Carallo co rodaballo

Isto non é un post. Non é un regreso. Nin sequera é un texto meditado. É o que se di un arrouto, un chimpo, un algo que sae de dentro.

Planta de Pescanova en Mira

Porque hai cinco anos destruíronse dous millóns de metros cadrados de bosque e dunas protexidas pola Rede Natural 2000 no litoral de Mira, unha fermosa localidade situada no distrito de Coímbra (Portugal) . Gastáronse 140 millóns de euros procedentes en parte dos petos lusos e en parte dos europeos. E comprouse a bontade da xente prometendo 800 postos de traballo para “reactivar unha zona deprimida economicamente”.

Porque Pescanova conseguiu construír “a maior planta mundial para a produción de rodaballo”, esa panacea coa que ía rexurdir Galicia e de paso destruír Cabo Touriñán. Coa que ía producir 7.000 toneladas de rodaballo ao ano nunha primeira fase, que se incrementaría en etapas posteriores ata as 12.000. Coa que se ía converter nun referente no mundo e á que para moitos, medios incluídos, catro ecoloxistas e un presidente inepto expulsaron de Galicia, levando a riqueza para o país veciño. “Menos mal que nos queda Portugal”.

E hoxe, 7 de novembro de 2013, resulta que a planta de Mira vén de converterse nun “lastre” e engrosar a “lista de activos non estratéxicos” de Pescanova. Porque o futuro da compañía pasa polo “desinvestimento en Portugal”, nunha planta que consideran “gafada”. Porque se destruíron os dous millóns de metros cadrados de litoral protexido e se construiu a fábrica de peixes máis grande do mundo. Porque se gastaron os 140 millóns de euros dos nosos petos. Mais nunca se chegaron a producir as ansiadas 12.000 toneladas e acaban de ir á rúa 84 dos 174 empregados da pranta, moi lonxe daqueles 800 que ían revolucionar a economía da zona.

Así que hoxe era un bo día para volver a este rincón que teño tan abandonado. No que non escribo por falta de tempo e, as máis das veces, por falta de espírito. Porque por primeira vez en moito, moito tempo botei moito de menos non estar na redacción. Porque hoxe podes ir a Touriñán e ver o paraíso verde que sempre foi e non unha mole de cemento sen futuro no que antes xurdira o edén.

Porque a verdade é moi puta e ao final sempre acaba agromando. Porque, que coño!, tiñamos razón. Porque o rexeitamento das macroplantas acuícolas non era un capricho. Porque non eran catro ecoloxistas tolos berrando por catro toxos. Porque aquela marea humana que encheu o Faro de Corrubedo tiña algún sentido. Porque hai cousas que levo tatuadas a lume na pel. Porque ás veces é importante saber que valeu a pena dedicarlle oito anos da túa vida a algo, que o que fixeches -malia todo- si que era xornalismo, aínda que agora o xornalismo sexa unha de pólvora e outra de magnolias.

Porque eu, como dicía aquel, vin cousas que nunca puiden imaxinar. Vin milleiros de peixes embutidos nun tanque. Vin caños vertendo inxentes cantidades de merda directamente ao mar, sacos e sacos de fariña animal acumulados nun soto, técnicos administrando fármacos na auga de cría. Porque houbo un tempo no que tiven dous xefes contrapostos -está visto que é o meu sino- que me facían vivir nunha esquizofrenia perpetua na que un me pedía reportaxes en contra e outro a favor para acabar sempre coa mesma -para algúns xa mítica- conclusión: “Carallo co rodaballo!”

E non, isto non é unha volta. Gustaríame dicirvos que si. Que vou escribir todas as semanas. Que os temas van volver interesarme e levarme de forma constante a este recuncho que me deu tantas alegrías. Pero estaría a mentirvos. Porque, xa o advertín, isto non é un post. É tan só unha necesidade. Un arrouto. Algo que escribín de corrido e sen reler. Algo para min. Algo que me debía.

Advertisements

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Esta entrada foi publicada en Contaminación, costa. Ligazón permanente.

One Response to Carallo co rodaballo

  1. dimequenon di:

    chapó, ogallá volvas escribir tódalas semanas…..un pracer como sempre ler este blog

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s