A compostaxe caseira chega ó rural

Converter os residuos orgánicos nun abono de alta calidade xa non é exclusivo dos fogares galegos. A grave crise que atravesa o rural e unha maior concienciación ambiental por parte de labregos e gandeiros fan que o sector busque un futuro máis sostible para as súas explotacións, adaptando a compostaxe caseira á realidade do rural. Este é o obxectivo de Ecorega, proxecto bianual impulsado polo sindicato Unións Agrarias (UUAA) co asesoramento técnico da Federación Galega de Medio Ambiente (Fegama) e cofinanciado con fondos ‘Life’ da UE, que busca converter os refugallos agrarios e gandeiros en fertilizantes naturais aptos para todo tipo de cultivos e biogás coa que alimentar a calefacción das explotacións.

O enxeñeiro ambiental Miguel Acuña, esquerda, xunto a un operario da granxa San Luis de Santa Comba, que compostará os seus residuos

Nove granxas pioneiras –tres porcinas, tres avícolas e tres vacúas– serán as encargadas de mostrarlle o dobre beneficio da iniciativa ó sector xa que, ademais de darlle unha saída sostible ó importante volume de refugallos xerados nas explotacións, a súa conversión en compost e gas supón un importante aforro económico para os gandeiros. “A obtención dun fertilizante natural como é o compost permitiralles ás explotacións prescindir de abonos químicos e ábrese a posibilidade de que, nun futuro, se poida envasar e comercializar a través dunha plataforma web”, explica o enxeñeiro ambiental e presidente de Fegama, Miguel Acuña, un dos asesores deste proxecto piloto que despegará a semana próxima coa elaboración do primeiro compost.

Xurros almacenados para proceder a facer o compost

Este abono natural estará composto polos xurros das explotacións con outros tipos de residuos orgánicos –como restos vexetais ou residuos da insutria alimentaria como serradura ou casca de arroz– seguindo os parámetros determinados polo departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela (USC), liderado polo catedrático Francisco Díaz-Fierros. A súa elaboración será supervisada cada quince días –analizando parámetros clave como pH, humidade ou temperatura– para logo aplicarse sobre diferentes tipos de cultivo e comprobar o seu rendemento. “A fase do compost estará concluída en seis ou oito meses, unha vez determinados os cultivos máis viables para recibir cada tipo de compostaxe e a dose axeitada de aplicación”, explica Acuña.

Será nese momento cando arrinque a segunda fase do proxecto Ecorega: a conversión do metano liberado na fermentación dos residuos en biogás para calefacción. Para que valoración enerxética sexa un éxito, os gandeiros terán o apoio do Equipo de Laboratorio do grupo de Enxeñería Ambiental e Bioprocesos (Biogrup) da USC, que se atopa inmerso na creación dun biorreactor que será instalado nunha explotación avícola de Silleda. Para que a experiencia non quede nun proxecto piloto, ambos os dous procesos –compostaxe e valorización enerxética– serán recollidos en manuais didáticos que serán difundidos entre os gandeiros do país, que tamén poderán comprobar in situ as saídas que ofrecen os seus residuos.

O compost natural recuperará solos danados

Recuperar solos e reducir emisións
Ademais da utilización dos abonos naturais no agro e a redución de custos para as explotacións, a conversión de residuos en compost carrexa un importante beneficio para o medio: a redución de emisións de gases efecto invernadoiro á atmosfera e a recuperación de solos degradados. “Tratamos de darlle unha solución local ó problema dos residuos agrarios, evitando o transporte co seu tratamento e valoración na propia granxa e fomentando unha xestión máis natural”, apunta Miguel Acuña.

Distintas producións e tamaños
As participantes no proxecto Ecorega son tres granxas de vacún –Vimianzo, Trazo e Guitiriz, tres de porcino –Santa Comba, Lalín e Potenceso– e tres avícolas –dúas en Silleda e unha en Cambados–. A diversificación busca comprobar a efectividade de cada tipo de compost e os seus diferentes tamaños ten como obxectivo establecer cal é a dimensión máis viable para levar a cabo a valorización enerxética dos refugallos.

Aumenta a concienciación ambiental entre no rural
Buscarlles unha saída máis sostible ós residuos orgánicos xerados nas granxas é unha obsesión para os gandeiros. Non só por mandato da UE, que cada ano endurece os requisitos en canto ó tratamento, senón por unha crecente conciencia ambiental no sector. Así o recoñece Paula Conte, directora do proxecto Ecorega, quen asegura que foron moitos os gandeiros que se ofreceron para participar e que, dado o seu carácter experimental, tiveron que quedar fóra.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Residuos coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

1 Response to A compostaxe caseira chega ó rural

  1. Alberto di:

    Por experiencia, o tema do compostaxe é o futuro, reduces lixo (que ademais cheira) e o convirtes nalgo necesario para a túa horta, abono natural e sen “condimentos”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s