Cada click quenta o planeta

A pegada ecolóxica chega á arañeira. Cada vez que realizamos unha búsqueda, mandamos un mail ou ‘facemos un amigo’, irremediablemente estamos contaminando. O motivo: a enorme demanda enerxética da industria das tecnoloxías da información -cuxo consumo xa representa o 2% de toda a electricidade global- necesaria para xestionar e procesar os milleiros de millóns de datos que manexa o día.

Centro de datos de Facebook en Oregón (EEUU). Foto: Facebook

O noso paso pola rede non é, pois, inocuo. Mais, contamina o mesmo consultar o Facebook que facer unha búsqueda en Google? A resposta rebela que a pregunta, en contra do que poida parecer, non é menor: non todos os clicks deixan a mesma pegada. Así o confirma Greenpeace no seu informe How Dirty is Your Data?, no que analiza as prácticas enerxéticas das compañías do sector das tecnoloxías da información máis importantes. O motivo: as fontes enerxéticas utilizadas para o funcionamento duns centros de datos en constante crecemento. Seguir lendo

Publicado en Cambio climático | Etiquetado , , , , , , | Deixar un comentario

Galicia ‘custodia’ o seu territorio

Cunha das Rede Natura máis cativas do Estado, unha proposta de ampliación aínda en estudo e uns espazos naturais que carecen, na súa maioría, de plans de xestión e ordenamento, cidadáns e ecoloxistas deste país veñen realizando dende hai décadas unha xestión sostible de terras privadas. Trátase da custodia do territorio, un movemento nado a finais de XIX nos EEUU, que busca preservar zonas senlleiras que teñen valor para a sociedade. E para poñelo en valor, esta fin de semana, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) celebra o I Encontro Galego de Custodia do Territorio, onde se porán sobre a mesa os diferentes proxectos que xa existen no noso país. Como avance, déixovos unha recopilación dos máis senlleiros publicada no seu día, a modo de reportaxe, no Galicia Hoxe.

Un bosque autóctono que volveu nacer hai trinta anos, un patrimonio fluvial que flúe cheo de vida, uns hábitats que latexan tras frear a ocupación lenta e silandeira de especies exóticas, anfibios que retornan á súa contorna grazas á recuperación de pozas e regos tradicionais… Ante a grave carencia de políticas de conservación ambiental por parte das administracións galegas, a cidadanía toma o mando. Seguir lendo

Publicado en Reportaxes | Etiquetado , , , , , , | 2 Comentarios

Vivindo a crédito

Almorzamos coa prima de risco, xantamos fondos de rescate e imos á cama coas cifras do parqué. Bombardéannos cos mercados, coa banca, co déficit, coa desaceleración-recesión-crise para finalmente recordarnos que se estamos mal é pola nosa culpa, que non consumimos. E no medio desta tolemia hai alguén que dixo BASTA! Líderes mundiais? Mandatarios? Presidentes de multinacionais? Os cinco millóns de parados deste país? Pois non, quen di basta é a única á que aínda lle queda algo de sentidiño: a Terra.

Señoras e señores, o planeta acaba de entrar en déficit ecolóxico. A tres meses de que acabe o ano, esgotamos os recursos naturais para este 2011. Así que, a partir de hoxe, vivimos a crédito: ata o 31 de decembro, consumiremos e contaminaremos máis do que a natureza é capaz de xerar e absorber respectivamente. A alarma, lanzada polo centro de estudos londinenses New Economics Fundation (NEF), non debería collernos por sorpresa, xa que no Estado vivimos de rendas dende o mes de abril, dependendo dos recursos doutros países (supostamente menos avanzados que o noso). Mais se a poboación global vivira como nós precisaríanse de tres planetas para poder sobrevivir (o número elévase a cinco se o limitamos ós galegos) mentres que se o fixésemos como na India sería suficiente co que temos. Seguir lendo

Publicado en Cambio climático, Consumo | Etiquetado , , , , | Deixar un comentario

Aparca o coche e… mobilízate!

