Galicia vota en verde?

100809941

A primeira década do século XXI pasará á historia como o rexurdir da conciencia ambiental entre a cidadanía. A crise do Prestige foi un dos grandes detonantes dun sentimento que se foi espallando cara a outros ámbitos máis próximos como o urbanismo, a enerxía ou a mobilidade. A preocupación ‘verde’ da cidadanía alcanza cotas nunca vistas, situándose ó mesmo nivel que Europa, que nos leva anos de vantaxe. O último Eurobarómetro apunta que o 5% dos españois sitúa a deteriorización ambiental entre os dous problemas que máis lle afecta, porcentaxe que coloca o Estado na media dos Vinte e sete. Con este panorama, para moitos chegou o momento de dar o salto á política. A Plataforma Equo, liderada polo ex presidente de Greenpeace Juantxo López de Uralde, xorde neste contexto co obxectivo de erixirse no maior proxecto político ‘verde’. Mais a pregunta está no aire: ¿Hai oco para un partido destas características? E a que é máis importante ¿Traducirase esta forte concienciación ambiental en votos? ¿Galicia vota en verde?

A resposta é case unánime: aínda que socialmente existe un caldo de cultivo favorable, a irrupción con éxito dunha nova formación no panorama político galego resulta máis que difícil. Primeiro, polo propio sistema, fortemente artellado ó redor dos tres partidos con representación na Cámara, e unha Lei electoral que fixa nun 5% o mínimo para lograr representación no Parlamento. Segundo, pola falta dun liderado forte, que xere un proxecto o suficientemente ilusionante e viable para que a xente con certa conciencia ambiental decida sumarse a el.

“Sentimento hai. O que fai falta é ter un proxecto consolidado e con futuro que invite a sumarse a toda esa xente que está na retagarda, agardando”. Así o recoñece Kiko Vicente Rodríguez, un dos promotores dun futuro Partido Verde Galego, que pretende converterse nun referente político deste movemento. Aínda en fase de debate, o obxectivo da formación é converterse nun acicate ou revulsivo do sistema actual. Co ‘verde’ como piar do seu programa, o futuro partido busca tamén alternativas máis sostibles para outros campos: dende a educación, á sanidade, á investigación, ó transporte ou ó emprego. Tras renunciar á súa presenza nas locais, os promotores permanecen agora expectantes ó que pase ó redor de Equo, organización coa que están en contacto para poder ir da man de cara ás vindeiras eleccións xerais.

“A constitución dun partido que xire cara á ecoloxía social precisa dun traballo moi fondo e cunha proposta radicalmente nova, tanto ideoloxicamente, como na súa estrutura e forma de funcionamento”. Esta é a opinión de Xan Duro, un referente do ecoloxismo galego e actual coordinador xeral de Verdegaia. Para Duro non só resulta necesario, senón “imprescindible” a posta en marcha dun partido que aposte por unha transformación real do sistema, algo que de momento non existe, e que teña de partido só o nome. “Ten que ser un partido para que poida presentarse ás eleccións pero para que realmente sexa atractivo que mova a xente ten que ser unha cousa diferente, moi participativa, horizontal. Todo o contrario ó que hoxe é un partido político”, apunta.

Da mesma opinión é un dos analistas políticos máis reputados do país e responsable da bitácora dpaso.blogaliza.org, Manolo Barreiro, quen ve claro que calquera alternativa que xurda neste ámbito terá que facelo “con formas políticas non convencionais, cun discurso de proximidade e menos acartonado”. Manoel Santos, director do Altermundo, aínda propón outra clave: introducir especificidades propias dunha nacionalidade histórica como é Galicia. “Un partido verde aséptico non tería demasiado impacto. A maior parte da conciencia transformadora do país está dentro do nacionalismo ou, máis amplamente, do sentimento galeguista. Por iso, o único que podería ter algo de cabida sería un partido verde que tivese as súas especificidades. O exemplo claro está en Cataluña con Iniciativa Per Catalunya Verds (ICV), que te o seu oco porque teñen unha vertente diferenciadora”, esgrime Santos quen, non obstante, se mostra escéptico ante a creación dun partido destas características. “A sociedade con conciencia transformadora que podería votar esta opción tamén ten conciencia de país”, engade.

A alternativa: unha forma política de esquerdas onde o verde fose central, é dicir, un partido ecosocialista, pero á galega. Esta é a liña defendida tamén por Xoán Hermida, membro de Amarante e autor do blog Galizia Ecosocialista, quen ve posible a constitución dun partido ecosocialista do país, aínda que fóra das actuais estruturas políticas institucionalizadas: “A nova fase do capitalismo require a construción de novas ferramentas políticas de actuación. Non se trata de pintar de verde a esquerda. Trátase de construír unha alternativa socialista no económico e sostible no social e viceversa… e por suposto radicalmente democrática”, apunta. Para Manoel Santos, moitos dos desencantados co bipartito que o 1 de marzo do 2009 quedaron na casa poderían ser potenciais votantes deste partido. Unha masa que Xan Duro amplía ós galegos que non participan da política por descreimento, á xente decepcionada coas ofertas políticas existentes e á xente que milita nalgún deses partidos ante a ausencia doutra cousa mellor.

Á marxe do éxito  ou fracaso político dun partido verde, os catro coinciden nun punto: o xurdimento dunha formación destas características faría que os temas ambientais gañasen peso na axenda política. “Obrigaría a introducir na axenda política estas cuestións, ademais de reposicionar ás forzas maioritarias a atender esta cuestión”, asegura Barreiro. Así o entenden tamén Xan Duro e Manoel Santos, que teñen claro que o ‘verde’ terá máis peso no futuro.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en política coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s