Tres puntos para a Rede Natura

Galicia seguirá á cola en superficie protexida de todo o Estado. Esta é a triste noticia coa que o medio despedirá o 2011, despois de que a Xunta decidise fixar nun 15% a porcentaxe de territorio ‘blindado’ co que contará o noso país. Tres serán, polo tanto, os puntos que “gañe” a Rede Natura galega, unha rede ecolóxica cada día máis devaluada.

A figura da Rede Natura 2000 foi creada pola Unión Europea a través da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, co obxectivo de asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e hábitats máis ameazados da UE, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade ocasionada polo impacto adverso das actividades humanas. Formada por Lugares de Interese Comunitario (LIC), designados de acordo coa Directiva Hábitat; e de Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), establecidas en virtude da Directiva Aves, a Rede Natura é, a día de hoxe, o principal instrumento para a conservación da natureza nos países da Unión.

A importancia que Europa lle dá a este instrumento non atopou o seu reflexo en Galicia. A pesar de contar cunha das biodiversidades máis ricas de Europa -con representación de ata catro rexións bioxeográficas: atlántica, mediterránea, alpina e macaronésica-, a Rede Natura galega é a máis cativa do Estado cun 12% de superficie protexida, moi lonxe da media estatal, que se sitúa nun 28%; e mesmo da europea, fixada nun 18%. A súa tantas veces anunciada ampliación presentábase como o mellor momento para que o patrimonio natural galego obtivese a blindaxe que merece, mais a Consellería de Medio Rural vén de anunciar que o esperado aumento será finalmente de só tres puntos. Deste xeito, a nova Rede Natura sumará un total de 147.851 hectáreas, quedando protexidas un total de 537.416 en todo o noso territorio. (Ver o cadro coas novas incorporacións e modificacións).

A proposta de ampliación da Xunta é inferior, incluso, á presentada no seu día polo Goberno bipartito, que aspiraba a converxer coa UE aumentando a Rede Natura ata o 18%, pero que nunca chegou a materializarse.

A cifra, duramente criticada polo movemento ecoloxista, foi defendida polo conselleiro Samuel Juárez, quen destacou que a prioridade da Rede Natura non é o volume de superficie protexida, senón a representatividade dos tipos de hábitats e espazos que debe preservar. “Non por contar cunha elevada porcentaxe de superficie designada como Rede Natura 2000, esa rede está necesariamente completa”, afirmou Juárez. Así, destacou que a ampliación promovida polo seu departamento, e que a Xunta espera ter aprobada antes do vindeiro verán,  conleva a creación de 21 novos LIC -61.265 hectáreas- e a ampliación da superficie doutros 28 -con 86.586-, mentres que 31 dos actuais permanecerán sen cambios.

Lonxe da guerra de cifras, os ecoloxistas poñen en dúbida o valor dunha Rede Natura “dinamitada” e “rodeada” de proxectos industriais. A pesar de que o Plan Director da Rede Natura excluiu parques eólicos e canteiras dentro de terreo protexido -non así as piscifactorías, que poderán facelo-, o certo é que a nova rede non modificará ningún dos plans sectoriais postos en marcha. “A súa localización está coordinada co departamento de Economía e Industria e non supón ningún problema para o patrimonio natural”, asegurou Juárez. Para os grupos ecoloxistas é, non obstante, unha mostra máis da política de “destrucción do territorio” levado a cabo pola Xunta de Feijóo e na que se atopan outros fitos como as modificacións “á carta” da Lei do Solo, a supresión de trámites e garantías ambientais no proceso de avaliación de proxectos sectoriais, a aprobación da Lei de Industria que consideran que “dá carta branca ambiental a determinados proxectos” ou un POL “excesivamente permisivo”. “A Xunta fixo da Rede Natura un ente meramente virtual, territorio virxe para a especulación”, esgrime Fins Eirexas, secretario executivo de Adega.

Coa nova Rede Natura galega xa “pechada” por parte da Xunta, agora será a UE a encargada de valorar se responde axeitadamente aos valores naturais que alberga Galicia ou se a protección de hábitats e especies segue a ser insuficiente.

* Nota: os gráficos que acompañan ao artigo foron elaborados por Adega

Advertisements

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Biodiversidade, Reportaxes coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

One Response to Tres puntos para a Rede Natura

  1. Trini di:

    No soy una ecologista tan concienciada como tu, pero tengo interés en la naturaleza y que el planeta siga vivo…te conozco a través de Nela como buena fervenceira que soy!! te sigo desde ahora, ánimo con tu propuesta!!
    Mi blog sobre envejecimiento activo:
    http://www.trinitasocial.blogspot.com.es/
    saludos a tod@s!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s