É ineficiente no uso da enerxía, no uso do espazo, no uso do tempo e no uso dos materiais ademais de ser a maior fonte de contaminación do sector do transporte. Falamos, por suposto, do automóbil: o maior inimigo do clima. Esta é a mensaxe dirixida á sociedade no mesmo día no que comeza a chamada Semana Europea da Mobilidade 2011, que se prolongará ata o vindeiro 22 de setembro, e que non ten outro obxectivo que facernos reflexionar á hora de realizar os nosos desprazamentos diarios.

Foto: Diego Azubel/Efe

A pesar da mudanza de hábitos cara uns máis sostibles, os galegos somos dos cidadáns da UE que máis seguimos a abusar do coche particular. Ata un 58% dos desprazamentos de curta distancia en Galicia fanse en automóbil cunha media de ocupación de 1,2 persoas durante a semana, subindo a cifra ó 72% na fin de semana, fronte a un 25% a pé e un triste 6% en transporte público. Ferrol lidera este ránking de insustentabilidade: o 63,9% dos seus cidadáns usan o coche para ir traballar ou estudar, seguido de Vigo (62,2%) e Santiago (53%) segundo rebela o estudo Desarrollo sostenible y movilidad de las personas en distancias cortas:un análisis comparado entre Galicia y Europa  realizado polo catedrático da Universidade da Coruña e actual presidente de Portos do Estado, Fernando González Laxe. Este abuso do automóbil significa que arredor de 775.000 automóbiles colapsan a diario as principais cidades galegas. A consecuencia: un incremento imparable de emisións por tráfico rodado que, no noso país, aumentaron seis veces máis que no conxunto dos países industrializados. Seguir lendo

Publicado en transporte | Etiquetado , , , , , | 1 comentario

Destino: Corrubedo

Agora que a choiva volve bater con forza sobre os nosos corpos, os telexornais bombardéannos co estrés posvacacional, El Corte Inglés anuncia a volta ó cole e os coleccionables multiplícanse nos bloques de publicidade é tempo de falar de… VERÁN. E de lugares onde gozalo. Eu, como cada setembro, volvo a Corrubedo, unha terra á que estou unida emocional, vital e ata hai pouco profesionalmente e que, un ano máis, volve ser o parque natural máis visitado de Galicia.

A gran duna é unha das grandes atraccións do parque natural máis visitado de Galicia. Foto: Roi Oviedo

O turismo ambiental repuntou en Galicia ó longo de 2010, coa maxestuosidade do parque dunar á cabeza. Unhas 360.000 persoas achegáronse ata o Cómplexo Húmido ribeirense segundo o informe que cada agosto ofrece Consumer, batendo todas as marcas deste enclave de apenas 996 hectáreas -un dos máis pequenos en extensión, só por diante do Monte Aloia (de 746)-. Seguir lendo

Publicado en Reportaxes | Etiquetado , , , , | 2 Comentarios

Gran Burato, ¿tras a senda de BP?

A 140 quilómetros da costa galega e 1.700 metros de profundidade, moi preto de onde se atopa o pecio do Prestige, os fondos mariños agochan un orificio de catro quilómetros de diámetro e 300 metros de fondo, coñecido como Gran Burato. Nese lugar descoñecido, científicos e administracións teñen depositadas as súas esperanzas para lograr a “suficiencia enerxética” grazas á futura explotación da bolsa de gas atopada en 2010. Tras unha primeira expedición de recoñecemento da zona levada a cabo en 2010 por científicos da Universidade de Vigo a bordo do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa, o vindeiro 14 de agosto -co apoio económico da Xunta e do CSIC-, a expedición volverá emprender rumbo cara os fondos oceánicos para comprobar a calidade e cantidade de combustible exitente na zona e determinar, así, se é posible a súa explotación.

Preparativos da expedición científica ó bordo do buque Sarmiento de Gamboa. Foto: Duvi

Esta segunda expedición -na que participarán preto de 30 persoas- analizará nunha zona de 1130 quilómetros cadrados -o equivalente á cuarta parte da superficie da provincia de Pontevedra- se a extensión de gas é o suficientemente importante para levar a cabo unha perforación, segundo indicou Daniel Rey, un dos investigadores que viaxarán a bordo do Sarmiento de Gamboa. De darse o caso, os labores precisarían dunha estrutura de extracción similar á empregada polas petrolíferas no Golfo de México, co seu conseguinte financiamento millonario… e os seus riscos.

