Raíña Lupa vende futuro sostible en Quilmas

Alimentos ecolóxicos, produtos artesáns e unha boa dose de festa. Estes son os ingredientes do Mercado Ecolóxico en Defensa da Terra ós que estades todos invitados a visitar hoxe na parroquia de Quilmas (Carnota). Non é só una feira de produtos, senón o reflexo de que outra forma de produción e consumo é posible. Postos de mercar e xantar combínanse con degustacións de tomate mel e pan ou a posibilidade de coñecer de primeira man cooperativas de consumo como Zocamiñoca e as actividades a prol do medio e o agro de Adega, o Sindicato Labrego Galego ou a Asociación Monte Pindo Parque Natural. Mais a xornada non só ofrece produtos sans e saudables cultivados na nosa terra, senón que supón o maior exemplo de que hai vías para lograr un futuro sostible. Así o demostran os veciños de Quilmas coa posta en marcha da cooperativa de agricultura ecolóxica Raíña Lupa, coa que non só conseguiron vivir da terra, senón demostrar que hai vida (máis san e saudable) máis alá as grandes multinacionais.

Entre o impresionante Monte Pindo e o mar esténdese a parroquia de Quilmas, en Carnota. Na zona, o Plan Acuícola reservou 250.000 m² de terreo para a ampliación da piscifactoría da multinacional norueguesa Stolt Sea Farm. Pero as terras son, na súa maior parte, propiedade dos veciños que decidiron darlle outros usos. No medio desta loita naceu a cooperativa de agricultura ecolóxica Raiña Lupa co obxectivo de demostrar que existe unha alternativa de desenvolvemento económico da zona compatible coa respecto polo ambiente. Trigo, centeo, patacas, espárragos, tomates, leitugas, cebolas, berenxenas ou tirabeques son as armas que atoparon para plantarlle cara á ampliación da planta acuícola. Defenden que promoven un modelo de desenvolvemento baseado no comercio local e na repartición de beneficios entre os veciños fronte á política das multinacionais que destrúen o territorio e practicamente non deixan emprego nin riqueza na zona.

Erradicación do uso de pesticidas e fertilizantes químicos mediante a complementación de especies vexetais, recuperación do inmenso legado que constitúe a sabedoría popular para a posta en valor da agra e a viabilidade económica son algúns dos conceptos que fundamentan esta cooperativa, cuxos socios son os propios veciños de Quilmas que decidiron ceder as súas terras para que outros as poñan en valor dunha forma sostible. Baixo o lema Alternativa de futuro e progreso sostible, os veciños de Quilmas desafían con esta actividade a pretenciosa visión das grandes explotacións piscícolas como única e exclusiva opción de desenvolvemento das pequenas localidades costeiras. “É un argumento que cae polo seu propio peso. Cando as piscifactorías se implantan nunha localidade nunca se xeran os postos de emprego prometidos, os conflitos laborais nesta industria aumentan cada vez máis e non é certo que non contaminen como demostran as continuas verteduras da planta xa existente en Quilmas que, coa súa ampliación, se verán infinitamente multiplicadas”, asegura Xosé Manuel Casais, voceiro da Plataforma de Quilmas e un dos promotores deste proxecto de agricultura ecolóxica. Ante esta realidade, Casais e os demais veciños están a buscar proxectos compatibles co medio e que “non arruinen unha das maiores potencialidades económicas e sociais destas paraxes privilexiadas coma son o turismo, xunto coa destrución directa e irreversible do patrimonio ecolóxico” que levan consigo as piscifactorías en primeira liña de costa.  A aposta por unha pesca artesanal, a recuperación de contornas degradadas, a conservación da diversidade natural autóctona e o desenvolvemento turístico baseado nunha oferta de calidade e sen infraestruturas agresivas coa contorna, as outras receitas de Quilmas para potenciar os ricos recursos da súa costa.

Advertisements

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Agricultura ecolóxica coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s