“A costa non aguanta máis”

O 75% está urbanizado ou declarado urbanizable, acolle ao 44% da poboación durante todo o ano e a preto de 48 millóns de persoas en períodos vacacionais, e segue a ser o obxecto de desexo de especuladores e administracións públicas, ademais do vertedoiro por excelencia. O litoral está ao bordo do colapso e a modificación da Lei de Costas que prepara o Ministerio de Medio Ambiente dirixido por Arias Cañete lonxe de protexelo promove a súa total privatización. Ecologistas en Acción vén de plasmar esta situación coa colocación este verán dun total de 79 bandeiras negras e 12 puntos negros e unha clara advertencia: “A costa non aguanta máis”.

Informe Bandeiras Negras 2012: Pouca vergoña de Ecologistas en Acción

Degradación e destrución derivadas dun urbanismo incontrolado, verteduras urbanas e industriais e proliferación masiva de grandes infraestruturas. Esta é a situación que vive o litoral estatal, cada vez máis ao límite segundo advertiu esta semana Jorge Sáez, coordinador de medio mariño de Ecologistas en Acción, quen resumiu a situación nunha sinxela pero clarificadora frase: “A costa non aguanta máis”. A mensaxe lanzouse durante a presentación dun dos clásicos do verán: o informe de Bandeiras negras 2012, que este ano recibiu o subtítulo de “Pouca vergoña”. Este traballo, que cada verán fai a organización ecoloxista, apunta co dedo ás zonas especialmente degradadas da nosa costa e aos proxectos máis nocivos para a primeira liña. Ecologistas en Acción outorgou neste 2012 un total de 79 bandeiras negras e 12 punto negros. Galicia convértese na terceira comunidade, só por detrás de Andalucía e Valencia, neste particular ránking de degradación tras aglutinar once dos distintivos.

  • Urbanismo descontrolado. O 75% está urbanizado ou declarado urbanizable… sen motivo. Actualmente, o stock de vivendas baleiras ascende a 730.000. Delas, o 65% está na costa. Unha primeira liña que, nos últimos anos, sufriu unha ocupación vertixionosa: en 1987, o 16% dos primeiros quilómetros de costa era artificial. En 2005, a porcentaxe rondaba o 25%… e subindo. Como exemplo desta construción desaforada, Ecologistas en Acción sinala o caso de Barreiros (3.000 vivendas sen servizos de saneamento ao bordo do litoral e nuns terreos que non podían considerarse urbanos), o de Fisterra (e seu boom urbanístico en zona protexida) e do Complexo Turístico Talaso Atlántico, complexo turístico de máis de 10.000 metros cadrados levantado a 100 metros da costa e que agora terá que ser derrubado segundo unha sentenza do TSXG.
  • O mar como vertedoiro. A baixa calidade das augas -e como consecuencia dos seus ecosistemas- é un problema ben coñecido. O propio Tribunal de Xustiza da Unión Europea condenou en 2011 a España por verter augas residuais sen depurar, outra das graves carencias que sofre o litoral. As augas residuais constitúen un problema como se evidencia en Ferrol, ría que recibe máis de 100 millóns de litros de augas residuais destruíndo os ricos bancos marisqueiros que alberga, ou na ría de Viveiro. O informe de Ecologistas en Acción detense, non obstante, na contaminación industrial poñendo como exemplos máis evidente a ría de Vigo, que soporta máis de 2.200 actividades industriais; a de Pontevedra, con ENCE e Elnosa vertendo nas súas augas; ou a Mariña lucense e a fábrica de aluminio de Alcoa.  A eles súmase unha actividade que leva anos presionando o litoral galego: a piscicultura, desta vez en forma de granxas de salmón na ría de Muros e Noia.
  • Ocupación da costa. As grandes infraestruturas son as grandes colonizadoras do litoral. Portos, espigóns, recheos, paseos marítimos… Toda unha serie de obras para satisfacer ao 44% da poboación que a día de hoxe se concentra na franxa litoral e na que se desenvolve o 80% da actividade turística. O informe de Ecologistas en Acción denuncia que tan só en 2011, as administracións públicas gastaron 100 millóns de euros nesta “desnaturalización da costa”, agravando un problema de erosión que afecta xa ao 90% dela segundo datos do Ministerio de Medio Ambiente. Galicia conta con múltiples exemplos desta “colonización do cemento”, aínda que o informe ecoloxista decidiu poñer especial énfase en dúas: a intervención autorizada pola Xunta na lagoa natural de Valdoviño e o recheo ilegal de Marín, 300.000 metros cadrados comidos ao mar de forma totalmente ilegal segundo o Tribunal Supremo.

Esta situación non só leva a ter unha franxa litoral cada vez máis fráxil e desnaturalizada, senón unha merma da calidade das augas e da situación dos ecosistemas. A blindaxe ambiental fronte á destrución descontrolada foi, unha vez máis,  reclamación feita polo equipo de Ecologistas en Acción, que tamén fixo un chamamento para aumentar as reservas mariñas, única garantía de manter a pesca sostible nas nosas costas.

Advertisements

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en costa coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s