OK á nova Lei de Residuos

Contamos dende hoxe cunha nova Lei de Residuos. O Congreso deulle o visto e prace definitivo ó novo marco legal, que segue apostando pola incineración en detrimento da compostaxe, deixa como opcional a aplicación dun canon pola queima do lixo e non obriga á recollida selectiva da materia orgánica. As contrapartidas: contempla a posibilidade de aplicar un sistema de retorno de envases, aposta pola súa certificación sostible e comprométese coa redución.

Lixo apilado nas instalacións da incineradora de Sogama, en Cerceda. Foto: Ramón Escuredo

O modelo de consumo no que estamos inmersos levaranos a vivir entre o lixo. Os españois xeran un 6,6 % máis residuos que a media da Unión Europea e reciclan o 15%, fronte ó 24 % do conxunto dos Vinte e sete, segundo datos do Eurostat, a oficina comunitaria de estatística. A falta de medidas que contribúan a desincentivar a xeración de refugallos fará que, en só unha década, se duplique a produción por persoa ó día. A tramitación dunha nova Lei de Residuos estatal -que traspón a normativa marco da UE co obxectivo de lograr un texto máis ambicioso que o de 1998- presentábase como a mellor oportunidade para reverter esta situación. Non obstante, o Congreso deulle hoxe o visto e prace definitivo eludindo a obrigatoriedade da recollida selectiva dos refugallos orgánicos, clave para fomentar a reciclaxe e a compostaxe, aínda que incluíndo finalmente un obxectivo de redución do 10% para o 2020 (ó que hai que engadir unha taxa de reciclaxe dos residuos domésticos -papel, metais, biorresiduos, plásticos e vidro- dun 50%, que se eleva ó 70% no caso dos refugallos da construción e demolición). Seguir lendo

Publicado en Residuos | Etiquetado , , , , , , , | Deixar un comentario

Tras os entullos hai vida

Reverter os efectos prexudiciais da actividade extractiva no medio e combater o paro en zonas tradicionalmente mineiras é posible. Así o demostran os habitantes de Tremor, localidade leonesa situada na comarca do Bierzo, inmersos nun proxecto de recuperación da paisaxe arrasada pola extracción de carbón a través da restauración ambiental das entulleiras. Coñecer de primeira man a iniciativa -posta en marcha pola Fundación Ciudad de la Energía– e trasladala a Galicia foi un dos obxectivos da última saída do Roteirríos, o programa de roteiros do Proxecto Ríos de Adega, que nesta edición centrouse en divulgar as experiencias de restauración fluvial existentes co reto de seguir avanzando na protección e mellora das nosas canles. Non puiden formar parte da expedición desta fin de semana (ler a crónica aquí) pero déixovos en forma de reportaxe o interesante proxecto do Ciuden.

Os traballos de restauración realízanse con arneses dado que as entulleiras a tratar teñen unha inclinación de 45 graos. Foto: Ciuden

A súa é unha historia de pobos irmáns unidos por un sentimento máis forte que a liña imaxinaria que separa a Galicia de León: o de séculos vivindo das entrañas dunhas montañas fértiles convertidas agora en lugares faltos de vida. Entulleiras, canles desvíados e bosques que xa non existen son algunhas das compoñentes da paisaxe que comparten comarcas mineiras como O Courel, Valdeorras ou O Bierzo, tras esgotar os recursos naturais explotados durante anos. Devolverlle a vida a estes terreos e a unhas poboacións altamente deprimidas tras a fin da actividade mineira xa é posible grazas a un proxecto piloto de restauración ambiental de entulleiras posto en marcha no Bierzo pola Fundación Ciudad de la Energía (Ciuden), fundación pública estatal na que interveñen ata tres ministerios -Industria, Ciencia e Innovación e Medio Ambiente-.