Seguir lendo

Publicado en Enerxía | Etiquetado , , , , , | 2 Comentarios

O Umia non é para o verán

Como cada verán o Umia volve estar no punto de mira. Tinguido de verde xa dende xuño tras unha primavera calurosa que fixo agromar máis cedo a alga tóxica que o afecta cada período estival, as medidas para sanear o río volven enfrontar a Administración, cidadáns e ecoloxistas. Co Plan Umia -dotado con 22 millóns de euros ata 2014- en marcha (finalizados labores de silvicultura, limpeza, derruba de infraestruturas abandonadas e o inicio do tratamento con cortiza de eucalipto, agora é a quenda da nova estación de captación de augas), membros da Coordinadora Anti-Encoro de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña; Adega e outros grupos ecoloxistas da comarca acudirán hoxe ás 18:00 horas ata o encoro da Baxe (Caldas de Reis) para pedir a súa demolición como a única solución para acabar coa proliferación, cada vez máis agresiva, da cianobacteria que afoga ó río e compromete o abastecemento de auga potable na zona.

Acto reivindicativo a prol da demolición do encoro da Baxe, en Caldas de Reis

Seguir lendo

Publicado en Contaminación | Etiquetado , , , , , , | Deixar un comentario

Galicia pode vivir sen carbón

Galicia xa non necesita queimar carbón para atender o seu consumo interno de electricidade. Con 5.811 GWh (xigavatios/hora), a produción das centrais térmicas de carbón das Pontes (Endesa) e Meirama (Gas Natural Fenosa) non só foi superada en 2010 pola hidroeléctrica (10.780 GWh) e pola eólica (8.467 GWh), senón que por primeira vez é inferior á electricidade exportada desde Galicia a Portugal e o resto do Estado, que ascendeu 8.366 Gwh segundo os datos divulgados pola Rede Eléctrica de España (REE). Unha situación que fai viable unha das reivindicacións históricas do movemento ecoloxista: o peche das denominadas “grandes fábricas de cambio climático”.

A caída da produción de ata un 60% das térmicas nos tres últimos anos, o auxe de enerxías renovables como a eólica e a entrada en funcionamento de dúas centrais de ciclo combinado a gas natural -máis eficientes e menos contaminantes que as de carbón- propician un cambio de ciclo co que Galicia comece a reducir a súa pegada ecolóxica, que supera a media estatal e mesmo a europea. “As centrais térmicas son ineficientes, depredadoras co medio e principais causantes do cambio climático”, apunta Xosé Veiras, voceiro de Enerxía e Cambio Climático de Verdegaia, de aí o seu necesario peche, máis agora que se demostra que son “totalmente prescindibles”.

Gráfico comparativo elaborado en 2010 por Ramón Piñeiro para o GH con datos aportados por Verdegaia sobre a incidencia das térmicas galegas

Non son acusacións gratuítas. Segundo os datos da Rede Eléctrica, as centrais de Meirama e As Pontes achegaron durante 2010 o 19,9% da produción eléctrica galega mais foron responsables do 86,6% das emisións de CO2 do sector eléctrico do país. “Son, con diferenza, as centrais eléctricas máis intensivas en emisións de dióxido de carbono, principais causantes do cambio climático”, explica Veiras. Recordemos que nosa comunidade, seis industrias son as responsables de 55% das emisións nun ránking encabezado precisamente polas dúas térmicas. O uso exclusivo de carbón de importación a partir de 2008 diminuíu as emisións directas nun 13% pero incrementou as indirectas debidas ó transporte do mineral, traído principalmente de Indonesia, e que entra en Galicia a través dos portos de Coruña e Ferrol. “As térmicas son inaceptables nun contexto de crise climática. En Galicia son responsables do 30% do dióxido carbono que lanzamos á atmosfera, algo desorbitado se o comparamos con outras industrias. A queima do carbón xera ata 2,5 veces máis de CO2 que o gas natural, por non falar das renovables, con emisións cero”, explica Veiras. A isto hai que engadirlle a súa baixa eficiencia, un dos aspectos menos coñecidos desta industria. Segundo Verdegaia, o rendemento na transformación da enerxía do carbón en electricidade é só do 37%, moi por baixo das centrais de coxeración ou ciclo combinado, que están a traballar moi por baixo da súa capacidade. 

