Europa ‘pasa’ dos tranxénicos

Os consumidores europeos gáñanlle a partida aos transxénicos. Non estamos ante un discurso ecoloxista nin dunha plataforma cidadá. A afirmación procede da propia industria fabricante dos organismos modificados xeneticamente, que se ve obrigada a abandonar o mercado europeo ante a desconfianza que amosan os consumidores cara a estes produtos: nin os ven beneficiosos nin os cren seguros.

Cartel contra os transxénicos. Foto: Greenpeace.

Os transxénicos foxen de Europa. O motivo: a falta de confianza que lle ofrecen os organismos xeneticamente modificados aos cidadáns da UE, dos que din non obter nin beneficios nin seguridade. Estamos ante o triunfo do discurso ecoloxista e do consumidor responsable sobre as multinacionais do sector, que se ven abocadas á marcha ante a falta de mercado. A última vítima: o xigante BASF, que vén de anunciar o peche de tres laboratorios xenéticos na UE e o traslado das súas investigacións a EEUU e Latinoamérica, onde os transxénicos non están tan discutidos. BASF súmase así a unha longa lista de abandonos que comezou en 2004 con Syngenta e á que seguiron Monsanto, Dow e Dupont. A día de hoxe, tan só Bayer mantén centros de investigación na UE.

O abandono de BASF supón un gran revés para a industria transxénica. A aprobación por parte da Comisión Europea do cultivo da súa pataca Amflora en marzo de 2010 considerouse o despegue do sector na UE. Tratábase do primeiro cultivo transxénico autorizado na UE en doce anos, tras o millo MON810 en 1998. Non obstante, ao rexeitamento social sumóuselle o político. Ata cinco gobernos emprenderon accións legais contra un cultivo que desencadenou a primeira “iniciativa cidadá” da UE, figura recoñecida no Tratado de Lisboa polo que os europeos teñen a posibilidade de pedirlle á Comisión medidas lexislativas para satisfacer as súas demandas presentando un aval dun millón de sinaturas.  Un rexeitamento constatado polo Eurobarómetro, que revela que en apenas un lustro, o rexeitamento dos cidadáns da UE pasou do 57% ao 61%, mentres que apoio baixou do 27% ao 23%. Un descenso máis pronunciado no Estado, onde o apoio pasou dun 66% ao 35% en apenas unha década. Non obstante, o 80% do cultivo transxénico da UE está no Estado: unhas 90.000 hectáreas de millo MON810.

“Os organismos xeneticamente modificados presentan graves riscos para a saúde, o medio e tamén para a agricultura”, esgrime David Sánchez, responsable de Alimentación e Agricultura da asociación ecoloxista Amigos de la Tierra. Contaminación do solo, desaparición de biodiversidade e os capítulos de contaminación xenética son algúns dos prexuízos ambientais dos transxénicos esgrimidos polos ecoloxistas, quen advirten ademais de graves problemas para a saúde humana como a aparición de novas alerxias, de resistencias a antibióticos en bacterias patóxenas para o ser humano ou novos tóxicos en alimentos. Ademais, os ecoloxistas recordan que algúns estudos alertan dun descenso da fertilidade e a aparición de problemas renais e hepáticos derivados destes organismos.

A cultura labrega, en perigo de extinción

Mais unha das peores consecuencias dos transxénicos é a desaparición da cultura labrega tal e como alerta o rural galego: “Estamos en perigo de extinción”. Tras este risco hai unha única causa: a total dependencia dos produtores das multinacionais transxénicas. “Estamos atados a elas dende a semente ata o tratamento que debemos aplicarlle ao cultivo”, explica Charo Sánchez, representante do Sindicato Labrego Galego (SLG) e da Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos (ISAP). Volver a un modelo produtivo tradicional respetuoso social e ambientalmente pasaría por eliminar as patentes de sementes que, ademais de coartar a liberdade dos labregos á hora de traballar a terra, reduce a variedade dos produtos e está a provocar unha preocupante perda de biodiversidade.

A día de hoxe, o 10% do total da superficie agraria do planeta dedícase ao cultivo de plantas modificadas biotecnoloxicamente. E a pesar de que en territorio europeo só se permite o cultivo dun organismo modificado xeneticamente, si permite a importación e o comercio de moitas variedades. Por iso, consumidores, ecoloxistas, labregos e políticos unen máis que nunca as súas forzas para que Europa ‘pase’ definitivamente dos transxénicos.

* Este artigo foi publicado en www.dioivo.eu

Advertisements

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Agricultura ecolóxica, Consumo coas etiquetas , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s