Dicir Bierzo en León é como falar aquí do Courel. A actividade extractiva -neste caso de carbón- das súas montañas deixou a súa pegada en máis de 800.000 hectáreas da cormarca mineira, o que representa unha cuarta parte da súa extensión total. Ata un total de 84 entulleiras clausuradas seguen sen restaurar por parte dunhas empresas que obviaron a súa obriga de restablecer a zona ó estado orixinal. A pequena vila de Tremor, no municipio de Higüeña, é un dos moitos lugares no que a extracción de mineral vai unida á esencia da súa xente. Cun alto índice de paro -rozando o 100% no colectivo feminino- e un solo improdutivo, as súas entulleiras abandonadas, cunha inclinación do 45%, foron as elixidas para poñer en marcha un proxecto co que garantir un futuro para a zona. Tras dous anos traballando, devolvéuselle a fertilidade ás oito hectáreas de solo inerte pertecente a dúas entulleiras grazas ó labor dos propios veciños, mudando a paisaxe e creando un impacto directo sobre vinte familias da vila.

“O obxectivo era crear solo fértil sobre unha superficie de entullo onde a natureza por si mesma non foi capaz de producir nada. Para iso, realízase unha semente con especies resistentes e autóctonas que, ademais de crear unha superficie fértil, deben atravesar o entullo para recuperar o solo orixinal “, explica o responsable da área de Aplicacións ambientais da Fundación Ciudad de la Energía e responsable do proxecto, Luis del Riego. Nunha primeira fase, levada a cabo en 2008, realizouse unha achega de abono -feito coa materia orgánica procedente da gandería e da agricultura da zona- e a semente. Na primavera do 2009, o 40% da superficie tratada contaba xa cunha cuberta vexetal, polo que se pasou a realizar correccións nalgunhas zonas e proceder a sementar 2.500 plantas. “Todos os cambios sobre o solo e a fauna están sendo monotorizados”, explica Del Riego quen se mostra moi satisfeito cos resultados.

Ademais da recuperación da paisaxe, esta iniciativa deu traballo á xente da zona que carecía de formación ou de experiencia previa e que agora son “especialistas en restauración ambiental”. As mulleres -colectivo historicamente discriminado na incorporación ó mercado laboral- foron un colectivo prioritario para que sexan o novo piar sobre o que se sustente a economía local. A forte implicación dos veciños deu lugar á creación este de­cembro dun Centro de formación de viveirismo e restauración ambiental, no que as veciñas pioneiras forman outras 40 persoas para continuar cun proxecto que lles devolveu a vida.

Publicado en Reportaxes | Etiquetado , , , , | 1 comentario

O medio, sen axenda

O medio segue sen estar na axenda gubernamental. A trescentos días do (hipotético) fin da lexislatura, as principais asociacións ecoloxistas do Estado –Amigos de la Tierra, Ecologistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife y WWF/Adena– veñen de presentar unha análise exhaustiva das accións do Executivo nos últimos catro anos cunhas conclusións tan pouco sorprendentes como preocupantes: as políticas ambientais pasaron a un segundo (ou terceiro) plano e o Estado rexistrou unha perda de liderado en materia de sustentabilidade. Recuperar o tempo perdido é a mensaxe lanzada hoxe polas cinco ONG, que demandan a aprobación de normativas que nos axuden a dar un paso adiante en materia de medio natural.

 

A súa non é unha análise casual, senón que parte do Programa pola Terra presentado en 2008 con motivo da campaña electoral e que ofrecía unha folla de ruta para mellorar a política ambiental. Pese as gabanzas pola recuperación do diálogo tras a entrada de Rosa Aguilar no Ministerio, as cinco organizacións ecoloxistas non ven melloras nas doce áreas obxecto de análise:

Seguir lendo

Publicado en política | Etiquetado , , , , , , | Deixar un comentario

Reiniciando…

Toca reiniciar… e nunca mellor dito. Tras quince días de obrigado (e necesario) silencio, bota a andar Pensa no medio, como continuidade do meu traballo no xa defunto Galicia Hoxe. O medio desaparece pero o meu compromiso coa información ambiental non, de aí a apertura desta nova fiestra ó mundo verde. A filosofía é a mesma: darlle voz a todo o que teña que ver coa grave crise na que está sumida o planeta. Non partimos de cero. O recente ‘apagón’ do blog Pensa en Verde non nos deixa en coiros. O arquivo deste espazo conta coas máis de cen informacións publicadas ata o de agora.  A partir de aquí, o futuro.

