Batéronse todas as marcas. Malia as alertas lanzadas a escala planetaria para frear o quecemento global e os compromisos de redución adquiridos polos Estados asinantes do Protocolo de Quioto, no 2010 liberouse á atmosfera un total de 30,6 xigatoneladas de dióxido de carbono, un 5% máis que o ano anterior. Os combustibles fósiles foron os principais causantes deste aumento a nivel global (o 44% proviñeron do carbón, o 36% están vinculadas ó sector do petróleo e o 20% ó do gas natural) que transforma en “utopía” o obxectivo de impedir que as temperaturas suban máis alá dos dous graos centígrados. Así o alertou onte a Axencia Internacional de Enerxía (AIE), desmontado todas aquelas previsións que vían na crise económica o maior aliado do clima: nin a peor recisión global en 80 anos tivo un mínimo efecto á hora de frear as emisións.

O transporte é, tras o enerxético, o sector que máis contribúe ó cambio climático. Foto: Oliver Weiken/Efe
A situación global contrasta cos primeiros datos do balance galego, onde se observa unha caída do 17,2% nas emisións do sector industrial, segundo os datos divulgados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. ¿Supón este dato que vai Galicia contracorrente? Os expertos coinciden: a resposta é, claramente, non. Galicia segue á cabeza en emisións/pér cápita, superando á media estatal: mentres que na nosa comunidade as emisións en 2009 foron similares ás de 1990, no conxunto de Europa reducíronse nun 17,3 por cento. O motivo do descenso hai que atopalo na caída da produción das térmicas das Pontes e Meirama -principais contaminantes do país-, que estiveron sen actividade varios meses. “A redución das emisións débese a esa paralización no funcionamento, non á posta en marcha de medidas correctoras nin a unha maior eficiencia destas industrias”, apunta Ramón Varela, catedrático de Bioloxía e un dos maiores expertos en contaminación do país. Do mesmo parecer é Xosé Veiras, responsable de Enerxía e Cambio Climático da asociación ecoloxista Verdegaia, quen apunta á perda de peso do carbón na xeración de electricidade debido o parón das centrais, a posta en marcha das de ciclo combinado -“algo máis eficientes”- e, en menor medida, o aumento das renovables. Non obstante, o carbón -o combutisble fósil máis contaminante- é aínda o máis empregado na xeración de electricidade. De feito, as térmicas das Pontes e Meirama seguen a ter un papel clave no noso sistema eléctrico, achegando en conxunto un 20% da produción, porcentaxe que case duplica a media estatal, próxima ó 12%.
As consecuencias deste aumento constante de CO2 na atmosfera son impredecibles. “Un quecemento así pode interrumpir a vida de centos de millóns de persoas en todo o planeta, levando a unha migración masiva e ó conflito”, apunta o profesor Lord Stern, da London School of Economics. Xa non se trata só de que aumente a temperatura e se derritan os polos. Os efectos prexudiciais xa se deixan notar no noso día a día… e na nosa saúde. Aumento de enfermidades respiratorias, cardíacas ou casos de cancro son consecuencia directa desta situación, tal e como apunta Varela, quen alerta: ata 400.000 persoas en Europa Occidental van ver a súa saúde minguada como consecuencia da contaminación. “Está demostrado que hai unha relación de causa-efecto entre o aumento da polución e a suba de casos nos hospitais”.
Evitar un desastre mundial pasa necesariamente por unha actuación dos gobernos. “Se temos medidas valentes, decisivas e urxentes moi pronto, aínda temos unha oportunidade de lograr o éxito”, apunta Fatih Birol, economista xefe da AIE. “A preocupación ambiental que había hai dous anos é, a día de hoxe, claramente inferior”. Esta é a advertencia que lanza Ramón Varela, quen ve tras este crecemento das emisións un claro freo das políticas ambientais. A crise centra todas as olladas e serve de escusa para paralizar calquera medida que sirva para buscar alternativas ó actual modelo enerxético, ó se une o freo das renovables co parón na eólica e a solar e o retroceso na investigación tecnolóxica para fontes como a xeotermia. Da mesma opinión é Juantxo López de Uralde, promotor de Equo: O problema está fóra de control. O planeta non pode esperar e a humanidade non pode asumir a suba de temperaturas”. Por iso, Equo pídelle á comunidade internacional que se tomen “medidas urxentes e eficaces”. Uralde destaca que estes datos evidencian que a crise é especulativa, xa que a actividade industrial continúa aumentando, de aí a necesidade de “loitar contra a especulación e a cobiza que nos levou a esta situación”. Os ecoloxistas téñeno claro: a curto prazo, débese avanzar con determinación na mudanza do ‘mix eléctrico’ ata lograr a produción cero de carbón e poñer en marcha políticas que favorezan o aforro e a eficiencia enerxética en todos os sectores. A longo prazo: acometer unha mudanza estrutural que camiñe cara a unha economía baixa en carbono, baseada no decrecemento sostible e o consumo responsable.