Galicia ‘custodia’ o seu territorio

Cunha das Rede Natura máis cativas do Estado, unha proposta de ampliación aínda en estudo e uns espazos naturais que carecen, na súa maioría, de plans de xestión e ordenamento, cidadáns e ecoloxistas deste país veñen realizando dende hai décadas unha xestión sostible de terras privadas. Trátase da custodia do territorio, un movemento nado a finais de XIX nos EEUU, que busca preservar zonas senlleiras que teñen valor para a sociedade. E para poñelo en valor, esta fin de semana, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) celebra o I Encontro Galego de Custodia do Territorio, onde se porán sobre a mesa os diferentes proxectos que xa existen no noso país. Como avance, déixovos unha recopilación dos máis senlleiros publicada no seu día, a modo de reportaxe, no Galicia Hoxe.

Un bosque autóctono que volveu nacer hai trinta anos, un patrimonio fluvial que flúe cheo de vida, uns hábitats que latexan tras frear a ocupación lenta e silandeira de especies exóticas, anfibios que retornan á súa contorna grazas á recuperación de pozas e regos tradicionais… Ante a grave carencia de políticas de conservación ambiental por parte das administracións galegas, a cidadanía toma o mando.

O bosque de Ridimoas, na comarca do Ribeiro, foi a primeira experiencia de custodia do territorio en Galicia

Un bosque feito aula: trinta anos do proxecto do Ribeiro

A primeira iniciativa de custodia do territorio naceu en Galicia hai trinta anos: trátase do bosque de Ridimoas, na comarca do Ribeiro. Integrado por 300 hectáreas entre os concellos de Beade, Carballeda de Avia e Leiro, os 1.028 socios da Asociación ecolóxico-cultural Ridimoas son os encargados da proteción e conservación da fauna e flora deste bosque autóctono. Unha gran sensibilidade ambiental e unha modesta contribución monetaria -10 euros ó mes- converteron unhas terras abandonadas nun bosque feito aula, un auténtico museo da flora e fauna ó que acoden cada ano preto dun milleiro de escolares e centos de cidadáns. Nado no 76 como unha actividade extraescolar da Universidade Laboral de Ourense, que buscaba a rehabilitación da fauna ferida e a creación dun viveiro de árbores autóctonas, a ameaza dunha corta converteuno no proxecto que coñecemos hoxe en día. A primeira adquisición correu a cargo de Pablo Rodríguez, alma máter da iniciativa e presidente da asociación, que permanece día a día ó pé do terreo. A creación dunha conciencia e sensibilidade ambiental entre os veciños posibilitou chegar ás 300 hectáreas actuais, nas que ademais dunha reforestación inicial se levan a cabo labores de erradicación de invasoras, vixilancia e recuperación da fauna. “Tres décadas axudando á natureza a rexenerarse deu lugar á realidade de Ridimoas, un bosque novo capaz de resistir ó lume e que alberga unha ampla variedade de especies autóctonas”, indica David Rodríguez, vicepresidente da asociación Ridimoas. Un rico patrimonio que lles permite ós nenos “aprender ecoloxía no propio medio”, ademais de aumentar a conciencia ambiental da xente do rural. Conscientes de que a preservación non é unha prioridade das administracións, os socios de Ridimoas pretenden seguir adiante co seu labor, logrando a protección para o corredor forestal que vai dende Pena Corneira ata os vales fluviais do Avia e do Miño. “A construción de infraestruturas e núcleos de protección fragmentan un ecosistema que debe preservarse para non comprometer o futuro das especies”, engade Rodríguez, quen alerta de que estamos ante un ano complicado para a biodiversidade, cun desequilibrio dos ecosistemas naturais cada vez maior. Mentres, os máis de 1.000 socios de Ridimoas adquiren cada ano unha nova parcela para que a comarca do Ribeiro siga gozando durante décadas do seu particular paraíso.

Experiencia na Ulloa

Experiencia na Ulloa-Deza

Rede de parcelas independentes baixo protección na Ulloa-Deza

Oito parcelas privadas forman parte do proxecto de custodia A Ulloa-Deza, que optan pola fórmula da cesión á hora de xestionar as terras. Liderada polas Fundacións Comarcais da Ulloa e de Deza, a iniciativa busca protexer os valores relevantes de cada un dos predios cedidos polos seus propietarios, predominando a conservación de especies e árbores autóctonas. Aínda que o labor máis coñecido é a preservación dos bosques caducifolios atlánticos de carballo que se desenvolve no Monte Baixo do Balneario do Río Pambre, a custodia chega a especies endémicas no LIC da Serra do Careón, á conservación dos Sobreirais do Río Arnego -os máis representantivos do noroeste ibérico- ou a creación en Palas de Rei dun viveiro de produción de planta autóctona para repoboar parcelas custodiadas.

