O ‘fracaso’ do actual modelo de reciclaxe

No Día Internacional da Reciclaxe, alertan de que o actual sistema de reciclaxe “prima a produción de residuos”: pagamos por recuperar os 51 millóns de envases que se poñen ó día no mercado pero o 70% acaba no vertedoiro.

Ecoloxistas reivindican a recuperación dos envases para evitar seguir esquilmando recursos. Foto: Ballesteros/Efe

Ecoloxistas reivindican a recuperación dos envases para evitar seguir esquilmando recursos. Foto: Ballesteros/Efe

Líderes en produción e incineración de residuos –Galicia queima case a metade dos 442 quilos de refugallos que cada un de nós xera anualmente–, o sistema de reciclaxe imperante toca agora teito. Nados hai trece anos para promover a recuperación e reciclaxe dos envases lixeiros, papel e cartón, os Sistemas Integrados de Xestión (SIG) son hoxe un mero negocio que, lonxe do seu cometido inicial, alenta a xeración de lixo. Así o denuncian dende Retorna, que achaca á escasa implantación da recollida selectiva, derivada da falta de concienciación ambiental e vontade política, a reducida taxa de reciclaxe actual.

“O sistema actual subvenciona a produción de residuos”, afirma Víctor Mitjans, director de estudos técnicos de Retorna, asociación sen ánimo de lucro que promove un tratamento sostible dos residuos, quen cifra nun escaso 30% o volume de envases que cada ano son recuperados. Así se desprende dos datos achegados onte con motivo do Día Internacional da Reciclaxe e que rebelan que no Estado se  consomen cada día unha media de 51 millóns de envases, dos que 36 millóns (un 70%) acaban en vertedoiros ou en plantas incineradoras. “Estamos ante un modelo de tratamento fracasado e inxusto para o cidadán e para o medio”, engade Julio Barea, responsable da área de contaminación de Greenpeace e socio fundador de Retorna. Para o cidadán, porque paga ata tres impostos para un tratamento que nunca recibe –unha taxa  incluída no prezo do envase, o imposto municipal do lixo e a subvención pública á enerxía producida pola queima deses envases nas plantas incineradoras–. E para o medio, porque provoca unha perda de enerxía e recursos nun planeta sobreexplotado e nun Estado en déficit ecolóxico.

Lonxe de mellorar a situación, a futura Lei de residuos consolida o modelo dos SIG pese ó seu fracaso, ó tempo que obvian a obrigatoriedade da recollida selectiva, que permitiría incrementar a recuperación dos materiais reciclables. Fronte a isto, Retorna avoga pola posta en marcha dun Sistema de Depósito, Devolución e Retorno (SDDR) de envases de bebidas, baseado nunha premisa fundamental: recuperar o que tiramos. “É un modelo xa presente noutros países e que funciona. O exemplo témolo en Alemaña que, dende a súa posta en marcha, elevou ata un 95% a recuperación dos seus envases”, afirma Barea. Ademais de vontade política, este sistema precisa de colaboración cidadá. E para promovela, Retorna apela ó peto: por cada envase baleiro retornado, o consumidor recibe 25 céntimos. Non se trata de cobrar por reciclar, senón de recuperar o depósito previamente abonado polo consumidor ó adquirir un envase. Coa saída deste recurso do sistema de xestión do lixo, a factura municipal veríase reducida, aforraríase en materia prima e reduciríase nun 30% o impacto ambiental.

Unha botella, cincuenta vidas

O sistema de retorno de envases –aplicado non só á hostelería, senón ó uso doméstico– permitiría desenvolver unha das ‘3Rs’ máis esquecidas: a reutilización. “En Alemaña conseguiuse que unha botella de cervexa ou de refresco, tras ser desinfectada e limpada, teña entre 50 e 60 usos, evitando a destrución do material e a extracción de novos recursos”, apunta Barea.

30.000 puntos de depósito automático

Vontade política para facer obrigatoria en todo o Estado a súa implantación. Para Retorna isto é o único que fai falta para poñer en marcha o Sistema de Devolución e Retorno de envases, que debería vir acompañado do impulso definitivo da recollida selectiva do lixo. Iso e aproximandamente uns 30.000 puntos de depósito automático de envases en grandes superficies.

‘Non’ ás bolsas de usar e tirar

Ademais de promover a fin da incineración e pedir a posta en funcionamento do sistema de retorno, os ecoloxistas critican duramente que a futura Lei de residuos estatal perpetúe a bolsa de plástico dun só uso ata o ano 2018, momento no que avoga por trocalas por bolsas biodegradables: “Non soluciona o problema, senón que o traslada cara a outros materiais”.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Residuos coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

1 Response to O ‘fracaso’ do actual modelo de reciclaxe

  1. Pingback: Pensa en Verde » Reciclaxe de película

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s