OK á nova Lei de Residuos

Contamos dende hoxe cunha nova Lei de Residuos. O Congreso deulle o visto e prace definitivo ó novo marco legal, que segue apostando pola incineración en detrimento da compostaxe, deixa como opcional a aplicación dun canon pola queima do lixo e non obriga á recollida selectiva da materia orgánica. As contrapartidas: contempla a posibilidade de aplicar un sistema de retorno de envases, aposta pola súa certificación sostible e comprométese coa redución.

Lixo apilado nas instalacións da incineradora de Sogama, en Cerceda. Foto: Ramón Escuredo

O modelo de consumo no que estamos inmersos levaranos a vivir entre o lixo. Os españois xeran un 6,6 % máis residuos que a media da Unión Europea e reciclan o 15%, fronte ó 24 % do conxunto dos Vinte e sete, segundo datos do Eurostat, a oficina comunitaria de estatística. A falta de medidas que contribúan a desincentivar a xeración de refugallos fará que, en só unha década, se duplique a produción por persoa ó día. A tramitación dunha nova Lei de Residuos estatal -que traspón a normativa marco da UE co obxectivo de lograr un texto máis ambicioso que o de 1998- presentábase como a mellor oportunidade para reverter esta situación. Non obstante, o Congreso deulle hoxe o visto e prace definitivo eludindo a obrigatoriedade da recollida selectiva dos refugallos orgánicos, clave para fomentar a reciclaxe e a compostaxe, aínda que incluíndo finalmente un obxectivo de redución do 10% para o 2020 (ó que hai que engadir unha taxa de reciclaxe dos residuos domésticos -papel, metais, biorresiduos, plásticos e vidro- dun 50%, que se eleva ó 70% no caso dos refugallos da construción e demolición).

O seu paso polo Parlamento e o Senado permitiron enriquecer un texto que foi cualificado inicialmente de cativo e pouco ambicioso. Xunto cun obxectivo de redución (principio básico das 3Rs), o novo texto considera a posibilidade de poñer en marcha un sistema de depósito, devolución e retorno (SDDR) para xestionar os envases ou a certificación forestal de envases e etiquetas, garantindo que a materia prima procede de bosques ben xestionados Dous logros que foron moi celebrados polo movemento ambientalista, especialmente o primeiro, tras o duro debate entre sector e ecoloxistas na votación previa ó ok do Senado. “O noso reto será demostrar que se trata dunha solución de probada eficacia para reducir drasticamente a cantidade de envases en circulación”, explica dende Greenpeace, Julio Barea.

Pese a todo, quedaron fóra a obrigatoriariedade da recollida selectiva da materia orgánica (que fomentaría a compostaxe e reduciría ata nun 60% a bolsa do lixo), a prohibición da distribución gratuita das bolsas de plástico dun só uso (que en 2018 serán substituidas por bolsas elaboradas con outros materiais biodegradables) ou a exclusión da incineración como opción de xestión. Aínda así, e atendendo ás peticións do movemento ecoloxista, o texto si introduce a posibilidade de gravar cunha taxa ou canon a queima do lixo e o depósito en vertedoiro, por ser as dúas opcións máis prexudiciais para o medio. Non obstante, as presións de comunidades e industria fixeron que as forzas políticas presentes no Parlamento deixasen como “opcional” este gravame, de forma que será cada autonomía a que decida se aplicalo -seguindo os pasos de Cataluña- ou non. “A queima dos residuos é a grande aposta das comunidades. Vémolo no plan galego, que sumará unha nova incineradora, pero tamén no andaluz, que contará con catorce”, asegura María Durán, de Amigos da Terra, quen recorda que esta actividade precisa de materia prima -toneladas e toneladas de residuos- para que sexa rendible. “Non hai redución e a materia orgánica non se recolle separadamente, polo que haberá máis lixo para queimar. Se non hai xestión previa, só queda incinerar”, engade Durán, quen acusa o Goberno de “mercantilizar” o problema dos residuos.

“A nova lei perdeu a oportunidade de darlle resposta ás necesidades do Estado en materia de residuos: aforro de recursos naturais mediante o aproveitamento dos materiais contidos no lixo, a prevención da contaminación que provocan tanto a incineración como os vertedoiros e a creación de empregos ‘verdes’ nun contexto de crise económica como a que vivimos actualmente”, engade Leticia Baselga, responsable de residuos de Ecologistas en Acción.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Residuos coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s