Vivindo a crédito

Almorzamos coa prima de risco, xantamos fondos de rescate e imos á cama coas cifras do parqué. Bombardéannos cos mercados, coa banca, co déficit, coa desaceleración-recesión-crise para finalmente recordarnos que se estamos mal é pola nosa culpa, que non consumimos. E no medio desta tolemia hai alguén que dixo BASTA! Líderes mundiais? Mandatarios? Presidentes de multinacionais? Os cinco millóns de parados deste país? Pois non, quen di basta é a única á que aínda lle queda algo de sentidiño: a Terra.

Señoras e señores, o planeta acaba de entrar en déficit ecolóxico. A tres meses de que acabe o ano, esgotamos os recursos naturais para este 2011. Así que, a partir de hoxe, vivimos a crédito: ata o 31 de decembro, consumiremos e contaminaremos máis do que a natureza é capaz de xerar e absorber respectivamente. A alarma, lanzada polo centro de estudos londinenses New Economics Fundation (NEF), non debería collernos por sorpresa, xa que no Estado vivimos de rendas dende o mes de abril, dependendo dos recursos doutros países (supostamente menos avanzados que o noso). Mais se a poboación global vivira como nós precisaríanse de tres planetas para poder sobrevivir (o número elévase a cinco se o limitamos ós galegos) mentres que se o fixésemos como na India sería suficiente co que temos.

¿Cales son as consecuencias? Principalmente o agravamento dun cambio climático que moitos aínda negan, unha alarmante perda de biodiversidade e unha escasez de recursos básicos para a vida como son a auga e os alimentos. “Vivimos por riba das posibilidades ecolóxicas do planeta, degradando os fundamentos que substentan a nosa propia existencia sobre a Terra”, asegurou hoxe o xefe de economía ambiental da NEF, Aniol Esteban, quen advirte que sen estabilidade ecolóxica, a estabilidade económica non será posible. E é que o consumo actual da humanidade sobrepasa nun 50% a capacidade de rexeneración do planeta, un ritmo en constante crecemento que nin a crise é capaz de frear. Se observamos os datos facilitados pola NEF e a Global Footprint Network (encargada de velar pola pegada ecolóxica) comprobamos como a demanda global seguiu en aumento dende o 2008, aínda que dunha forma máis lenta que no período 2000-2008. A situación non é nova. De feito, o nivel de déficit ecolóxico duplicouse dende 1961, mais non sempre foi así. Calcúlase que foi hai 25 anos cando o planeta sobrepasou o umbral crítico, a partir do cal a demanda de recursos medra máis rápido que o ritmo de produción da terra.

Ante a mensaxe apocalíptica (que hoxe ocupa todos os medios pero que mañá quedará sepultada por un novo discurso de Merkel e unha nova caída da bolsa), a NEF e a Global Foodprint Network cren que aínda estamos a tempo de reverter a situación. A súa alternativa: apostar por un novo modelo económico “que opere dentro dos límites do planeta, que xere benestar humano e que sexa xusto e equitativo”. Vamos, que estamos aí, aí. Pese ó manido do discurso, as dúas institucións si dan algunhas claves a ter en conta, xa reivindicadas dende movementos alternativos e que se centran, fundalmentalmente, na teoría do decrecemento: corrixir os prezos para que reflexen o custo real das cousas, desenvolver novos indicadores económicos (recordemos que o Produto Interior Bruto contabiliza como beneficioso levar ó colapso recursos como os stocks de pesca, os acuíferos ou os bosques) e outras xa un pouco máis utópicas como crear un contexto que favoreza a actividade empresarial responsable, repartir o trababallo entre a poboación e investir en actividades que xeren valor positivo na sociedade.

E mentres agardamos que todos estes desexos se cumpran, os que vivimos na capital galega podemos contentarnos con respirar ben segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS). Pero isto, se o planeta aguanta, xa será obxecto doutro post. Ata entón, feliz hipoteca a todos!

Advertisements

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Cambio climático, Consumo coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s