A vida na vila más contaminante de Galicia

Cerceda é dos concellos con máis orzamento por habitante do Estado, ten un 5% de paro e goza de instalacións de luxo grazas á presenza de Sogama e Meirama. Malos cheiros, folerpas de cinzas e camións cruzando a vila as 24 horas, as contrapartidas.

A canción Cheira mal! da banda de rock Zënzar saíu á luz no ano 2001 para poñerlle himno sonoro ó sentimento dunha vila. Cerceda, pequeno municipio coruñés de 5.500 habitantes, é un dos concellos máis prósperos e máis contaminantes de Galicia. A orixe de ambas as dúas circunstancias é común: a presenza da central térmica de Meirama e da planta de tratamento de residuos de Sogama, cos coseguintes beneficios económicos e os seus prexuízos sociais e ambientais.

Cerceda, cun orzamento que roza os 23 millóns de euros –fronte ós 60 millóns, por exemplo, dunha cidade como Ferrol– conta cun dos presupostos por habitante máis altos do Estado. Presume de ter un desemprego inferior ó 5% e mentres o rural queda abandonado á súa sorte, o seu padrón municipal mantense estable. Segundo as cifras achegadas polo alcalde cercedense, José García Liñares (PSdeG), a central de Meirama paga 480.000 euros en concepto de  Imposto de Actividades Económicas (IAE), mentres que a presenza de Sogama supón outro millón de euros para as contas locais. Eses ingresos extra explican que Cerceda conte con radio e tele municipal, pistas de pádel, xardín botánico e mesmo un parque acuático envexado en toda Galicia.

Veciños da Lousa ensinan as folerpas de carbón nos seus cultivos

As contrapartidas, non obstante, son ás que levaron a numerosos cidadáns de Cerceda e a súa comarca a facer da canción de Zënzar a banda sonora do seu día a día. A presenza no concello de dúas das sete industrias máis contaminantes de Galicia tradúcese non só nunha clara contribución a incrementar a emisión dos gases efecto invernadoiro e as súas consecuencias, senón ás molestias derivadas do trafego as 24 horas do día dos camións que transportan o lixo procedente de 294 concellos, malos cheiros e a contaminación e perda de produtividade das terras, como consecuencia dos refugallos mal acumulados na Areosa e das nubes de cinza que saen da central térmica. Así o recorda Carlos Gende, membro da asociación cultural Lucerna de Cerceda “Hai xente que vive ó pé da central térmica e a escasos metros de Sogama, sufrindo os seus cheiros e vendo como as súas leiras están invadidas polos plásticos provenientes do Complexo Medioambiental sen poder facer nada. A situación é peor na Lousa, onde os veciños levan anos en pé contra as folerpas de cinza que invaden as súas casas e arruinan o seus cultivos”, conta Gende.

“En Cerceda cálase moito pero non temos por que ser o concello ó que traen todas as cousas malas por uns cantos postos de traballo. Esa no pode ser a escusa”, esgrime Carlos, quen cre na posibilidade de crear empregos facendo as cousas doutra maneira. Por iso, e ante o anuncio de que Galicia contará con outra Sogama no Sur, dende a asociación Lucerna advirten das súas consecuencias negativas e avogan por un modelo descentralizado, onde se produza un control real da xestión dos residuos en lugar dun sistema lineal no que se produce o lixo, se cobra por recollelo e se bota nun vertedoiro. “Non se trata de pasarlle a bóla a outro concello senón de mudar o actual sistema”, indica Gende.

A Andaina polo Clima celebrouse en Cerceda en abril do 2010. Foto: Rosabel CAndal

A concentración dos principais males do planeta en apenas dous quilómetros -distancia que separa a térmica de Meirama das instalacións de Sogama- fixo de Cerceda o escenario elixido por unha decena de asociacións ecoloxistas galegas e estatais – Amarante, Amigos da Terra, Asociación Cultural Lucerna, Adega, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Greenpeace, Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos (ISAP) e Verdegaia– para celebrar a Andaina pola Clima, coa que esixir unha Galicia sostible que composte, xere enería limpa e se mova en transporte público colectivo no marco das celebracións do Día da Terra do 2010.

[Nota: Esta reportaxe -con algunhas variacións- publicouse no mes de abril do 2010 no Galicia Hoxe con motivo do Día da Terra]

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Reportaxes coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

1 Response to A vida na vila más contaminante de Galicia

  1. Tupac Amaru di:

    Gostame o grupo e a canción, un grande descubrimento.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s