Lira exporta Os Miñarzos para ‘frear’ a crise dos océanos

A reserva dos Miñarzos, asentada nunhas 2.100 hectáreas da ría de Corcubión coxestionadas polos propios mariñeiros e mariscadores da zona, expórtase á UE na busca dun mar sostible. Aumentando a vixilancia e reducindo cotas e tamaños, logrou facer da confaría carnotá a única do país onde incrementaron as capturas. Unha mellora clave para revertir a grave crise dos oceános -convertidos no sumidoiro do planeta e fortemente explotados- e para os 520 millóns de persoas que viven do mar en todo o mundo. No Día Mundial dos Océanos, que este ano se celebra baixo o lema ‘Os nosos oceános, por un futuro verde, Os Miñarzos reivindícase como a mellor solución para ‘frear’ o seu declive.

Porto de Lira, Carnota, base das 45 embarcacións que traballan na reserva dos Miñarzos

A nosa relación co medio mariño debe mudar radicalmente. En xogo non só están millóns de especies e o colapso dos recursos pesqueiros -que os estudos científicos prevén para mediados deste século-, senón o futuro dos 520 millóns de persoas que viven do mar en todo o mundo. A contaminación e a sobreexplotación dos recursos debe dar paso a unha nova forma de xestionar un ecosistema clave para a supervivencia do planeta, baseada no respecto e protección da contorna natural e nas prácticas pesqueiras tradicionais e sostibles. E nesta nova concepción, todas as olladas apuntan cara ó mesmo lugar: Lira.

A pequena localidade costeira galega é hoxe un referente a escala internacional grazas á promoción dos Miñarzos, a primeira reserva mariña atlántica, figura de protección que ademais de buscar a conservación ambiental dos océanos, resulta beneficiosa para a pesca ó posibilitar a recuperación das especies. As reducidas capturas rexistradas pola confraría de Lira-Carnota como consecuencia da sobreexplotación quedaron a cero cando o chapapote do Prestige tinguiu de negro a costa, deixando na corda frouxa 75 familias que vivían no mar. A posta en marcha da reserva coxestionada polos propios mariñeiros da confraría, o establecemento dun dispositivo de vixilancia e un control exhaustivo do esfozo pesqueiro, acompañado do aumento do tamaño mínimo e a redución de cotas fixo posible que a de Lira sexa a única confraría do país que logrou aumentar as súas capturas. Un pequeno milagre no medio dun litoral fortemente presionado pola industria, os núcleos urbanos, o cemento ou as verteduras que fai dos Miñarzos a solución máis efectiva ante a grave crise oceánica actual.

Mariscadoras traballando nas rochas da reserva

Mariscadoras traballando nas rochas da reserva

“Gústame ser mariscadora porque me sinto libre. Buscamos que esta profesión siga viva. Queremos retirarnos nisto, por iso tratamos de coidar os nosos recurso e deixar para os que veñen atrás”. Quen fala é Josefa Fernández, unha das 98 persoas que actualmente traballan na reserva e deciden, aplicando os seus coñecementos e experiencia no mar, as ferramentas de xestión. “Os científicos non coñecen realmente a zona. De aí que o noso papel sexa fundamental”, engade. Cunha extensión de apenas 2.100 hectáreas e pouco máis de catro anos de vida, o proxecto xa dá os seus froitos. Lograr un furtivismo cero nunha provincia como a da Coruña onde a pesca ilegal chega ó 90% é todo un éxito. A decisión da confraría de aumentar os tamaños mínimos e os topes de capturas, así como os días de traballo logrou unha notable recuperación das especies. “A única solución para recuperar o mar é cumprir os topes, os tamaños e os cupos. Non hai outra”, apunta Manuel Tases, actual pescador de ourizo que antes de formar parte da reserva era furtivo. A mellora é especialmente importante no sector marisqueiro: xunto co ourizo de mar ou a centola, destaca o espectacular incremento do percebe -recurso fortemente sobreexplotado en Galicia- que fixo multiplicar por tres os ingresos dos percebeiros.

Mariñeiros botando as nasas para a captura do polbo

Mariñeiros botando as nasas para a captura do polbo

Máis lento é o proceso dos peixes ou do polbo que, dada á súa mobilidade, enfróntanse en maior medida ós problemas endémicos da nosa costa, atopando na reserva un pequeno descanso ou refuxio que resulta insuficiente para a súa completa rexeneración. Non obstante, o bo funcionamento das dúas reservas integrais (dunhas 200 hectáreas) favorecen unha alta produción de crías que, unha vez adultos, se exportan ó resto da reserva. “Falamos dos pulmóns da área protexida. Nelas non se pode pescar nin realizar actividades deportivas. Son a nosa vida”, explica o mariñeiro Juan Manuel Gómez. Así o corroboran os datos tomados polos biólogos da Universidade da Coruña en colaboración cos mariñeiros de Lira e a asociación ecoloxista WWF/Adena, que realizan un seguimento constante da biomasa da zona. Un traballo que se verá reforzado co deseño dun software que permita un rexistro en tempo real grazas ós datos enviados polos mariñeiros a través de PDA. Nunha segunda fase, o software irá acompañado dun dispositivo e un sónar que permitirá ter xeolocalizada á frota e lanzar unha mensaxe de alarma no caso de que entre alguén sen autorización, mellorando o tempo de reacción e aforrando en tarefas de vixilancia.

