
Fragas do Eume. Foto: Kiko Delgado
Ante esta situación e con motivo do Día Mundial da Biodiversidade, que se celebra o domingo baixo o lema Biodiversidade Forestal, o tesouro vivinte da Terra, ecoloxistas e expertos lanzan un chamamento para recuperar e preservar estes fráxiles reductos de vida. “Unha plantación de piñeiros ou eucaliptos non é un bosque, só un conxunto de árbores. Un bosque é un ecosistema complexo e imprescindible para a vida, ó constituír o hábitat de dous terzos das especies do planeta”, explica Adolfo Cordero, profesor da Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal da Universidade de Vigo. Ademais, regulan a auga, conservan o solo e a atmosfera e absorben o dióxido de carbono causante do efecto invernadoiro. A pesar da súa importancia, ó redor de 14 millóns de bosque desaparecen ó ano en Europa, segundo os datos achegados onte pola Fundación Félix Rodríguez de la Fuente.
A culpable da regresión: a xestión das administracións
As administracións son apuntadas como principais culpables desta situación. “Lexislatura tras lexislatura, vense primando o sector produtivo sobre o resto”, denuncia Alexandre Cendón, integrante da Federación Ecoloxista Galega (FEG), que non dubida en reclamar unha política forestal que prime a función ecolóxica do monte, evitando a plantación de monocultivos, rendibles económicamente pero altamente prexudiciais para o medio. A idea é compartida por Cordero: “En Galicia favorécese a produción de madeira, que supón un beneficio a curto prazo. Algo lóxico dende o punto de vista empresarial pero non da Administración, que debería pensar máis no futuro”, afirma o profesor, quen achega outro dato: a Administración está gastando máis cartos en apagar lumes do que obtén coa actividade do sector forestal, que representa o 3’5% do noso PIB.
A esta denuncia tamén se sumou onte Adega, que suspendeu á Xunta en materia de xestión. Unha das Redes Natura máis baixas do Estado -co 12% do territorio protexido fronte ó 24% do Estado- e uns instrumentos de xestión sen desenvolver, Adega non dubida en acusar á Administración de “desleixo e inacción” á hora de protexer a biodiversidade. Unha actitude pasiva á que se engade á posta en marcha do que Fins Eirexas, secretario executivo de Adega, deu en chamar a “maquinaria de desfeita do territorio”. Plan Eólico, modificación da lei urbanística, recortes no monte en mancomún, presión sobre os humidais ou o “novo asalto urbanístico ó litoral” son algunhas das compoñentes sinaladas.
Custodia forestal: 2€ para conservar un metro de fraga
A falta de concienciación por parte das Administracións debe ser suplida pola acción da cidadanía. Este é o chamamento que fai a asociación ecoloxista Adega para conseguir que as fragas, os soutos e os bosques de ribeira non sexan cousa do pasado. ¿Como? A través da adquisición de terras en regresión nas que realizar un aproveitamento sostible que permita conservar valiosos hábitats naturais. Así, baixo o lema Eu axudo a conservas as fragas galegas, Adega inicia unha colecta entre a sociedade galega a un prezo simbólico: dous euros por cada metro cadrado de terra. “Pagaremos o dobre do que pagou Pescanova á hora de adquirir terreos protexidos en Touriñán para levar a cabo a súa macropiscifactoría”, esgrimiu Fins Eirexas. A campaña foi presentada onte en Santiago por parte de Pepe Salvadores, vogal de biodiversidade de Adega, quen incidiu en que o obxectivo é converter estes terreos nun ben público. As primeiras accións levaranse a cabo no concello da Agolada, onde Adega conta con 9.000 metros cadrados de terra, pero estenderase a todas aquelas zonas con hábitats en perigo e que haxa posibilidade de compra.
Con esta iniciativa, Adega pretende introducir a figura da custodia no eido forestal, tras facelo nos ecosistemas fluviais -a través do seu exitoso Proxecto Ríos e a recente posta en marcha da rede de custodia fluvial Lérez, Ulla e Umia- e no litoral -como o Proxecto Corna en Corrubedo-. Así o recordou onte a presidenta de Adega, Virxina Rodríguez, quen apunta que hoxe, como antesala do Día da Biodiverdade, Adega celebra hoxe na Eira da Xoana, en Ramil-Agolada, o acto simbólico de adopción dun tramo do río Ulla.