A polémica de tornar ó retorno

Cada día póñense no mercado unha media de 52 millóns de envases. Lograr a súa redución e reciclaxe é un dos obxectivos da nova Lei de Residuos, que hoxe recibiu o visto e prace do Senado non sen polémica. A causa: a incorporación do sistema de retorno de envases (SDDR), defendido por ecoloxistas e criticado polos actuais organismos recicladores.

Xa falamos en anteriores entradas deste blog deste sistema -implantado en 32 países europeos- e dos seus beneficios, podendo resumilo así: ó entregar o envase, o consumidor recupera o depósito que paga no momento de mercalo. Ademais de mellorar os ratios de reciclaxe,  coa saída deste recurso do sistema de xestión do lixo, a factura municipal veríase reducida, aforraríase en materia prima e reduciríase nun 30% o impacto ambiental.

Tras o visto e prace do Congreso ó texto o 6 de xuño, a Cámara Alta – con 237 votos a favor, 0 en contra, e dúas abstencións dos 239 senadores presentes– decidiu manter na Lei de Residuos o sistema de devolución como unha opción para mellorar as taxas de recuperación e reciclaxe do lixo, que convivirá coa actual xestión de residuos en puntos limpos. A súa aplicación, segundo unha emenda pactada por todos os grupos parlamentarios, dependerá dos “informes de viabilidade técnica, ambiental e económica” que se presenten a estudo da Comisión de Residuos que se creará para ese efecto e na que estarán representados todos os sectores implicados: xestores, industria, ecoloxistas, consumidores e comercio. Ademais, o texto legal inclúe a necesidade de valorar con carácter previo “o grao de cumprimento dos obxectivos mínimos” do sistema vixente de acordo ás directivas europeas.

O consenso no Senado foi moi ben recibido polo movemento ecoloxista, especialmente tras a forte campaña en contra iniciada esta semana polos actuais xestores do lixo –Ecoembes e Ecovidro-, a Federación Española  de Industrias da Alimentación e Bebidas e a Confederación Española de Comercio. Posicionada a favor do mantemento do actual Sistema Integrado de Xestión (que promove a reciclaxe de papel e vidro a través da recollida selectiva por colectores de cores), a plataforma contraria ó retorno pediu publicamente o veto ó retorno, cuxo custo de implantación cifrou en 1.000 millóns de euros, ademais de vaticinar graves consecuencias económicas para consumidores e pequeno comercio. Aumento do prezo final do produto, así como problemas de espazo, distribución e loxística son algúns dos ‘peros’ anunciados pola industria.

“Non é o que queríamos, pero dadas as resistencias do  sector económico e as presións recibidas, consideramos que é un paso importante”, declarou a Efe Domingo Jiménez Beltrán, exdirector da Axencia Europea de Medio Ambiente e coordinador de Retorna, plataforma que lidera a promoción do SDDR e que pedía a súa obrigatoriedade. Coa decisión do Senado, o movemento ecoloxista espera lograr a recuperación do 98% dos 18.000 millóns de botellas, bricks e latas que se poñen cada ano no mercado grazas a este sistema. “O SDDR asegura a recuperación do 98% dos envases, que se converten en nova materia prima de alta calidade –plástico, metal e vidro– con valor de mercado”, esgrime Leticia Baselga, coordinadora da Área de Residuos  de Ecologistas en Acción. Un éxito constatado nos 34 países europeos nos que xa se aposta por un sistema que, ademais, beneficia o consumidor e o medio. “O cidadán recupera o depósito que paga ó mercar un envase e o impacto ambiental redúcese nun 30%”, afirma Julio Barea, responsable de contaminación de Greenpeace, quen recorda que actualmente estamos ante un modelo “fracasado e inxusto”. Para o consumidor, porque paga ata tres impostos para un tratamento que non sempre recibe –unha taxa incluída no prezo do envase, o imposto municipal do lixo e a subvención pública á enerxía producida pola queima deses envases–. E para o medio, porque provoca unha perda de enerxía e recursos nun planeta sobreexplotado.

Co debate tan vivo, déixovos as claves dos dous discursos para que poidades valorar por vós mesmos:

Custo de implantación:
Industria: mil millóns, 400 mi­llóns para a compra de máquinas de devolución de envases e 570 millóns polo custo de xestión.
Ecoloxistas: o sistema autofinánciase só.

Custo para o consumidor:
Industria: o cidadán desembolsar unha cantidade inicial por cada envase retornable mentres que agora a taxa verde corre a cargo do sistema.
Ecoloxistas: só paga o que non devolve mentres que ata agora o consumidor paga a taxa verde –incluída no prezo final do produto– reciba ou non tratamento.

Custo para o comerciante:
Industria: ademais do custo da máquina (ó redor de 20.000 euros), os comercios terían problemas de espazo e loxística.
Ecoloxistas: o sistema pode ser manual, polo que o comerciante só tería que ter unha caixa baixo o mostrador onde acumular os envases que serían recollidos unha vez ó día de forma gratuíta. Ademais, por fomentar a reciclaxe recibirían un tanto por cento do recadado.

Ratios de reciclaxe:
Industria: Ecovidrio e Ecoembes cifran nun 65,9% a actual taxa de reciclaxe. Co SDDR, aumentaríase nun do 2%.
Ecoloxistas: a actual taxa é do 30%, que se elevaría ó 98% co retorno.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Residuos coas etiquetas , . Ligazón permanente.

4 Responses to A polémica de tornar ó retorno

  1. Daniel Sánchez di:

    Eu quería animarte a que sigas publicando este blog. E todo un referente para os que nos preocupa o medio ambiente.
    ¡¡¡Animo, Rebeca!!!

  2. I had got a desire to start my commerce, however I did not earn enough of money to do that. Thank God my fellow proposed to utilize the home loans. Hence I received the sba loan and realized my dream.

  3. Pingback: pensanomedio

  4. Pingback: OK á nova Lei de Residuos | pensanomedio

Deixa unha resposta a Daniel Sánchez Cancelar a resposta