O medio sempre chama dúas veces…

Máis eólicos, menos protección ambiental, máis lixo na Areosa, menos bosques autóctonos, máis verteduras, menos abellas… Cada mañá dos dous últimos meses, as (malas) noticias ambientais viñeron petar a miña porta. E eu negueime a abrirlle. Non faltaron nin un só día á cita. Primeiro timbrando educadamente, logo aporreando directamente na madeira, unha mañá comezaron tamén os berros e ultimamente xa tentando entrar pola forza. E eu, cabezona como son, aí seguín, ignorándoas completamente, pechando máis forte os ollos e apretando cada máis as mans contra as orellas, tentando sobrevivir neste día a día cada vez máis recortado no que só vemos como sube o número de parados, a porcentaxe de EREs, a prima de algúen e, por suposto, unha cantidade infinita de desvergonzados.

E cando menos disposta estaba a saír deste letargo total e completamente voluntario, o toque de dúas amigas fixo tremer os cimentos nos que tiña asentada esta rutina ‘pasota’.

O primeiro veu da man da fervenceira Nela Bernal, que moi xenerosamente vén de outorgarlle a este blog o Premio Liebster, un recoñecemento concedido por blogueiros a outros blogueiros, que nesta ocasión teño que dicir que obedece non tanto ao gusto que Nela poida ter polas palabras que de vez en cando deposito neste espazo virtual (que tamén e me consta), senón por ese esforzo e traballo compartido durante tantos anos e en condicións moitas veces adversas e por ese nacemento á par duns blogs que se convertiron nunha vía de escape e, por suposto, de expresión. Está claro que non se pode aceptar un premio dende o silencio, así que grazas a Nela por facer que volva revolverme, así como a Laura Ruiz, compañeira xornalista e autora do blog Una realidad (in)visible por comezar esta cadea e celebrar este premio para Pensa en Verde, e a todos os que estes días apoiaron este pequeno caderno virtual e decidiron sumarse a el.

O segundo, como non podía ser doutra maneira, veu da man da nosa querida Terra. A súa saúde está hoxe peor que hai 30 anos… E o que queda. Así o advirte unha vez máis o informe Living Planet Report 2012 (Informe do Planeta Vivo 2012), que cada ano elabora WWF/Adena en colaboración coa Sociedade Zoolóxica de Londres, ZSL, a Rede Global da Pegada Ecolóxica, Global Footprint Network e a Axencia Espacial Europea. O estudo remarca que os excesos sobre os recursos naturais estanse a incrementar progresivamente dende 2008, chegando a alcanzar un déficit do 50%, o que significa que a Terra precisa un ano e medio para rexenerar os recursos renovables e absorber o dióxido de carbono que se produce anualmente. Situación dramática que, non obstante, non levan ao home a desacelerar o seu nivel de consumo.

A elevada pegada ecolóxica (especialmente neses países que chamamos desenvolvidos) conleva unha merma da biodiversidade a escala mundial: nas últimas tres décadas rexistrouse unha diminución do 30% nos ecosistemas do planeta, especificamente en 9.000 poboacións de máis 2.600 especies. E as previsións non son esperanzadoras: máis persoas (calcúlase que uns 10.000 millóns en 2030) devorando sen contemplación o planeta.

Non me digan: como para non abrir a porta!

Advertisements

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Reportaxes coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s