Apaga a luz, acende o planeta

planeta

No que posiblemente será a maior chamada á acción para loitar contra o cambio climático, centos de millóns de persoas de todo o mundo apagarán a luz mañá durante unha hora (de 20.30 a 21.30 horas) nun intento de promover un cambio de actitude global en beneficio do medio e, en definitiva, da vida. A hora do Planeta 2011, iniciativa promovida pola asociación ecoloxista WWF/Adena por quinto ano consecutivo, pretende animar a individuos, empresas e gobernos a comprometerse e actuar en favor da sustentabilidade.

Máis alá do mero acto, o obxectivo é acadar o compromiso dun cambio global en beneficio do medio ante o inminente remate da vixencia do protocolo de Quioto, en 2012, sen que, despois do fracaso do cumio de Copenhague e a febleza dos acordos do de Cancún  haxa un novo pacto ambiental mundial. A crise árabe co conseguinte incremento do prezo do petróleo revelou como nunca a necesidade dun cambio no modelo enerxético no que todos sexamos máis responsables. O accidente nuclear de Fukushima e o debate sobre o futuro desta enerxía debería servir tamén para darnos conta de que o cambio é urxente, cunha maior aposta polas renovables e a posta en marcha de medidas a prol do aforro enerxético. Boa parte das esperanzas están postas no próximo cumio ambiental de Durban (Sudáfrica). WWF recorda que a conta atrás xa comezou e aínda estamos lonxe de conseguir un acordo coa ambición suficiente de redución de emisións para garantir que non se supere o limiar de aumento de temperatura de 1,5ºC.  É preciso que os países aumenten os seus compromisos de redución respecto dos manifestados ata agora, e acordes coas recomendacións científicas. Ademais, o acordo debe ser xusto, evitando que os países en desenvolvemento, que son os menos responsables do cambio climático, sufran de forma dramática as súas consecuencias. É necesario facer operativo o Fondo Climático Verde, con fondos suficientes para a adaptación dos países en desenvolvemento ós impactos do cambio climático, e recursos financeiros para limitar o crecemento das súas emisións.  Ademais de definir o mecanismo para reducir as emisións derivadas da deforestación, coas salvagardas sociais e ambientais necesarias. E por suposto, o marco legal debe garantir que se cumpran os obxectivos e que non queden suxeitos ó voluntarismo dos países ou sectores.

Estes argumentos lograron comprometer a fogares, oficinas, edificios oficiais e iconas arquitectónicas de Europa, Asia, África, Oceanía e América para escurecerse durante unha hora, así como ós gobernos de todas as grandes cidades para que realicen un apagón en edificios públicos á hora fixada, a excepción de Vigo, tal e como denuncia Amigos da Terra. Unha ausencia moi criticada, tendo en conta que se trata da urbe máis grande de Galicia e, polo tanto, da que ten maior consumo enerxético. Quen si se sumará é un bo número de empresas entre as que destacan o xigante téxtil Inditex, que apagará as luces dos seus escaparates en todo o mundo, e empresas públicas como Correos-Galicia, que tras a súa aposta polos vehículos eléctricos, segue apostando pola loita contra o cambio climático sumándose a esta iniciativa simbólica a través das súas oficinas, sucursais e centros postais.

HoraDelPlaneta2011_Es

Os nenos son o futuro. Por iso, a iniciativa deste ano pretende mobilizar ós máis pequenos a través dun embaixador de excepción: Pocoyó, que animará a millóns de nenos de todo o mundo a apagar as luces e, sobre todo, conciencialos sobre a importancia do coidado do medio a través de diferentes contidos e actividades dispoñibles da web de Pocoyó.

Unha hora a escuras ou un planeta sen futuro. A elección está na vosa man. Feliz fin de semana a todos.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Enerxía coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s