Fai un sol…

Nuns minutos, a primavera dará paso ó verán e con el (suponse) ó sol, unha fonte de enerxía limpa, ilimitada e… desaproveitada.

Galicia conta na actualidade con só 10 megawatts de potencia fotovoltaica instalada, cunha media per cápita de 4 watts por habitante, o que nos sitúa á cola do Estado en desenvolvemento desta renovable. Unha escasa implantación que provoca que a fotovoltaica apenas teña incidencia no noso mix enerxético: pese a que o 70% da electricidade xerada en Galicia procede de fontes renovables, só o 0,06% provén da fotovoltaica. Así se recolle no Balance Enerxético de Galicia 2009 -o último publicado- do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Eólica (48,95) e hidráulica (47,7%) seguen a ser as grandes xeradoras de renovables. Pero mesmo enerxías de escaso percorrido como a biomasa (que achegou un 1,5%) xa lle gañan a partida á forza do sol. “A solar pode cubrir todas as nosas necesidades, xa que produce 4.000 veces máis do que consumimos ó ano, ademais de ser unha fonte limpa e gratuíta que permite desbotar outras opcións máis perigosas e contaminantes como a nuclear ou a térmica”, asegura o responsable de Educación ambiental de Adega, Ramsés Pérez.

¿O clima galego, onde predominan as precipitacións e os ceos anubrados, xustifican este atraso na aposta pola fotovoltaica? A resposta é clara: non.

E o exemplo témolo en Alemaña, país que a pesar de rexistrar menores niveis de irradiación solar está a día de hoxe en 212 watts de potencia instalada por habitante. “En contra da crenza popular, Galicia está o suficientemente preparada para desenvolver con éxito a enerxía solar, tanto a térmica (produtora de auga quente e calefacción), como a fotovoltaica. Suficientes horas de luz e rentabilidade das instalacións solares son as dúas claves para promover e potenciar esta enerxía”, explica Ángel Botana, da firma Irradia Consulting Solar.

Entón, ¿a que se debe este menor impulso? Os seus elevados custos. Así o recoñece o propio Inega: “As instalacións fotovoltaicas teñen polo momento o gran problema do seu alto custo. Para illadas, o custo atópase entre 12.000 e 13.000 euros por kWp, e para instalacións conectadas á rede entre 5.500 e 7.000 euros por kWp, en función do tamaño da instalación, equipamento, interconexión, etc. Este custo aumenta naquelas instalacións nas que se incorpora un sistema de seguemento solar, de forma que os paneis se van orientando cara o sol a medida que o día vai evolucionando”. Pese a recoñecer os datos, Botana destaca que o investimento amortízase en dez anos, mentres que o aforro enerxético pode ser superior ó 50% respecto a instalacións equivalentes de combustibles fósiles.

Para o movemento ecoloxista hai outro motivo de fondo. A falta de apoio das Administracións, derivado das presións dos grandes grupos enerxéticos. “As tecnoloxías de fabricación e instalación de renovables que se desenvolven en España puxérannos á cabeza do resto de países da UE, coas vantaxas económicas e sociais que iso conleva. Pero o Goberno central botoulles o freo antes de que despracen ás tecnoloxías suxas, asustado pola presión das grandes compañías enerxéticas”, apuntan dende Ecologistas en Acción. De feito, como resultado dos apoios derivados do Decreto estatal 661/2007, a potencia solar fotovoltaica galega multiplicouse por catro entre 2007 e 2008, pasando de 2 a 8 MW. Mais o recorte nas tarifas e o establecemento dos límites á potencia a instalar introducidos polo Goberno na regulación posterior fixeron que o seu desenvolvemento se teña ralentizado de novo. Todo nun escenario no que o Goberno estatal lle vén de entregar ás térmicas de carbón e gas natural das grandes eléctricas 1.100 millóns por garantía de subministro, ós que hai que sumarlle os beneficios derivados do Decreto do carbón, polo que se prima a queima de combustible autóctono.

A nivel galego, as cousas non melloran. O país aspira a xerar con renovables o 100% da enerxía que consome no 2020, un escenario no que a solar apenas ten cabida. No documento de inicio do Plan Enerxético Estratéxico de Galicia 2010-2020 da Xunta, aspírase a lograr unha potencia de 12,5 MW en 2015. “A aspiración do goberno galego é que se instale en Galicia durante 5 anos a mesma potencia que en Alemaña se instalou en tres horas durante 2010 (instaláronse un total de 7.411 MW)”, denuncia Xosé Veiras, responsable da área de enerxía e cambio climático da asociación ecoloxista Verdegaia.

Fronte a esta tendencia, nun escenario como o actual no que os combustible fósiles comezan a súa particular conta atrás, o perigo atómico desbota a nuclear como alternativa e o cambio climático semella xa imparable, apostar polo sol como xerador de enerxía é indispensable. “Non só estamos a falar dunha enerxía renovable, senón autóctona, segura, de baixo impacto ambiental, intensiva en emprego, cada vez máis barata e democratizadora da produción eléctrica”, sostén Veiras, quen reclama unha aposta firme polo desenvolvemento da fotovoltaica, priorizando a xeración distribuída en edificios en lugar de favorecer os parques solares. Para iso, dende Verdegaia esixen unha regulación estable e máis favorable para esta enerxía, maiores subvencións para a compra de paneis -que en 2010 non chegou ó millón de euros-, a instalación masiva de placas solares en edificios públicos e campañas de difusión do seu potencial e vantaxas. A mesma visión é a que comparten dende Ecologistas en Acción, que cen días despois do accidente nuclear de Fukushima erixe á solar nunha das mellores substitutas por ser natural e limpa.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Enerxía coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s