Osíxeno vs Dioxina

Un final de ano non sería tal sen os premios Osíxeno e Dioxina que cada decembro entrega a asociación ecoloxista Adega para recoñecer as mellores e peores actuacións ambientais dos últimos doce meses e que hoxe se deron a coñecer en Santiago. A  loita por preservar os nosos montes, duramente afectados polos lumes e o desenvolvemento industrial, foi premiado este ano co Osíxeno nas figuras de Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, e da Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro. O urbanismo insustentable e o esmorecer do rural galego reciben, pola súa banda, os premios de ‘castigo’ a través do alcalde de Barreiros, Alfonso Puente, e dos responsables políticos da Consellería de Medio Rural.

O 2011 foi un mal ano para o monte galego, que ademais de verse fortemente sacudido polos lumes segue a sufrir unha invasión de proxectos industriais -especialmente eólicos- e infraestruturas. Por iso, Adega decidiu recoñecer co premio Osíxeno o esforzo de todos aqueles que velaron pola súa protección.

Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización galega de Comunidades de Montes en Man Común

O premio na categoría individual recaeu na figura de Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común polo seu “traballo e compromiso exemplar a prol dun medio rural vivo e sustentable”. Un labor ao que leva dedicado décadas e cuxos froitos poden verse na comarca do Val Miñor, onde dirixe a mancomunidade de montes. Bo exemplo son as 12 hectáreas da parroquia de Santa Cristina da Ramallosa nas que a recuperación do monte galego se fai de forma sostible e apostando pola multifuncionalidade: senda turísticas, cogomelos e apicultura complementan a produción de madeira.

O premio colectivo, pola súa banda, recae na Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro, pola súa “dedicación decidida e intelixente na defensa dos valores naturais e culturais dun territorio ameazado pola especulación e a cobiza das eólicas”. Un ameaza industrial á que se suman a presenza de grandes canteiras, apertura de pistas, movementos de terra sen control, reforestación con especies foráneas como eucaliptos ou piñeiros, vertedoiros incontrolados, ou o tránsito frecuente de motos de cross e quads fóra dos camiños, accións todas elas que levan anos degradando a que se considera unha das zonas naturais de referencia do sur da provincia de Pontevedra. Para reverter esta situación, un total de 14 colectivos constituíronse a finais de 2010 en plataforma para lograr un único obxectivo: preservar unha zona que alberga numerosos valores ambientais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos e arqueolóxicos, ademais de ofrecer importantes servizos de lecer, deportivos e culturais nunha área tan densamente poboada como a área metropolitana de Vigo.

Na outra cara da moeda, Adega considerou necesario castigar o urbanismo desmedido e insostible e o “desleixo” cara ó rural galego outorgándolles o premio Dioxina a dúas institucións que levaron a cabo as actuacións “máis agresivas”.

O Concello de Barreiros, personificado no seu alcalde Alfonso Puente, recibe o ‘premio’ na categoría individual pola súa “catastrófica e insustentable política urbanística, exemplo de prepotencia e falta de respecto pola lei o territorio”, segundo reza a acta do xurado de Adega. A asociación ecoloxista refírese á construción de 3.000 vivendas sen contar cos máis mínimos servizos de saneamento -abastecemento auga potable, enerxía eléctrica, augas residuais- e ó bordo do litoral, nuns terreos que non podían ser considerados solos urbanos, un auténtico caos que a Xunta -co acordo da Deputación de Lugo e o propio concello mariñán- acordou legalizar.

A Consellería de Medio Rural recibe, por segundo ano consecutivo, o premio Dioxina, aínda que desta vez na categoría colectiva. Se ben o ano pasado o ‘afortunado’ foi o director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, Adega decidiu este ano entregarllo a “todos os responsables” do departamento que dirixe Samuel Juárez, pola súa “incompetencia e desleixo na xestión do medio rural galego”. Segundo explicou na presentación do fallo dos premios o portavoz executivo de Adega, Fins Eirexas, “os responsables políticos de Medio Rural merecen un cero en conservación da natureza, un cero en prevención e loita contra o lume e un cero en transparencia informativa”. Dende Adega quixeron deixar claro que este ‘castigo’ nada ten que ver bo facer o traballo desenvolvido polo persoal, gardería e técnicos da consellería, a quen felicitaron polo seu esforzo.

Mini e Mero

Como xa vén sendo habitual dende o 2009, a asociación ecoloxista outorgou tamén o premio Osíxeno de Honra, que este ano recaeu en Mini (Xosé Luís Rivas Cruz) e Mero (Baldomero Iglesias Dobarrio) pola súa “contribución decisiva e xenerosa á recuperación e mantemento do patrimonio cultural do país e pola súa traxectoria de docencia e divulgación das ciencias sociais e naturais en galego”. Os premios entregaranse este sábado na cea de Nadal de Adega que terá lugar no restaurante Casa Teodora de Arzúa e na que todos os premiados recibirán unha escultura conmemorativa e un diploma.

Noraboa a todos os agraciados ( a uns máis que a outros) e a todos os integrantes de Adega, pola súa loita incansable a prol do medio e a educación ambiental, especialmente en tempos difíciles coma este.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Reportaxes coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s