Os datos son especialmente importante se temos en conta que en 2010 aínda non entrara en vigor o Decreto estatal que favorece o uso de carbón español na produción eléctrica fronte ó de importación, o utilizado en exclusiva polas centrais galegas desde o esgotamento das minas de lignito en 2007. Por iso, o movemento ecoloxista chama a emprender de forma inmediata un cambio cara a un modelo enerxético de futuro, que aposte polas enerxías limpas e o aforro enerxético e que prescinda das térmicas e as nucleares.

Publicado en Cambio climático, Enerxía | Etiquetado , , , , , , , , | Deixar un comentario

Novo SOS do litoral: da burbulla inmobiliaria á portuaria

O ladrillo xa ten substituto na carreira por acabar co litoral: o formigón dos portos. Así o denuncia Greenpeace no seu undécimo informe Destrución a toda costa, no que constata como trocamos a burbulla inmobiliaria pola burbulla portuaria. Ata douscentos quilómetros do litoral estatal está ocupado por estas infraestruturas, de forma que unindo os diques e espigóns existentes poderíamos realizar o traxecto que separa Valencia de Mallorca. E, pese á crise, o crecemento non se detén. Das 28 Autoridades Portuarias existentes no Estado, vinte están a acometer novas obras ou ampliacións: tan só en 2010 destináronse un total de 911 millóns de euros, ano no que o transporte marítimo se reducía un 9,5%. Alteración de correntes, destrución de praias, desaparición dos recursos pesqueiros e marisqueiros, aniquilación da paisaxe tradicional ou contaminación son algunhas das consecuencias dunha política que leva a Greenpeace a sinalar a Portos do Estado como “a principal ameaza do litoral”. E dúas das maiores son galegas:  o porto exterior da Coruña, que a pesar de ser “innecesario” consumirá 1.000 millóns de euros e destruirá a única zona virxe do litoral herculino; e o porto de Vigo que, pese a ser o de maior extensión do Estado (20 quilómetros), segue coa súa imparable carreira de recheos, ata o punto de que Greenpeace o define como o “motor de destrución costeira da ría de Vigo.Galicia sufriu na última década a maior recualificación da súa historia. Esta foi a alarma lanzada por Greenpeace no seu anterior informe, que apuntaba ós plans sectoriais como unha das principais ameazas (coa previsión de cementar 1.200 dos 1.720 quilómetros da primeira liña). Tras o ladrillo e a industria, os portos sempre estiveron presentes na lista de perigos do movemento ecoloxista, non só por usurparlle superficie ó mar, senón por ser un dos principais causantes de destrución dun patrimonio único -a paisaxe e a riqueza das nosas rías- e dun dos sectores económicos máis ligados á nosa terra: a pesca e o marisqueo. Nesta edición de Destrución a toda costa, Greenpeace detense a estudar os prexuízos dos cinco portos do estado presentes en Galicia: 

Seguir lendo

Publicado en costa | Etiquetado , , , , | Deixar un comentario

Raíña Lupa vende futuro sostible en Quilmas

Alimentos ecolóxicos, produtos artesáns e unha boa dose de festa. Estes son os ingredientes do Mercado Ecolóxico en Defensa da Terra ós que estades todos invitados a visitar hoxe na parroquia de Quilmas (Carnota). Non é só una feira de produtos, senón o reflexo de que outra forma de produción e consumo é posible. Postos de mercar e xantar combínanse con degustacións de tomate mel e pan ou a posibilidade de coñecer de primeira man cooperativas de consumo como Zocamiñoca e as actividades a prol do medio e o agro de Adega, o Sindicato Labrego Galego ou a Asociación Monte Pindo Parque Natural. Mais a xornada non só ofrece produtos sans e saudables cultivados na nosa terra, senón que supón o maior exemplo de que hai vías para lograr un futuro sostible. Así o demostran os veciños de Quilmas coa posta en marcha da cooperativa de agricultura ecolóxica Raíña Lupa, coa que non só conseguiron vivir da terra, senón demostrar que hai vida (máis san e saudable) máis alá as grandes multinacionais.

Seguir lendo

Publicado en Agricultura ecolóxica | Etiquetado , , , , , , , , | Deixar un comentario