Por unha nova cultura da auga

Esta é a primeira vez na historia da humanidade que a maioría da poboación mundial vive en cidades: 3.300 millóns de persoas… e a paisaxe urbana segue crecendo. Por iso, o obxectivo do Día Mundial da Auga 2011, que se celebra hoxe, é centrar a atención internacional sobre o impacto do rápido crecemento da poboación urbana, a industrialización e a incerteza causada polo cambio climático, os conflitos e os desastres naturais sobre os sistemas urbanos de abastecemento de auga, alentando os gobernos, organizacións, comunidades e persoas para responder ó desafío da xestión da auga urbana.

logo

O consumo hídrico de Galicia está por riba das súas posibilidades, cun índice equiparable ó da pegada ecolóxica, pola que a comunidade precisaría seis veces a súa superficie para ser sostible. A causa: uns hábitos baseados na adquisición de produtos que precisan dun alto volume de recursos hídricos para a súa produción. A situación non é exclusiva da comunidade: España atópase entre os vinte primeiros países do mundo en maior consumo de auga, ben que nun futuro non moi afastado pode converterse nun auténtico luxo.

Ante este escenario, o movemento ecoloxista galego aposta por implantar unha nova cultura da auga, baseada nunha xestión pública e responsable. Para iso, e con motivo do Día Mundial da Auga, Adega, Amigos da Terra, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia promoven un manifesto conxunto no que reclaman a posta en marcha dun sistema de tarificación que fomente o consumo responsable da auga e penalice o desbaldimento actual. “Entendemos que o acceso á auga debe ser un dereito fundamental recoñecido pero o uso da auga non pode ser gratuíto porque a auga é de todos: humanos, animais e vexeitais. E cando nós facemos uso dela, estamos privando a outras especies. Por iso, avogamos por un canon ecolóxico que grave os máis desbaldidores”, explica Virxina Rodríguez, presidenta de Adega. A tamén vogal de augas da asociación ecoloxista fixa en 160 litros por habitante ó día o consumo necesario para garantir unha vida digna, cifra que pode elevarse un pouco máis no medio rural. “A partir de aí, habería que gravar os consumos”, engade.

O establecemento dun canon non implica, non obstante, unha privatización nin da xestión nin do propio elemento. Por iso, a pesar de desmarcarse da Plataforma contra a Lei de augas -que este domingo saíu á rúa para pedir non só a derrogación da norma, senón a declararse insubmisos no pagamento do canon-, os ecoloxistas recordan que a auga é un ben público que cumpre unha función ambiental e social básica, polo que a súa xestión debe manterse neste ámbito, fuxindo de procesos de privatización ou especulación. Neste marco, o manifesto chama a “modificar ou derrogar a nova Lei de augas”, que teña en conta o decálogo ecoloxista.

Este, ademais do canon ecolóxico, reclama unha xestión máis sostible que permita mellorar a calidade ecolóxica do patrimonio hídrico galego mediante unha diminución do consumo -actuando sobre o aumento incontrolado da demanda de auga para usos urbanos, agrarios, industriais e enerxéticos- , ademais de lograr un óptimo estado da rede de abastecemento, minimizando as perdas de auga potable. A depuración tamén é clave para o movemento ecoloxista, que avoga pola posta en marcha de medidas que contemplen a separación en orixe de augas industrias e domésticas, co tratamento in situ das primeiras e a reutilización do máximo recurso posible, e das augas pluviais das residuais para non comprometer o proceso de depuración nos momentos de sobrecarga.

As cinco asociacións tamén demandan o deslinde do dominio público hidráulico, para evitar a súa ocupación por parte de mans privadas, e recuperan unha das reivindicacións históricas do ecoloxismo: a prohibición de novas minicentrais, así como os transvasamentos entre as concas. De feito, xunto coa Lei de Augas, o movemento ambientalista carga contra o Plan hidrolóxico da Xunta, por non ser máis tallante para evitar a sobreexplotación dos ríos, polo que esixen establecer e facer cumprir un réxime de caudal ecolóxico con base científica, ademais de programas de educación ambiental que impliquen a toda a cidadanía.

[A asociación ecoloxista Adega celebrou este domingo o Día da Auga cunha homenaxe ó país dos mil ríos e de todas aquelas persoas que loitaron pola súa preservación nun acto celebrado na Eira da Xoana no que se combinou medio, poesía e tradición. Para quen queira saber máis, pode ler a crónica aquí]

Homenaxe de Adega ós ríos galegos na Eira da Xoana. Foto: Ramsés Pérez

Homenaxe de Adega ós ríos galegos na Eira da Xoana. Foto: Ramsés Pérez

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Consumo coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

3 Responses to Por unha nova cultura da auga

  1. manoel di:

    Obviamente o uso da auga non pode ser de balde se o que se fai con ela é malgastar ou obter rendementos mercantís. Nese aspecto moita auga terase non só que pagar, senón racionalizar evitando ou prohinindo o seu uso excesivo, non vaia ser que nos instauren dereitos de auga ao xeito dos dereitos de emisións de Co2 (quen pode pagar…). No entanto, compriría abrir un debate sobre a defensa –un chisco neoliberal se nos descoidamos–, xa sexa con normas progresivas ou non, da mercantilización do elemento auga como única vía para a súa racionalización. Nese eido, o manifesto da Plataforma contra a Lei de Augas era ben clariño: “Priorizar e establecer a gratuidade para o uso da auga como alimento e aseo para as persoas, os animais e a produción de alimentos no marco da soberanía alimentaria”. O da soberanía alimentar como puntualización é importante.
    Bicos

  2. Fendetestas di:

    Manoel, a soberanía alimentar non debe confundirse coa gratuidade do recurso. Onde acaba a soberanía alimentar dun horto familiar ou cooperativa ecolóxica, que producen alimento para autoconsumo ou os mercados locais e donde comeza a dos pataqueiros da Limia, que chucharon o que quedou da lagoa de Antela? É unha cuestión de quen produce ou de canto consome? E da gandaría intensiva, millor non falar. Todos/as facenos un uso privativo dun recurso natural, e debemos pagar por iso. Outra cousa é que as administracións, en tanto que recurso básico, asuman os custos do mínimo vital, como co dereito a unha sanidade universal. A partires de aí, gravar o consumo escalonadamente e penalizar o desbaldimento. É o único xeito de garantir un uso sustentábel. O que quere o SLG é auga de balde para o agro, milleiros de captacións privadas que non pagan porque, como dicían na manifestación, a auga “é nosa”, do meu pozo. Aí está o erró: a auga non é nosa, e de todos os seres vivos, e cando a tomamos por riba das nosas necesidades básicas, debemos pagar por elo. E por certo, sabes cal é o sector (en Galiza tamén) que máis auga consome? O agrogandeiro.

  3. manoel di:

    E lo, Fendetestas, a agroindustria pataqueira e a gandeiría intensiva entran no marco da soberanía alimentar? Acho que non. Obviamente levas razón no de que a auga non é nosa, e non concordo con ese berro, mais de aí a procurar como única saída –falo por exemplo das pequenas explotacións familiares– a mercantilización do elemento… Pouco poderemos facer se nós tamén apoiamos a lóxica do mercado como solución.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s