A recuperación do bosque galego pasa por unha xestión sostible

Correos, co asesoramento da asociación ecoloxista WWF/Adena, promove a recuperación do bosque galego coa reforestación de 12 hectáreas da Mancomunidade do Val Miñor, que aposta pola xestión sostible e a multifuncionalidade: sendas turísticas, cogomelos e apicultura complementan a produción de madeira. A firma postal presentou en Baiona o que supón o seu sétimo bosque no Estado, cunha visita por oito das doce hectáreas reforestadas.

Responsables de Correos e WWF/Adena no monte comunal de Chandebrito (Nigrán)

Entre rutas turísticas por sendas naturais, mostras de petróglifos, albarizas e cortas de eucaliptos, pequenos exemplares de carballos, castiñeiros, acivros, bidueiros e albedros loitan por converterse nos protagonistas de catro hectáreas do monte de Santa Cristina de Ramallosa (Baiona), xestionado pola Mancomunidade do Val Miñor. Todos eles son parte dos 1.500 exemplares cos que a firma postal Correos promove a recuperación do bosque autóctono galego no marco dunha iniciativa que supuxo a reforestación de doce hectáreas de monte mancomunal na comarca do Val Miñor (Pontevedra).

Galicia é unha das poucas autonomías do Estado no que a cidadanía aínda pode vivir dun monte rendible e produtivo pero do que apenas queda o ecosistema orixinario. Nun país no que o 98% do monte é privado e altamente fragmentado –o 80% das parcelas son menores de 0,5 hectáreas–, o abandono e a expansión de monocultivos de crecemento rápido e as malas prácticas de xestión asociadas a estas especies derivou nunha alarmante perda do bosque autóctono, que non só esmorece, senón que o pouco que queda é altamente vulnerable. A proliferación de incendios forestais –Galicia rexistra o 50% dos lumes que se producen cada ano no Estado– e a perda de produtividade e capacidade de rexeneración do solo son algunhas das súas consecuencias, ameazando non só os ecosistemas e a biodiversidade que albergan, senón á propia produtividade dun sector que achega o cinco por cento do Produto Interior Bruto (PIB) galego.

Traballos de acondicionamento do terreo

“Para que teña futuro, o monte debe ser multifuncional e sostible”. Baixo a densa capa de orballo que se instalou onte sobre o ceo de Baiona, Xosé Alfredo Pereira, xerente da mancomunidade de montes do Val Miñor, ascende cara a parcela que xestionan 130 comuneiros na parroquia de Santa Cristina de Ramallosa consciente de que “o que temos ante nós non é un monte herdado dos nosos pais, senón o que nos prestan os nosos netos”. “Temos que combinar a vertente económica, coa social e a ecolóxica ou nada disto terá futuro”, apunta. O seu é un exemplo de que outra xestión é posible. Hai dous anos recuperaron por iniciativa propia os petróglifos presentes nas súa propiedades e habilitaron unhas rutas naturais para que toda a sociedade poida gozar dese patrimonio. Agora, grazas á iniciativa de Correos, o eucalipto –especie predominante no monte– irá dando paso a piñeiros, castiñeiros e carballos ata a súa completa erradicación en 2030. “Resulta gratificante pensar que este novo bosque está nun lugar onde houbo un asentamento prehistórico, de forma que as especies vexetais que se plantaron agora son as mesmas que aquelas persoas puideron observar”, celebrou onte Alberto Lafuente, presidente de Correos España, na posta de longo do que xa é o sétimo bosque da firma postal na Península Ibérica.

¿Supón esta substitución a renuncia á produción madeireira? A resposta é, claramente, non. “Manterémola pero combinada con outras actividades económicas como a apicultura ou a produción de cogomelos e fomentando a súa función ambiental e social”, apunta Iago, un dos comuneiros de Santa Cristina. Absorber CO2, regular o ciclo da auga, conservar o solo e a atmosfera e servir de hábitat para a biodiversidade galega son algunhas desas funcións ecolóxicas, ás que hai que engadirlle a parte máis lúdica: o goce do monte e da súa paisaxe por parte da sociedade.


“Galicia mantén importantes bosques mixtos e unha valiosa paisaxe que non pode perder”. Así o cre Lourdes Hernández, responsable de WWF/Adena no proxecto de restauración, que ve clave evitar a actual fragmentación do territorio que converten as masas forestais en redutos de biodiversidade co correspondente risco de desaparición. E a mellor forma de evitalo está nos plans de recuperación de especies autóctonas como o que Correos vén desenvolvendo dende o 2000 no marco das súas políticas de Responsabilidade Social Corporativa (RSC). Neste claro cambio de tendencia na xestión forestal, a defensa da economía local é tamén clave. De feito, os labores de reforestación no Val Miñor supuxeron a creación de catro postos de traballo durante catro meses na área poboacional de influencia do monte.

Xunto co de Santa Cristina de Ramallosa, Correos e a asociación ecoloxista levaron a cabo labores de reforestación noutros dous montes mancomunais do Val Miñor: Chandebrito (Nigrán) e Borreiros (Gondomar). Incrementar a superficie de bosques autóctonos e diversificar as especies foi o dobre obxectivo da actuación levada a cabo sobre un total de doce hectáreas situadas no corazón das Rías Baixas. “Nunha zona de alta biodiversidade e rica en humidais, a recuperación forestal é clave para manter o equilibrio biolóxico da comarca, onde o eucalipto é a especie predominante”, explica. Tras a preparación dos terreos e a plantación de especies autóctonas conseguiuse a recuperación de tres pequenos bosques, contribuíndo a incrementar a súa resistencia ante futuros impactos
–incendios, pragas e efectos derivados do cambio climático–, ademais de asegurar a conservación de especies relictas e facer destas contornas un reclamo turístico. Concluídos os labores de reforestación no Val Miñor, a iniciativa de Correos proseguirá en Lugo onde, en colaboración coa Deputación que preside José Ramón López Besteiro e o Inludes, o vindeiro mes de outubro se actuará sobre outras catro hectáreas. Con esta segunda reforestación, a firma postal terá contribuído á recuperación de dezaseis hectáreas de bosque galego no marco dunha iniciativa que se financia con parte das vendas dos produtos da súa Liña Verde –embalaxes ecolóxicas–. Un pequeno paso cun gran reto por diante: lograr que o 15% de superficie autóctona actual non siga retrocedendo.

O ‘impacto’ ambiental de Correos

Ser a primeira empresa loxística do Estado e contar coa maior frota de vehículos fai que Correos teña unha importante pegada ambiental. Aínda consciente de que lograr o “impacto cero” é nestes momentos utópico, a firma postal ten en marcha un ambicioso programa para reverter os efectos prexudicais sobre o medio no que a reforestación e recuperación de montes autoctónos é só unha pata. Os 80.000 quilómetros que a frota de Correos percorre diariamente pretenden ser compensados coa optimización das rutas –co obxectivo de conseguir unha redución do 20% de emisións de CO2 para 2020–, a progresiva substitución do parque móbil por vehículos eléctricos –proxecto iniciado en 2008 e que para este ano xa conta cun orzamento dun millón de euros– e a optimización do consumo enerxético nas oficinas e plantas de clasificación, que suporán un aforro dun 5%.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Bosques coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

1 Response to A recuperación do bosque galego pasa por unha xestión sostible

  1. Pingback: Osíxeno vs Dioxina | pensanomedio

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s