O Umia non é para o verán

Como cada verán o Umia volve estar no punto de mira. Tinguido de verde xa dende xuño tras unha primavera calurosa que fixo agromar máis cedo a alga tóxica que o afecta cada período estival, as medidas para sanear o río volven enfrontar a Administración, cidadáns e ecoloxistas. Co Plan Umia -dotado con 22 millóns de euros ata 2014- en marcha (finalizados labores de silvicultura, limpeza, derruba de infraestruturas abandonadas e o inicio do tratamento con cortiza de eucalipto, agora é a quenda da nova estación de captación de augas), membros da Coordinadora Anti-Encoro de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña; Adega e outros grupos ecoloxistas da comarca acudirán hoxe ás 18:00 horas ata o encoro da Baxe (Caldas de Reis) para pedir a súa demolición como a única solución para acabar coa proliferación, cada vez máis agresiva, da cianobacteria que afoga ó río e compromete o abastecemento de auga potable na zona.

Acto reivindicativo a prol da demolición do encoro da Baxe, en Caldas de Reis

Ademais de ser un dos ríos galegos máis presionados pola actividade hidroeléctrica e industrial que se asenta sobre o seu curso, cada verán o Umia volve ser noticia pola salubridade da súa auga. A responsable: unha alga tóxica que na época estival prolifera nas augas do encoro de Caldas para estenderse por todo o río augas abaixo da presa, obrigando as autoridades municipais a interromper a subministración de auga, ademais de poñer en risco a saúde dos veciños e do propio río.

A Coordinadora Anti-Encoro de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña; Adega e o Colectivo Ecoloxista do Salnés denuncian que a orixe da cada vez máis agresiva proliferación desta alga tóxica non é outra que a auga encorada da presa da Baxe, infraestrutura denunciada dende a súa construción por non garantir ningún dos usos e beneficios cos que foi concibido, entre eles o de abastecemento de auga potable, ademais de presentar numerosas irregularidades administrativas.

A alga tóxica tingue de verde cada verán as augas do Umia

Por este motivo, os colectivos cidadáns e ecoloxistas volverán reiterar hoxe unha vella reivindicación do movemento ambientalista: a demolición dun encoro que “non só non achega ningún dos beneficios cos que se xustificou a declaración de impacto ambiental -asinada polo actual conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández-, senón que ademais está a envelenar o río, a poñer en grave risco a saúde da xente e a impedir calquera uso recreativo do Umia e das súas beiras”. Segundo os colectivos convocantes, os episodios reiterados de contaminación por cianobacterias poñen en risco a saúde humana e a do propio río segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), que considera “extremadamente grave a toxicidade” desta alga. A propia Guía de calidade da Auga Potable da OMS recolle que a microcistina -incluso en doses pequenas- provoca importantes danos no fígado e sistema hepático, intestino e sistema dixestivo e graves efectos neurolóxicos sobre o sistema nervioso central, ademais de ser indutora ou desencadeante de procesos tumorais. Xunto cos efectos, a OMS advirte de que unha intoxicación deste tipo non presenta unha sintomatoloxía específica e que é moi difícil de detectar. En canto á saúde do propio río, a proliferación desta toxina priva de luz e osíxeno toda a columna de auga, facendo inviable calquera outra forma de vida. Ademais, a súa presenza na auga do río terá un efecto selectivo sobre a fauna, subsistindo só aquelas especies resistentes a ela.

Para acabar con esta situación, a consellería de Medio Ambiente decidiu poñer en marcha o Plan de Xestión Integral do Umia, que inclúe unha serie de melloras que se prolongorán ata o 2015 cun orzamento total de 22 millóns de euros. O primeiro paso desta actuación foi a aplicación dun plan de xestión forestal na área de dominio público do encoro deseñado por un grupo de investigación do departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais da Universidade de Vigo, seguindo as directrices de Augas de Galicia. O obxectivo deste plan é mellorar a conservación e limpeza das marxes do Umia ó seu paso por Caldas, o que contribuirá tamén a paliar os problemas derivados da proliferación de cianobacteria, segundo a Xunta. Entre os traballos destacan os tratamentos silvícolas para plantar especies autóctonas, medidas para favorecer o establecemento do bosque galería nas beiras da canle, restauración dos bosques de ribeira e intervencións para facer liñas de defensa nos camiños co fin de reducir o risco de incendio. Así mesmo, dentro das actuacións de mantemento e conservación do dominio público hidráulico das marxes do Umia, derrubou dous edificios abandonados nos concellos de Moraña e Cuntis.

O segundo gran paso deuse neste mes de xullo, cando Augas de Galicia iniciou o tratamento experimental con corteza de eucalipto para tentar frear a cianobacteria: un total de 60 toneladas flotarán sobre o Umia ó finalizar as tres fases das que consta ó proxecto (previsto para xuño do 2012). E tras ocuparse da contaminación, a Xunta está agora inmersa na posta en marcha a nova captación de auga para o núcleo urbano de Caldas para evitar os problemas de abastecemento de auga potable.

Tanto para a Coordinadora Anti-Encoro como para o movemento ecoloxista, ningunha das medidas do Plan Umia solucionarán o problema da alga tóxica. Por este motivo, no acto de hoxe volverán solicitar a apertura da presa como única forma eficiente de acabar con tal proliferación de cianobacterias no encoro e solucionar así tanto a contaminación da auga potable como a do propio encoro.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Contaminación coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s