Destino: Corrubedo

Agora que a choiva volve bater con forza sobre os nosos corpos, os telexornais bombardéannos co estrés posvacacional, El Corte Inglés anuncia a volta ó cole e os coleccionables multiplícanse nos bloques de publicidade é tempo de falar de… VERÁN. E de lugares onde gozalo. Eu, como cada setembro, volvo a Corrubedo, unha terra á que estou unida emocional, vital e ata hai pouco profesionalmente e que, un ano máis, volve ser o parque natural máis visitado de Galicia.

A gran duna é unha das grandes atraccións do parque natural máis visitado de Galicia. Foto: Roi Oviedo

O turismo ambiental repuntou en Galicia ó longo de 2010, coa maxestuosidade do parque dunar á cabeza. Unhas 360.000 persoas achegáronse ata o Cómplexo Húmido ribeirense segundo o informe que cada agosto ofrece Consumer, batendo todas as marcas deste enclave de apenas 996 hectáreas -un dos máis pequenos en extensión, só por diante do Monte Aloia (de 746)-. A mesma liña ascendente experimentouna o único parque nacional do país: o das Illas Atlánticas que, con máis de 290.000 visitantes, conserva a segunda posición. Unha cifra que, probablemente, non se volverá repetir coa entrada en vigor das restriccións impostas dende o Consello Reitor do parque co obxectivo de contribuír á súa mellor conservación.

O tirón destes dous espazos únicos fixo que o patrimonio natural galego (o menos protexido do Estado cun 1,38% de superficie fronte ó 7,01% da media estatal) recibise un 14% máis de visitas e rexistrase un dos maiores ascensos dos parques naturais de todas as comunidades, só por detrás de Cataluña (5.431.775), Andalucía (1.633.124) e Castela A Mancha (951.460). Segundo o ránking de Consumer, tras Corrubedo e as Illas, o Monte Aloia é o que mellor aguanta o tirón con 120.000 visitas, moi lonxe xa do das Fragas do Eume (43.966), Baixa Limia (5.456), Invernadoiro (2.028) e Enciña da Lastra (1.672).

Á vista das cifras, está claro que son moitos os que, coma min, cada ano volven a esa lingua de terra, mar e area que é Corrubedo. Pero, ¿onde reside a clave do éxito do noso espazo máis senlleiro? A paisaxe única que ofrecen as montañas de area, incluíndo a duna móbil máis grande do noroeste peninsular -con máis dun quilómetro de ancho, 300 de ancho e máis de 20 metros de altura-, é unha das principais bazas de Corrubedo que, non obstante, alberga moito máis. Así o cre unha das persoas que mellor o coñecen:  a directora do parque, África Núñez, quen convida a descubrir as múltiples caras (a maioría descoñecidas) deste enclave. Nos meses de verán, o 90% dos que se achegan ata Corrubedo busca gozar dos seus catro quilómetros de praia. Os que se desprazan no outono poden contemplar un auténtico espectáculo: o aniñamento da importante cantidade de aves que fai desta paisaxe unha das poucas declaradas como Zona de Especial Importancia (ZEPA). Na primavera é a quenda da flora, destacando o florecemento das orquídeas que cobre a superficie dunar, conformando unha fermosa capa floral que queda inmortalizada a través dos milleiros de cámaras que toman imaxes dun fenómeno que apenas dura un par de días. Por non falar dun patrimonio que inclúe un castro, muíños fariñeiros, restos de fábricas de tellas e, como non, o alto valor ambiental das lagoas de Carregal e Vixán.

Porto de Corrubedo. Foto: Roi Oviedo

¿Hai máis? Ben, eu diría que si (mais deixo de ser obxectiva). A visita a Corrubedo é obrigada non xa pola beleza do propio parque ou da vila mariñeira que, pese o ‘boom’ do cemento e o ladrillo, aínda é. Nin pola maxia que te envolve dende o faro. Nin sequera pola súa xente, moita coa que, por sorte, teño o pracer de tratar. Pero unha terra que sobreviviu ó espolio de area, á presión industrial, fixo o que puido co feísmo, que lle gañou tres veces a batalla a unha multinacional piscícola e que tenta facelo agora contra o urbanismo (todo sen plans de uso e xestión que a blinde) merece, cando menos cada ano, unha visita. Por iso, eu, como cada setembro, volvo a Corrubedo.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Reportaxes coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

2 Responses to Destino: Corrubedo

  1. ummmmm….moi ben…..moi ben…….I like it…….

  2. Roi di:

    quedouche ben bonito….as fotos axudan, jajaja.

Deixa unha resposta a Umma Gumma Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s