Para comezar, rescato unha das vellas ideas do anterior blog: a banda sonora. E para inaugurar este, nada mellor que Vetusta Morla co seu Escudo Humano, a penúltima canción do seu último álbum Mapas (para os que non o escoitaron no Vigo Transforma, teñen unha nova oportunidade o 27 deste mes na Praza da Quintana de Santiago). O seu ‘estribillo’ (non sabedes como boto de menos ter un lingüista ó meu carón!) non pode vir máis ó caso:

Nos queda mucho más que hacer,
Que ver en la televisión,
Cómo el mundo se apaga.
Nos quedan años por quemar,
Nos quedara la duda si hoy,
La función no se acaba.

Recórdovos que ademais do blog, este espazo conta co seu propio lugar en Facebook e volvémonos activar vía Twitter (@rebecahermo)….

Pois iso, reiniciando…

Publicado en Banda sonora | Etiquetado , | 2 Comentarios

A polémica de tornar ó retorno

Cada día póñense no mercado unha media de 52 millóns de envases. Lograr a súa redución e reciclaxe é un dos obxectivos da nova Lei de Residuos, que hoxe recibiu o visto e prace do Senado non sen polémica. A causa: a incorporación do sistema de retorno de envases (SDDR), defendido por ecoloxistas e criticado polos actuais organismos recicladores.

Xa falamos en anteriores entradas deste blog deste sistema -implantado en 32 países europeos- e dos seus beneficios, podendo resumilo así: ó entregar o envase, o consumidor recupera o depósito que paga no momento de mercalo. Ademais de mellorar os ratios de reciclaxe,  coa saída deste recurso do sistema de xestión do lixo, a factura municipal veríase reducida, aforraríase en materia prima e reduciríase nun 30% o impacto ambiental. Seguir lendo

Publicado en Residuos | Etiquetado , | 4 Comentarios

Fai un sol…

Nuns minutos, a primavera dará paso ó verán e con el (suponse) ó sol, unha fonte de enerxía limpa, ilimitada e… desaproveitada.

Galicia conta na actualidade con só 10 megawatts de potencia fotovoltaica instalada, cunha media per cápita de 4 watts por habitante, o que nos sitúa á cola do Estado en desenvolvemento desta renovable. Unha escasa implantación que provoca que a fotovoltaica apenas teña incidencia no noso mix enerxético: pese a que o 70% da electricidade xerada en Galicia procede de fontes renovables, só o 0,06% provén da fotovoltaica. Así se recolle no Balance Enerxético de Galicia 2009 -o último publicado- do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Eólica (48,95) e hidráulica (47,7%) seguen a ser as grandes xeradoras de renovables. Pero mesmo enerxías de escaso percorrido como a biomasa (que achegou un 1,5%) xa lle gañan a partida á forza do sol. “A solar pode cubrir todas as nosas necesidades, xa que produce 4.000 veces máis do que consumimos ó ano, ademais de ser unha fonte limpa e gratuíta que permite desbotar outras opcións máis perigosas e contaminantes como a nuclear ou a térmica”, asegura o responsable de Educación ambiental de Adega, Ramsés Pérez.

¿O clima galego, onde predominan as precipitacións e os ceos anubrados, xustifican este atraso na aposta pola fotovoltaica? A resposta é clara: non. Seguir lendo

Publicado en Enerxía | Etiquetado , , , | Deixar un comentario

A vida na vila más contaminante de Galicia

Cerceda é dos concellos con máis orzamento por habitante do Estado, ten un 5% de paro e goza de instalacións de luxo grazas á presenza de Sogama e Meirama. Malos cheiros, folerpas de cinzas e camións cruzando a vila as 24 horas, as contrapartidas.