Voluntarios do Proxecto Castieixas medindo as dimensións das pozas

Anfibios, pozas e persoas, unidos na comarca de Terra de Caldelas

Xunto coa preservación da paisaxe e evitar a perda de determinadas especies -dous elementos comúns ós proxectos anteriores-, a custodia do territorio busca tamén recuperar o patrimonio etnográfico e implicar a cidadanía no coidado da súa contorna. Estes catro elementos son os que definen o Proxecto Castieixas, posto en marcha por Adega no 2008, co obxectivo de reverter o problema do abandono e a perda de pozas e regos e, con eles, das poboacións de anfibios. Esta iniciativa desenvólvese na comarca de Terra de Caldelas, nunha parcela de hectárea e media que alberga prados de dente e de sega, unha carballeira, así como un conxunto de pozas e regos usados hai décadas para abastecer de auga os cultivos da zona. O arrendamento do terreo, por un período de cinco anos, permítelles ós voluntarios de Adega restaurar as dúas pozas presentes existentes e inventariar e coidar a fauna e a flora que as habitan, especialmente os anfibios. “A cesión de parcelas con charcas por particulares e a participación de voluntariado na súa conservación é unha nova maneira de traer ó noso tempo as antigas prácticas de traballo comunal, á vez que contribúe a conservar estes espazos e os seus valores”, explica o responsable de educación ambiental de Adega, Ramsés Pérez, para quen unha das principais dificultades á hora de poñer en marcha estas iniciativas é o minifundismo galego. Circunstancia que reduce a pouco máis dunha hectárea a actuación sobre unha rede de pozas e regos que ocupan preto de trinta. A pesar das dificultades, Pérez indica que proxectos como o de Castieixas axuda a aumentar a concienciación ambiental entre a poboación, fomentando a cesión dos terreos e, o que é máis importante, implicándose directamente na súa protección.

LImpeza do río Barbaña (Ourense)

Proxecto Ríos: unión de concas e persoas

O responsable de educación ambiental de Adega non fala de oídas, xa que o maior proxecto de custodia que se leva a cabo en Galicia está dirixido por esta asociación ecoloxista. Falamos do Proxecto Ríos, o programa de voluntariado ambiental dirixido dende hai 6 anos por Virxinia Rodríguez, que busca a unión e concas e persoas. “A diferenza dos demais, o Proxecto Ríos lévase a cabo en zonas de dominio público, onde tamén se poden realizar labores de custodia”, explica Ramsés Pérez. Dúas veces ó ano -na campaña de outono e na de primavera- un total de 160 grupos de voluntarios achéganse ó treito de río elixido para analizar como é, como funciona, a súa importancia ambiental e social, ademais dos problemas que sofren e as accións para melloralo. Ademais de realizar o informe anual sobre o estado das canles e programar actividades lúdicas como o Roteirríos, o proxecto de custodia do patrimonio fluvial de Adega forma parte da rede ibérica con Cataluña, Cantabria, León, Madrid, Valencia e Portugal.

Erradicación de flora invasora no río Tea. Foto: Ramsés Pérez

Contra a ocupación lenta e silandeira de exóticas no Tea

Da importancia do Proxecto Ríos dá boa conta outra das iniciativas de custodia ambiental de Adega: o proxecto de eliminación de flora exótica invasora no río Tea. A súa orixe atopámola nos campos de voluntariado ambiental iniciados en 2007, que naceron para realizar unha diagnose da situación do río e deseñar as liñas de actuación en anos vindeiros. Dos diferentes impactos atopados -verteduras, lixo, degradación das marxes…-, técnicos e voluntarios decidiron centrarse na erradicación de exóticas invasoras, a segunda causa de perda de biodiversidade tras a destrución dos hábitats. Acacia negra, falsa acacia, mimosa, tintureira, bambú, coniza e garrapatón son as especies que centran o traballo do voluntariado sobre tres quilómetros no concello de Mondariz.

A implicación da xente nestas iniciativas levou a Adega a promover un novo proxecto de custodia fluvial no Ulla-Umia-Lérez, con actuacións específicas para cada unha das zonas e que irán dende a preservación de especies, á recuperación de roteiros naturais ou a restauración de patrimonio fluvial como lavadoiros ou muíños. O proxecto, que segue o modelo xa adoptado na Ulloa-Deza, arrincou este mes de marzo, completando a basta rede de custodia do territorio galego, que evidencia o liderado dos cidadáns á hora de protexer o seu patrimonio.

A Cemma puxo en marcha unha rede de vixilancia de cetáceos

A Cemma, pioneira na custodia mariña coa vixilancia de cetáceos

A custodia máis coñecida é a da cesión ou venda de propiedades privadas, mais unha vertente descoñecida que busca protexer o patrimonio presente no dominio público. A protección do medio mariño é o obxectivo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) e a súa rede pioneira de vixilancia, observación e recuperación de cetáceos que levan a cabo os seus voluntarios. Ademais de atender os animais varados, a Cemma participa en diversas campañas de investigación mariña.

Recuperación dunha das zonas da praia da Fontaíña

A asociación Fontaíña recupera zonas degradadas do litoral vigués

Un proxecto pequeno cun cometido enorme: recuperar as zonas degradadas de tres zonas do litoral vigués. Este é o obxectivo da asociación Fontaíña que, dende o 2003, realiza tarefas de vixilancia, limpeza, educación ambiental e plantación de especies en zonas degradas da praia da Fontaíña, Cabo de Mar e a Xunqueira do Lagares. Ademais de frear a degradación do litoral, este proxecto, que conta coa colaboración da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo, foi o xermolo de iniciativas irmás como a da praia do Vao. Os máis pequenos tamén forman parte a través do grupo xuvenil que desenvolven tarefas adaptadas á súa idade.

Recuperación de pozos e lavadoiros. Foto: Kiko Delgado

Val de Esmelle encárgase de restaurar o patrimonio etnográfico

O patrimonio ambiental relaciónase dunha forma directa co cultural e etnográfico. O exemplo máis consolidado deste tipo de custodia atopámolo na asociación Val de Esmelle, de Ferrolterra, e o seu proxecto de restauración de muíños, lavadoiros, fontes e demais patrimonio relacionado coa auga. A clave do éxito está na implicación de toda a veciñanza, dando lugar a outros proxectos como a recuperación de sendeiros e camiños naturais ou a reforestación con froiteiras nun predio cedido polo concello.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Reportaxes coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

2 Responses to Galicia ‘custodia’ o seu territorio

  1. Moi interesante…
    Este fin de semana temos unhas xornadas do aproveitamento multifuncional do monte na serra do Galiñeiro…

    As vosas experiencias parecenme importantisimas en próximas colavoracións…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s