Os ríos galegos agardan pola Transición

Trinta dos grandes encoros do país como os de Belesar, Peares ou o de Frieira teñen concesións franquistas por períodos de cen anos e réxense por lexislacións de hai séculos, excesivamente permisivas en canto a caudais ecolóxicos e medidas correctoras para evitar o seu impacto no medio. A negativa do Ministerio de Medio Ambiente á construción do salto do Navia convértese no último éxito dunha longa e dura batalla da cidadanía para lograr que a democracia tamén chegue aos nosos ríos.

Río Navia, entre Galicia e Asturias, onde ía construírse o encoro.

España deixou hai máis de tres décadas un réxime ditactorial que sumiu o país nun dos períodos máis escuros da súa Historia. A Transición trouxo a liberdade e un sistema democrático e constitucional que pretendía deixar atrás o franquismo, dotando os cidadáns de dereitos. Mais as pegadas do Réxime están aínda moi presentes na nosa vida. Así o acredita a situación dos ríos galegos, que aínda agardan pola súa particular Transición. De feito, trinta dos grandes encoros do país como os de Belesar, Peares ou o de Frieira na conca Miño-Sil contan con concesións franquistas que, ademais, se estenden no tempo durante un período que anda polos cen anos. Estes proxectos réxense, ademais, por lexislacións de hai séculos -concretamente a Lei de augas de 1879-, excesivamente permisivas en canto a caudais ecolóxicos e medidas correctoras para evitar o seu impacto no medio, incumprindo así coa última Lei de augas -que data do ano 1985- e coa Directiva Marco da Auga.

A cidadanía, da man do movemento ecoloxista, leva anos inmersa nunha longa e dura batalla para lograr que a democracia tamén chegue aos nosos ríos, esixíndolle ao Goberno central revisar as concesións de encoros outorgadas durante o franquismo, así como obrigar as hidroeléctricas a someterse ás regras da lexislación actual. “O dereito non pode fosilizarse no XIX, as empresas teñen que cumprir as leis do XXI”. As palabras son de Xosé Manuel Pérez Bouza, a persoa que trasladou esta loita á Cámara Alta durante a súa etapa como senador polo BNG, onde recordou que eléctricas como Iberdrola, Endesa ou Fenosa “malia lucrarse dun dominio público teñen concesións practicamente a perpetuidade”. Os colectivos ecoloxistas galegos consideran vital revisar as concesións hidráulicas cada vez que se produza un cambio na normativa que as rexe, así como revogalas no caso de que non cumpran cos requisitos ambientais. “Ningunha Administración se preocupou de que todas as empresas tiveran a obriga de adaptar ós seus proxectos ás esixencias que marcan as novas leis”, critica o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas.

O último exemplo foi a recuperación -por oitava vez- do polémico encoro do Navia, ao que veciños, políticos e ecoloxistas levan opoñéndose dende a súa formulación no ano 1939 por Hidroeléctrica do Navia, que no 52 obtivo a concesión, ampliada no 63, por cen anos. O proxecto, agora redeseñado por Sociedad Saltos de Navia CB -participada polas eléctricas Hidrocantábrico e Enel Viesgo-, pretendía producir case 150 Mw e ocuparía 1.065 metros cadrados na fronteira entre Lugo e Asturias. Esta presa engadiríase aos outros tres grandes encoros no Navia, de xeito que o río ficaría con máis dun 50% do seu treito encorado, causando graves impactos ambientais e socioeconómicos nun amplo territorio do LIC Ancares-Courel, tamén Reserva da Biosfera. O pasado xoves día 5 de xullo, o Ministerio de Medio Ambiente publicaba no Boletín Oficial do Estado (BOE) a declaración de impacto ambiental negativa, que impide o desenvolvemento do encoro, convertíndose no último dos grandes éxitos desta longa batalla. A resolución deixa claro que o proxecto “previsiblemente causará efectos negativos significativos sobre o medio”, máis concretamente a un territorio protexido pola Rede Natura  e a cinco espazos de proteción ambiental, e que “as medidas previstas polo promotor non son unha garantía suficiente da súa completa corrección ou a súa axeitada compensación”.

Conseguido ese paso, agora queda decretar dunha vez por todas a caducidade da concesión outorgada en 1951 para impedir que a empresa siga intentado reiteradamente levar a cabo o proxecto, unha medida que se fai extensible a todos os proxectos hidroeléctricos novos ou de reponteciamento que se atopan nesta mesma situación e que para os ecoloxistas suponen “auténticos atentados contra os nosos ríos e os valores ambientais, paisaxísticos, patrimoniais e socioeconómicos do noso territorio”. Ademais, organizacións como Adega reclaman xa non só a caducidade das concesións, senón a demolición dalgúns encoros que proceden da época franquista e que deixaron de ser útiles para a sociedade, logrando que os nosos ríos discorran máis limpos e máis libres.

Advertisements

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Ríos coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s