmos- son responsables do 51% dos gases de efecto invernadoiro. De feito, só as dúas térmicas das Pontes e Meirama aglutinan un 40%, evidenciando que a queima de carbón para a produción eléctrica é o maior inimigo do clima. A isto hai que sumarlle a contaminación derivada do sector do transporte, que medrou medrou 6 veces máis que na UE.

E neste escenario, Galicia debe pasar á acción, tanto a escala individual como política. Así, Amigos da Terra reclama un compromiso firme das administracións que debe comezar polo ámbito municipal. “Non queremos medidas de cara á galería, senón un traballo de fondo”, afirma Vidal, quen ofrece o informe Oportunidades para unha Lei de Cambio Climático en España baseada en presupostos de carbono como a proposta “seria e de fondo” que a entidade lle presenta á Administración de cara á creación dunha norma marco que poida parar o quentamento global. Así, e aproveitando que o alcalde de Vigo é o presidente da Rede de Cidades polo Clima, Amigos da Terra pediulle a Caballero que traslade o informe a este órgano, traballo que completará o colectivo co seu envío a representantes políticos e das administracións públicas, universidades e de sindicatos, para sumar apoios.

Xunto coa penalización ás emisións, Amigos da Terra ve preciso tomar unha serie de medidas paralelas como a creación de plans de mobilidade nas cidades, a aposta polo transporte público colectivo e o recoñecemento dun maior número de focos emisores de gases de efecto invernadoiro, de forma que se teñan en conta actividades como o transporte, a gandaría, a agricultura e tamén os residuos.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Cambio climático coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s