O espírito conservacionista non está rifado coa rendibilidade. De feito, se algo demostra o proxecto dos Miñarzos é que a protección do medio e a mellora económica é posible. Ademais de aumentar as capturas e o tamaño das especies, os produtos obtidos en Lira gozan dun maior valor engadido -e maior remuneración- ó ser alimentos con certificado de xestión sostible. “Un mar sostible é un mar rendible. E introducirse ou gañar mercado só é posible dándolle un maior valor ó teu produto e a sustentabilidade é unha das cousas máis valoradas polos consumidores”, explica Raúl García, responsable de pesqueiras de WWF/Adena.

Todos estes factores fan de Lira unha opción para ter en conta. A propia comisaria de Pesca da UE, Maria Damanaki, interesouse por este modelo conservacionista ó velo unha opción para superar o problema da sobreexplotación dos stocks que en Europa afecta ó 88% dos bancos existentes. “A Comisión busca implicar o sector da pesca e o marisqueo artesanal porque é o único que, no futuro, pode sobrevivir sen subsidios”, engade García. Ábrese así a posibilidade de artellar a descentralización da xestión pesqueira, indo cada vez máis cara a unha maior rexionalización. Países como Suecia ou Reino Unido xa están seguindo os pasos dados polos mariñeiros galegos, sendo de especial importancia a posta en marcha dunha reserva pesqueira no Mediterráneo por parte dunha plataforma de pescadores artesanais de España, Francia, Italia, Grecia, Malta e Chipre.

O exemplo non só cala fóra. Seguindo a senda de Lira atópase nestes momentos a reserva mariña de Cedeira, aprobada en marzo de 2009 e que dende finais de 2010 vén aplicando un plan de xestión que está a permitir a recuperación dos recursos. “O control estrito das entradas e saídas das embarcacións e un maior control dos días de esforzo pesqueiro nas difentes zonas da reserva, unido ó servizo de inspección e vixilancia, fan que a reserva de Cedeira -dunhas 720 hectáreas- funcione perfectamente”, explica Irene Estévez, secretaria da confraría. Aínda dando os seus primeiros pasos, o pósito está agora inmerso na creación dun sistema de trazabilidade que lle permita ó consumidor seguir todos os pasos dados polo peixe dende o mar ó prato. Pola súa banda, a de Lira atópase nestes momentos inmersa nunha segunda fase do proxecto, que pasa por anexionar a veciña área mariña de Muros, dunhas 14.000 hectáreas, co obxectivo de aumentar a superficie mariña protexida. Toda unha mostra dun cambio de mentalidade do sector pesqueiro galego que busca recuperar un mar do que vivir.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Océanos coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

1 Response to Lira exporta Os Miñarzos para ‘frear’ a crise dos océanos

  1. O mércores 8 de Xuño tivemos en PANXEA a charla de María José Juán Jordá sobre Pescarías Globais do atún, da que vos traemos hoxe un pequeno resumo.

    A pesca de palangre ou de cerco, a sobrecapacidade dunha pesca industrial insustentable e a pesca pirata están a acabar co atún vermello no mar Mediterráneo e pon en perigo ás demais especies de atún a nivel mundial. Este tipo de pesca dana o ecosistema enteiro e xera a captura de atúns inmaduros que non se reproduciron. Desafortunadamente, un 80% da pesca de atún ven de pescarías ilegais e insustentables.

    Existen tipos de pesca tradicional que perduran en España desde a Idade Media e garanten unha explotación sustentable dos nosos recursos e o mantemento dun tecido sociocultural. As artes tradicionais para a captura do atún teñen tamén a vantaxe de escoller individuos adultos e evitar os inmaduros e outras especies:

    – A Almadraba, que forma parte das artes para a captura do atún vermello, consiste en instalar un labirinto de redes no paso dos atúns. Empregouse desde tempos prerromanos en España e Italia, pero representa menos do 1% das capturas de atún mundial.

    – A pesca co curricán (arte de pesca típico do Cantábrico) realízase normalmente desde unha embarcación, e cunha cana o pescador elixe as súas capturas (2% das pescas de atún).

    – O “cebo vivo”. Chámase así a esta variedade de pesca practicada polos pescadores do Cantábrico, consiste en pescar con cana as pezas, con cebo vivo e sen morte no anzol. Esa arte tradicional representa na media o 10% das capturas mundiais do atún.

    Poden encontrarse nalgunhas latas de conserva o selo “Dolphin Safe”, pero este só garante que a captura sen asociación con golfiños. Existen certificados como o MSC “Marine Stewarship Council” que garanten a pesca responsable e promoven prácticas sustentables. ¡Infórmate!

    Para saber o que se está a consumir hai que esixir unha boa etiquetaxe, porque hoxe en día hai moi poucos produtos con trazabilidade e transparencia nos mercados e tendas.

    E non queremos esquecer o noso agradecemento a María José pola súa charla.

    PANXEA Asociación para o Comercio Xusto e Solidario
    http://panxea.org/panxeablog/

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s