Novo SOS do litoral: da burbulla inmobiliaria á portuaria

O ladrillo xa ten substituto na carreira por acabar co litoral: o formigón dos portos. Así o denuncia Greenpeace no seu undécimo informe Destrución a toda costa, no que constata como trocamos a burbulla inmobiliaria pola burbulla portuaria. Ata douscentos quilómetros do litoral estatal está ocupado por estas infraestruturas, de forma que unindo os diques e espigóns existentes poderíamos realizar o traxecto que separa Valencia de Mallorca. E, pese á crise, o crecemento non se detén. Das 28 Autoridades Portuarias existentes no Estado, vinte están a acometer novas obras ou ampliacións: tan só en 2010 destináronse un total de 911 millóns de euros, ano no que o transporte marítimo se reducía un 9,5%. Alteración de correntes, destrución de praias, desaparición dos recursos pesqueiros e marisqueiros, aniquilación da paisaxe tradicional ou contaminación son algunhas das consecuencias dunha política que leva a Greenpeace a sinalar a Portos do Estado como “a principal ameaza do litoral”. E dúas das maiores son galegas:  o porto exterior da Coruña, que a pesar de ser “innecesario” consumirá 1.000 millóns de euros e destruirá a única zona virxe do litoral herculino; e o porto de Vigo que, pese a ser o de maior extensión do Estado (20 quilómetros), segue coa súa imparable carreira de recheos, ata o punto de que Greenpeace o define como o “motor de destrución costeira da ría de Vigo.Galicia sufriu na última década a maior recualificación da súa historia. Esta foi a alarma lanzada por Greenpeace no seu anterior informe, que apuntaba ós plans sectoriais como unha das principais ameazas (coa previsión de cementar 1.200 dos 1.720 quilómetros da primeira liña). Tras o ladrillo e a industria, os portos sempre estiveron presentes na lista de perigos do movemento ecoloxista, non só por usurparlle superficie ó mar, senón por ser un dos principais causantes de destrución dun patrimonio único -a paisaxe e a riqueza das nosas rías- e dun dos sectores económicos máis ligados á nosa terra: a pesca e o marisqueo. Nesta edición de Destrución a toda costa, Greenpeace detense a estudar os prexuízos dos cinco portos do estado presentes en Galicia: 

Vista dun dos recheos do porto olívico. Foto: A ria non se vende

Porto de Vigo. Definido como o “motor de destrución costeira da ría olívica”, o informe destaca que a autoridade portuaria promoveu a ocupación de 2.850.000 metros cuadrados de formigón en cinco concellos. As infraestruturas no propio Vigo, Teis, Chapela, Rande, Vilaboa, Moaña e Cangas ocupan un total de 20 quilómetros de costa, a maior ocupación do Estado. Greenpeace sinala como especialmente grave que ningún dos recheos se fixera baixo o paraugas dun Plan de Usos dos Espazos Portuarios (tal e como establece a Lei de Portos do Estado de 1992) e destaca que máis da metade da superficie gañada ó mar está ocupada por empresas cunha actividade allea ó porto.

A Ría de Vigo, un dos ecosistemas máis produtivos do país, sofre cada día un número ilimitado de impactos que causan a súa degradación. A pesar de representar o 37 por cento do valor total da pesca e o 18 por cento do marisqueo de Galicia e xerar ó redor de 60.000 postos de traballo directos e indirectos, a ría olívica está en constante transformación por mor do urbanismo salvaxe, unha máis que ineficiente depuración e os continuos recheos. De todos eles, a asociación ecoloxista define ó de Bouzas como a “maior agresión ambiental feita nesta ría”: con case un millón de metros cadrados de extensión, sepultou a práctica totalidade do rico banco marisqueiro da zona e prevé sumar, en 2015, outros 71.500 metros cadrados. Pese os efectos nocivos, a carreira para gañarlle terreo ó mar non para. O Porto de Vigo construíu en 1890 o seu primeiro recheo. Dende entón, millóns de metros cadrados de lámina de auga foron substituídos polo cemento. Nese esforzo levado a cabo nos últimos anos pola Autoridade Portuaria destaca a ampliación do Areal, que dos 49.000 metros cadrados actuais pasará a ter máis de 93.000 grazas a outros dous novos recheos. A proliferación de portos deportivos e a ameaza de novos, como de Cangas do Morrazo, deixan á ría olívica totalmente afogada polo cemento portuario.

Obras no porto exterior de Punta Langosteira (A Coruña). Foto: Greenpeace

Porto exterior de Punta Langosteira (A Coruña). O informe non só dá conta da destrución dun dos poucos tramos de costa virxe da Coruña, senón do impacto sobre o sector pesqueiro que conleva a infraestrutura: varios estudos cuantifican os danos sobre a pesca e o marisqueo en 27 millóns de euros.

Cun orzamento inicial de 479 millóns, o final rondará os 1.000 millóns. A causa: a localización, a peor alternativa posible polas duras condicións oceanográficas, nunha zona de mar aberto sometida a fortes temporais, que xa provocou a destrución de varias fases. Ademais, á construción dun dique, un contradique, varios peiraos, un morro e unha esplanada, será preciso engadir o traslado das instalacións de Repsol, Fenosa e demais terminais marítimas. Greenpeace apunta que o porto exterior -nado para ser porto refuxio- custará ata cinco veces máis que o de Ferrol, do que apenas o separan 16 quilómetros. Por todo iso, a asociación ecoloxista ve totalmente “innecesaria” unha das infraestruturas que máis impacto está a causar sobre a costa e as arcas públicas ó “carecer de viabilidad técnica, ambiental e económica”.