A canción Cheira mal! da banda de rock Zënzar saíu á luz no ano 2001 para poñerlle himno sonoro ó sentimento dunha vila. Cerceda, pequeno municipio coruñés de 5.500 habitantes, é un dos concellos máis prósperos e máis contaminantes de Galicia. A orixe de ambas as dúas circunstancias é común: a presenza da central térmica de Meirama e da planta de tratamento de residuos de Sogama, cos coseguintes beneficios económicos e os seus prexuízos sociais e ambientais. Seguir lendo

Publicado en Reportaxes | Etiquetado , , , , | 1 comentario

A recuperación do bosque galego pasa por unha xestión sostible

Correos, co asesoramento da asociación ecoloxista WWF/Adena, promove a recuperación do bosque galego coa reforestación de 12 hectáreas da Mancomunidade do Val Miñor, que aposta pola xestión sostible e a multifuncionalidade: sendas turísticas, cogomelos e apicultura complementan a produción de madeira. A firma postal presentou en Baiona o que supón o seu sétimo bosque no Estado, cunha visita por oito das doce hectáreas reforestadas.

Responsables de Correos e WWF/Adena no monte comunal de Chandebrito (Nigrán)

Entre rutas turísticas por sendas naturais, mostras de petróglifos, albarizas e cortas de eucaliptos, pequenos exemplares de carballos, castiñeiros, acivros, bidueiros e albedros loitan por converterse nos protagonistas de catro hectáreas do monte de Santa Cristina de Ramallosa (Baiona), xestionado pola Mancomunidade do Val Miñor. Todos eles son parte dos 1.500 exemplares cos que a firma postal Correos promove a recuperación do bosque autóctono galego no marco dunha iniciativa que supuxo a reforestación de doce hectáreas de monte mancomunal na comarca do Val Miñor (Pontevedra). Seguir lendo

Publicado en Bosques | Etiquetado , , , | 1 comentario

A compostaxe caseira chega ó rural

Converter os residuos orgánicos nun abono de alta calidade xa non é exclusivo dos fogares galegos. A grave crise que atravesa o rural e unha maior concienciación ambiental por parte de labregos e gandeiros fan que o sector busque un futuro máis sostible para as súas explotacións, adaptando a compostaxe caseira á realidade do rural. Este é o obxectivo de Ecorega, proxecto bianual impulsado polo sindicato Unións Agrarias (UUAA) co asesoramento técnico da Federación Galega de Medio Ambiente (Fegama) e cofinanciado con fondos ‘Life’ da UE, que busca converter os refugallos agrarios e gandeiros en fertilizantes naturais aptos para todo tipo de cultivos e biogás coa que alimentar a calefacción das explotacións.

O enxeñeiro ambiental Miguel Acuña, esquerda, xunto a un operario da granxa San Luis de Santa Comba, que compostará os seus residuos

Seguir lendo

Publicado en Residuos | Etiquetado , , | 1 comentario

Galicia tórnase mediterránea

Máis calor, menos auga, proliferación de grandes incendios forestais e perda de biodiversidade. Este será o día da Galicia mediterránea de mañá, onde os efectos derivados do quecemento global formarán parte do noso cotián. Así o advirte  o Observatorio da Sustentabilidade de España (OSE), que alerta da alarmante perda de hábitats e ecosistemas que rexistra o Estado como consecuencia do cambio climático e da transformación dos usos do solo pola expansión da agricultura intensiva, a urbanización e as infraestruturas de transporte.

