Gran Burato, ¿tras a senda de BP?

A 140 quilómetros da costa galega e 1.700 metros de profundidade, moi preto de onde se atopa o pecio do Prestige, os fondos mariños agochan un orificio de catro quilómetros de diámetro e 300 metros de fondo, coñecido como Gran Burato. Nese lugar descoñecido, científicos e administracións teñen depositadas as súas esperanzas para lograr a “suficiencia enerxética” grazas á futura explotación da bolsa de gas atopada en 2010. Tras unha primeira expedición de recoñecemento da zona levada a cabo en 2010 por científicos da Universidade de Vigo a bordo do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa, o vindeiro 14 de agosto -co apoio económico da Xunta e do CSIC-, a expedición volverá emprender rumbo cara os fondos oceánicos para comprobar a calidade e cantidade de combustible exitente na zona e determinar, así, se é posible a súa explotación.

Preparativos da expedición científica ó bordo do buque Sarmiento de Gamboa. Foto: Duvi

Esta segunda expedición -na que participarán preto de 30 persoas- analizará nunha zona de 1130 quilómetros cadrados -o equivalente á cuarta parte da superficie da provincia de Pontevedra- se a extensión de gas é o suficientemente importante para levar a cabo unha perforación, segundo indicou Daniel Rey, un dos investigadores que viaxarán a bordo do Sarmiento de Gamboa. De darse o caso, os labores precisarían dunha estrutura de extracción similar á empregada polas petrolíferas no Golfo de México, co seu conseguinte financiamento millonario… e os seus riscos.

Corais detectados nos fondos galegos na expedición realizada por Oceana

A pesar de contar co beneplácito do Goberno galego e mesmo do Parlamento, a organización de conservación mariña Oceana xa manifestou a súa oposición a esta expedición. Os motivos: a máis que probable afección á alta biodiversidade da que gozan os fondos mariños galegos e a perpetuidade que con esta acción se fai do modelo enerxético actual, baseado nos nocivos combustibles fósiles. Oceana advirte de que a gran profundidade na que, hipoteticamente, se atopa esa cobizada bolsa de gas fai perigosa a súa extracción, tal e como recoñecen o propio equipo investigador: “A posible explotación e perforación é, polo de agora, un reto tecnolóxico de primeira orde, xa que está no límite da tecnoloxía de explotación e perforación que se está a desenvolver nestes intres”, recoñece o catedrático Daniel Rey, coordinador da misión galega. “A experiencia demostra que a industria non está preparada para actuar con seguridade nestas profundidades”, engade Carmen Calzadilla, responsable de cambio climático e enerxía de Oceana, quen sinala como exemplo o caso de BP no Golfo de México. Esta falta de garantías podería dar lugar a unha “catástrofe imparable”, que ademais de afectar a biodiversidade dos fondos, chegaría ata as aves, peixes e mamíferos, deixándose notar en toda a cadea trófica sen remedio, tal e como se viviu co Prestige.

Ademais de poñer en perigo a biodiversidade mariña, dende Oceana ven nesta acción unha clara contribución a seguir incrementando a acidificación dos oceános, fenómeno derivado das emisións de dióxido de carbono que contribúen ó cambio climático e que supón a alteración ou desaparición de moitas pesqueiras. “A única forma de frear este fenómeno é controlar as emisións, pero a industria gasística e petroleira é unha das principais emisoras de CO2“, apunta Calzadilla, quen advirte de que calquera acción que vai en contra do obxectivo de “descarbonizar o planeta” será rexeitada por Oceana.

A súa oposición non é única. Dende Amigos da Terra corroboran o risco ambiental que supoñen as prospeccións mariñas de gran profundidade e considerar “absurdo” que Galicia siga a manter unha “carreira desesperada por espremar as últimas pingueiras de gas e de petróleo”. Para a asociación ecoloxista, esta situación só carrexará un incremento das emisións de gases efecto invernadoiro, contribuíndo así a agravar os efectos do cambio climático. Especialmente crítico se mostra o colectivo ecoloxista coa Universidade de Vigo, á que acusa de desperdiciar neste proceso recursos técnicos e materiais e non poñer a I+D ó servizo da optimización das enerxías renovables. Fronte a isto, Amigos da Terra anima a Universidade de Vigo para aproveitar os recursos das expedicións oceánicas para analizar os niveis de radiactividade da zona -ó estar moi próximo da Foxa Atlántica- e analizar as posibilidades de desenvolvemento dos parques eólicos mariños “offshore”, unha alternativa enerxética pola que xa veñen investigando e apostando outras universidades europeas que, non obstante, en Galicia conta coa oposición da Xunta e da maior parte dos colectivos ecoloxistas.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Enerxía coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

2 Responses to Gran Burato, ¿tras a senda de BP?

  1. O que van atopar son os residuos nucleares verquidos a finais dos 70s e primeiros dos 80s….

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s