Dique exterior do porto de Ferrol

Porto de Ferrol-San Cibrao. A pesca e o marisqueo son os principais prexudicados por unha infraestrutura que ocupou ambas as dúas marxes da ría ferrolá, asfixiada co peche da súa entrada nun 60%. A obra, acometida entre 2001 e 2006, sitúase á cabeza de infraestruturas portuarias exteriores con 1.515 metros de liña de atraque. Os traballos -cun orzamento superior ós 200 millóns de euros-non tiveron en conta as máis de 700 especies presentes na zona.

O medio e a cidadanía foron os outros grandes damnificados. Cabo Prioriño, un tramo de costa totalmente virxe, convertiuse nunha explanada de 89,3 hectáreas que acolle unha terminal de carbón, dúas de biodiésel e unha de mercadorías. A isto hai que engadirlle a autorización para a instalación de Reganosa no interior da ría, unha “bomba de gas” segundo a define Greenpeace, que non só ameaza a biodiversidade da zona, senón que pon en perigo a seguridade dos seus habitantes. Por se todo isto fose pouco, está en marcha a redacción dun proxecto para crear un novo acceso para facilitar o transporte de mercadorías en tren coa chegada do tren de alta velocidade.

Espigóns comerciais e pesqueiros do porto de Vilagarcía de Arousa

Espigóns comerciais e pesqueiros do porto de Vilagarcía de Arousa

Porto de Vilagarcía de Arousa. Esta infraestrutura sufriu reiteradas ampliacións en peiraos comerciais pero destaca, sobre todas, a do Ferrazo -construída entre os anos 97 e 98 cun orzamento de 30 millóns de euros-, onde se asentan os depósitos de hidrocarburos, cuxa autorización foi declarada ilegal polo Tribunal Supremo. Pese á elevada biodiversidade mariña da que goza esta ría, a nova terminal de colectores gañoulle ó mar 82.000 metros cadrados, co conseguinte impacto sobre a flora e a fauna, as corentes e os fondos. Greenpeace sinala como especialmente grave a extracción de 1.336.000 metros cúbicos de fangos contaminantes e cun elevado contido en materia orgánica, que foron depositados na boca da ría, na entrada do Parque Nacional das Illas Atlánticas (entre Sálvora e Ons), que segue a ser un depósito habitual de residuos.

Recheo dos Praceres, no porto de Marín

Porto de Marín (Pontevedra). A autorización dun recheo de formigón de 300.000 metros cúbicos sobre un dos máis importantes bancos marisqueiros da ría de Pontevedra para a construción da plataforma loxística dos Placeres é un dos impactos na costa máis graves sinalados por Greenpeace no informe. O Supremo declarou ilegal esta obra e obriga ó Estado, Xunta e empresas a restituir a zona e devolvela ó seu estado anterior.

Para Greenpeace, este novo ‘boom’ portuario non ten xustificación: segundo os datos que aporta o informe, de 2005 a 2010, os ingresos xerados pola actividade dos portos do Estado non superaban os investimentos. De feito, pese ós investimentos millonarios, a Administración viuse na obriga de ter que intervir e rescatar portos como o de Xixón ou A Coruña porque non chegaban ó 2,5% da súa rendibilidade. E segundo un estudo da universidade de Valencia, de levarse a cabo todas as previsións do sector de portos do Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transporte (PEIT) teremos un exceso de capacidade instalada, polo que só se ocuparía o 39% da superficie portuaria existente entre 2014 e 2020. Ademais, a organización ecoloxista acusa ó Estado de amparar baixo estas infraestruturas unha nova especulación urbanística no litoral, ó permitir a instalación de empresas alleas ó porto nos seus terreos: industrias ou hoteis son algúns do principais beneficiados desta apropiación do dominio marítimo. Finalmente, Greenpeace alerta de que estas infraestruturas están desprazando actividades de grande interese económico e máis sostibles dende o punto de vista ambiental como poden ser o marisqueo e a pesca artesanal ou o turismo.

Ante esta radiografía, Greenpeace solicita un cambio de modelo de desenvolvemento nas políticas portuarias estatais e reclama urxentemente unha moratoria para as novas obras de ampliación: “Aínda estamos a tempo de chegar a bo porto, por iso é preciso poñerlle fin a este sensentido portuario”, asegurou hoxe durante a presentación do informe Pilar Marcos, responsable de Costas da asociación ecoloxista, quen tamén pediu aprobar a Estratexia de Sustentabilidade da Costa -que harmonice todas as actividades da franxa costeira-, poñerlle freo ós fondos europeos que financian infraestruturas de grande impacto ambiental, aprobar unha Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Sectorial de Portos que avalíe non só o impacto das dársenas senón as súas esruturas asociadas como os accesos terrestres e apostar por unha reforma fiscal verde para que as actividades más dañinas sobre o litoral teñan un custe extra.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en costa coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s