Galicia, no top da incineración

Galicia ten o dubidoso mérito de ser unha das comunidades máis incine­radoras de Europa. Pese a ter unha media de xeración de residuos un 30% máis baixa que a do Estado -cada galego produce uns 442 qui­los ó ano fronte ós 600 estatais-, a nosa comunidade queima o 42,5% dos seus refugallos. Tendo en conta que a media europea está no 20% e a española non chega ó 10% do to­tal de residuos xerados, Galicia é lí­der neste tratamento de residuos, só por detrás de Dinamarca, que envía a incinerar a metade dos 800 quilos de lixo que cada cidadán xera ó ano. Lonxe de reverter esta situación, o Plan de residuos 2010-2020 apro­bado pola Xunta seguirá incremen­tando a dependencia que temos da incineración coa futura construción dunha segunda Sogama no sur da comunidade. “Queimar o lixo ten un elevado custo económico, des­trúe emprego e contamina”, advir­ten dende o movemento ecoloxista, que coincidindo co período electoral acaba de iniciar unha campaña en contra deste modelo de tratamento dos residuos sólidos urbanos.

Performance ecoloxista ante Sogama, onde se troca a incineración pola compostaxe. Foto: Rosabel Candal

Performance ecoloxista ante Sogama, onde se troca a incineración pola compostaxe. Foto: Rosabel Candal

Pese a ser unha reivindicación his­tórica do movemento ‘verde’, o de­tonante desta campaña non é outra que a admisión por parte da conse­llería de Economía e Industria de que a firma Estela Eólica -terceira beneficiada polo concurso eólico convocado pola Xunta popular- pre­tende instalar a planta de tratamen­to de lixo no municipio ourensán de Dozón, con plantas de transferen­cia en Agolada, Mazaricos, O Incio, Baralla e Chandrexa de Queixa, e unha capacidade que duplica á de Sogama: 900.000 toneladas. Así o indica o departamento que dirixe Javier Guerra nunha resposta pu­blicada o luns no Boletín Oficial do Parlamento do Galicia para contes­tar a unha iniciativa do BNG na que se demandaba información da Xun­ta sobre esta segunda incineradora. Despois de que o Goberno descarta­se dar a coñecer a localización exac­ta da planta ata despois das locais, o dato rebelado por Industria reac­tivou o movemento cidadán con­trario ó proxecto xurdido no sur de Galicia.

Agrupadas na Coordinadora con­tra a incineración, as asociacións lo­cais que rexeitan a contrución doutra Sogama acordaron o inicio das mobilizacións cidadás e unha extra­texia de solidariedade para rexei­tar a instalación da planta sexa cal sexa a localidade elixida. O encon­tro contou coa presenza de repre­sentantes de Greenpeace, Amigos da Terra e a Federación Ecoloxista Galega (FEG), que decidiron saír ás rúas de Ourense para informar a ci­dadanía dos “perigos” da incinera­ción. “De confirmarse os datos ache­gados por Industria, a de Dozón se­ría a incineradora máis grande do Estado, tras a planta de Son Reus, con 700.000 toneladas”, afirma Ma­ría Durán, responsable de residuos de Amigos da Terra, para quen este sobredimensionamento da planta pode implicar que reciba residuos doutros lugares de España.

A aposta da Xunta pola incine­ración vai no sentido contrario das directivas europeas ou da propia Lei estatal, que prima a compostaxe. “É un sistema de xestión que endebeda os concellos, destrúe emprego e contamina”, afirma Julio Ba­rea, responsable de contami­nación de Greenpeace, organi­zación que na súa Análise so­cioeconómica da incineración de residuos municipais chega a unha conclusión rotunda: queimar resulta ata tres ve­ces máis caro que aposta po­la reutilización e a reciclaxe. O informe, no que se analiza o “custo real” das plantas, re­bela que as alternativas á inci­neración xeran 39 veces máis postos de traballo e rebaixan nun 20-30% a taxa do lixo e o gasto municipal por recollida. Ademais, cifra en 115 millóns os danos ambientais, que au­mentan nun 70% o impacto da actividade.

Composteiros instalados no parque das Lagoas, en Bueu. Foto: Adega

Composteiros instalados no parque das Lagoas, en Bueu. Foto: Adega

 

A opción cidadá: a compostaxe
Xusto no lado oposto da política de residuos do Goberno galego, cidadáns, concellos e ecoloxis­tas apostan pola reciclaxe dos refugallos. Máis de cincuenta vilas decidiron acollerse ós pro­gramas de compostaxe caseira -promovidos inicialmente den­de Adega e Amigos da Terra e ós que se sumou posteriormente a propia Sogama e a consellería de Medio Ambiente-, convertendo os residuos sólidos urbanos en compost de alta calidade que, ademais de evitar a contamina­ción ou o depósito do lixo nun vertedoiro, axudan a aumentar a fertilidade da terra e obter ali­mentos sans e nutritivos.

Cando se cumpre unha déca­da da primeira experiencia de compostaxe caseira, realizada na Illa de Arousa, e consolidada en grandes cidades como Com­postela, a cidadanía busca agora dar un paso máis a través da cha­mada compostaxe comunitaria. Da man da asociación ecoloxista Adega, os concellos de Santiago, Fene, San Sadurniño, Cambre, Poio e Bueu contarán con áreas de compostaxe instaladas en zo­nas públicas para asumir os resi­duos orgánicos procedentes das cociñas dos veciños do barrio ou lugar e tamén os residuos vexe­tais dos parques. Con esta ini­ciativa, cidadanía e movemen­to ecoloxista pretende reducir a cantidade de residuos xerados, xestionalos no mesmo lugar on­de se produce evitando o trans­porte e os seus efectos nocivos e sensibilizar a poboación na reci­claxe de residuos, así como im­plicala na resolución da proble­mática do lixo. A iniciativa cida­dá arrincou o 28 de abril no con­cello coruñés de Fene e atopou continuidade este mércores en Bueu, onde os técnicos de Ade­ga, en colaboración coa Manco­munidade do Morrazo, instala­ron os composteiros no parque das Lagoas. Ó final do proxecto, dun ano de duración, analizara­se a súa repercusión social, a re­dución de residuos orgánicos e a calidade do compost obtido coa colaboración da UDC.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Residuos coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

2 Responses to Galicia, no top da incineración

  1. Pingback: Lufthansa Promotion Code

  2. Salome di:

    Só unha aclaración: Dozón é un concello de Pontevedra, non de Ourense. O que ocorre é que está pegado a esta provincia e facilitaría o transporte de lixo desta á futura planta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s