Consumo como arma social

Imaxinen un mercado no que poden encher a cesta da compra con alimentos ecolóxicos e de proximidade, que ademais de ser saudables coiden do medio, axuden a revitalizar o rural e favorezan un sistema no que as relacións comerciais e as condicións laborais sexan máis xustas. ¿Utopía? Non. Consumo consciente ou responsable, unha forma alternativa de encher a cesta da compra que en Galicia xa practican unhas 800 familias… e crecendo. Agrupadas en cooperativas, asociacións ou grupos locais, tentan converter o consumo nunha arma social, demostrando que as decisións que se toman á hora de comprar dotan o usuario dun poder que o leva a influír no mercado.

A tenda de Árbore, en Vigo, conta con máis de mil produtos

A tenda de Árbore, en Vigo, conta con máis de mil produtos

Así o entenden en Árbore, a cooperativa pioneira en Galicia, que cumpre agora unha década demostrando non só que outro consumo é posible, senón tamén viable. Nada no 2000 para satisfacer as necesidades de vinte familias que quedaron sen local onde mercar produtos ecolóxicos e saudables, esta cooperativa olívica agrupa hoxe un total de 300 familias -preto de 1.000 socios- e conta cunha tenda propia na que poden adquirir o 80% dos produtos necesarios para abastecer as súas necesidades. Salvo produtos cárnicos, Árbore conta cun milleiro de artigos que van dende produtos de horta frescos (leitugas, brócoli, porros, coliflor…) ata leite, ovos, legumes e cereais a granel ou mesmo cosméticos ou de limpeza.

Revitalizar o rural e fomentar o autoemprego

“Traballamos como unha tenda de barrio, facilitándolle á xente o acceso a produtos ecolóxicos e de comercio xusto cunha ampla variedade que lle permite facer a práctica totalidade da cesta da compra”, explica o presidente da cooperativa olívica, Xavier Rodríguez. Un sistema que, non obstante, vai máis alá da mera relación comercial: “Revitalizamos o rural, dándolles saída e valor engidado ós artigos do pequeno produtor co que se elimina intermediarios para lograr un prezo máis xusto, e fomentamos o autoemprego, con socios que son traballadores, e que deben combinar o futuro da cooperativa con mellorar as súas condicións laborais”, apunta Rodríguez, que engade: “Os dez anos de Árbore demostran que podemos ter unhas relacións comerciais diferentes”. Quedan pasos por dar como conectar todos os elos da cadea, de forma que o consumidor poida establecer un contacto directo do produtor, coñecendo en todo o momento de onde proceden os artigos que leva ó seu fogar. Un reto que os cooperativas asumen como propio e que será abordado na XX Asemblea Xeral que terá lugar en Vigo o vindeiro 29 de maio.

Apoio á banca ética en busca doutro modelo financeiro

Este trasfondo social do que está dotada Árbore dá lugar á posta en marcha de actividades que van máis alá da mera acción de comprar, como os obradoiros de cociña ecolóxica. Un dos seus proxectos máis exitosos é o espazo de troco e cesión, que a través do seu sitio web conta nestes momentos cun total de 1.100 usuarios na comarca olívica. Unha iniciativa que se complementa co apoio e difusión da banca ética, un modelo financeiro alternativo que prima o beneficio social sobre o económico. “Fomos promotores de Coop 57, ó que dedicamos parte dos excedentes, e pertencemos a Fiare-Galicia”, explica Diego ­Alonso, socio de Árbore, que destaca o traballo en rede como a mellor vía para seguir consolidando o consumo consciente.

Un perfil moi heteroxéneo

O perfil do comprador que acode a unha tenda como a de Árbore é moi heteroxéneo e segmentado e vai dende o que simplemente pretende adquirir alimentos frescos, saudables e dunha maior calidade ó consumidor activo e consciente. “Esta diversidade enriquece”, gaba Diego Alonso, que destaca como usuarios que comezaron mercando simplemente chocolate ou café de comercio xusto se foron aproximando cara os produtos de horta ou cosméticos, agrandando non só a súa cesta da compra, senón tamén a súa sensibilidade cara a esta outra forma de mercar.

500 euros de gasto medio

O gasto medio por familia -integrada por catro membros- ó mes é duns 90 euros, unha cifra claramente insuficiente para Diego Alonso, socio e empregado de Árbore. Un dato estatístico que, non obstante, se eleva a 500 euros entre os núcleos familiares que son compradores habituais. “Supón un aforro considerable, xa que os que optamos por produtos ecolóxicos saciámonos -os alimentos teñen menos auga- antes e nutrímonos máis, entre un 10 e un 15%”, apunta Alonso.

Os súper non son competencia

Ante unha desmedida apertura de centros comerciais e grandes superficies, as tendas de produtos agroecolóxicos e de proximidade ofrecen un valor engadido no que non hai competencia: unha relación máis próxima e humana, cuns produtos sans e saúdables que proceden da contorna. “A medida que as grandes superficies vaian introducindo produtos ecolóxicos, nós irémonos adaptando a ofrecer máis artigos de aquí”, explica Diego, quen asegura que aínda hai cota de mercado.

Traballo en rede das cooperativas

Árbore foi unha das cooperativas de consumo pioneiras en Galicia. Mais a día de hoxe xa non é a única. Nos últimos tres anos asistimos a un “boom” destes colectivos, que ven na olívica un referente. De feito, un dos seus labores máis importantes é o de ofrece apoio a pequenas cooperativas emerxentes. Nestes momentos, prestan asesoramento a grupos en Lalín, Morrazo, Valmiñor ou O Carballiño, conscientes de que a autoxestión é fundamental neste movemento. Do mesmo xeito, nesta década xurdiron cooperativas exitosas noutros puntos de Galicia como A Xoaniña en Ferrol, Eirado en Santiago, Zocamiñoca na Coruña e asociacións de consumo responsable como Semente en Ourense. Cada unha cos seus propios principios e sistemas -­algunhas funcionan exclusivamente por cesta-, forman parte da Rede Galega de Consumo Responsable e Consciente que, coa súa unión, busca beneficios á hora de establecer relacións cos produtores, ademais de dinamizar o movemento na comunidade.

Advertisements

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Consumo coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

2 Responses to Consumo como arma social

  1. Pingback: Pensa en Verde » Emisións sen freo

  2. Pingback: Emisións sen freo | Altermundo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s