A proliferación de incendios, a seca e o aumento de temperaturas protagonizarán a Galicia do futuro. Foto: X.Rey/Efe

A proliferación de incendios, a seca e o aumento de temperaturas protagonizarán a Galicia do futuro. Foto: X.Rey/Efe

Nun escenario global onde as emisións non se deteñen, as temperaturas van en aumento -ata dous graos máis para a 2050- e as precipitacións van en descenso, o informe Biodiversidade en España. Base da Sustentabilidade ante o cambio global da OSE prevé unha “mediterranización” da zona norte que carrexará un retroceso da diversidade biolóxica. O primeiro prexudicado será o sector forestal, coa desaparición das árbores autóctonas e un aumento das pirófitas como o eucalipto. A consecuencia máis inmediata: os incendios aumentarán, serán máis perigosos e durarán máis tempo, especialmente no sur da comunidade, onde terá lugar “unha perda de condicións favorables para as especies”. Neste contexto, o Observatorio advirte de que os servizos de extinción se verán obrigados a adiantar as campañas de loita contra o lume e aumentar a época de risco. Pese a todo, Galicia seguirá a funcionar como refuxio boscoso para fauna e fauna ante a “aridización do sur”, que afectará ó 37% do territorio estatal.

As augas atlánticas serán as outras grandes prexudicadas polo novo escenario climático. A aparición de peixes con afinidades subtropicais advertida polo OSE virá acompañado dunha mingua da capacidade produtiva das nosas rías, derivada da ralentización do afloramento e a progresiva acidificación das augas. A liña de costa tamén se verá modificada. Ó longo da segunda metade do século XX, o nivel do mar subiu a un ritmo de 3 milímetros ó ano. Seguindo con esta tendencia, as praias do Cantábrico sufrirán, a medio prazo, un forte retroceso, cun recorte de 15 metros na súa superficie.

No escenario de futuro proxectado polo Observatorio, a acción humana será xunto ó clima decisiva na perda de biodiversidade. A contaminación e a modificación dos usos do solo, coa conseguinte ocupación dos hábitats, mantéñense como as principais ameazas. O ladrillo e a proliferación de industrias e infraestruturas de contaminación pasan a ocupar zonas naturais ata o de agora protexidas da acción do home, tendencia que comezou a mudar nos últimos vinte anos. O informe da OSE advirte especialmente do impacto dos eólicos. Pese a que o desenvolvemento das renovables é vital para mitigar os efectos do cambio climático, os muíños de vento están a ocupar territorios “valiosos polo interese dos seus hábitats ou a reza das especies que albergan”. A concentración de eólicos xa pon en risco a presenza de aves reprodutoras e morcegos. Segundo datos deste observatorio, por cada turbina de vento desaparecen cada ano no Estado 23,8 aves. O futuro pode ser aínda máis negro, xa que o Observatorio baralla datas dunha crecente e imparable industrialización: de aquí a 2050 aumentará nun 100% o sector eólico co seu correspondente impacto.

O informe apunta outros efectos:

Proliferación de invasoras: un dos principais efectos do cambio climático será a proliferación de especies invasoras, segunda causa de perda de biodiversidade no planeta tras a destrución do hábitat. Unha realidade xa presente: Galicia rexistra 328 especies alóctonas por 80 invasoras.

Aumento da cota de inundación: Para o 2050, o Observatorio da Sustentabilidade do Estado calcula que a cota de inundación “terá aumentado en Galicia uns 35 centímetros, a razón de 7 milímetros por ano”. Un aumento que conleva, segundo se recolle no informe, un incremento do risco de que se produzan danos e perdas económicas económicas por episodios de inundación.

Mellora do agro e da enexía de ondas: o quecemento global terá tamén as súas contrapartidas: estímase que no norte do Estado terá lugar “un dos maiores incrementos na produtividade agrícola europea”, ó tempo que se prevé un aumento na enerxía das ondas, especialmente entre Estaca de Bares e Fisterra.

Ante este negro panorama, o Observatorio da Sustentabilidade defende a necesidade de crear novas área protexidas (Galicia apenas ten un 12% de superficie terrestre protexida e un 0,5% da mariña. Segundo o Observatorio, a comunidade debería activar ata un total de 88 plans de preservación da súa fauna pero ata o momento só aprobou o 1%: un programa para conservar o oso pardo) e conservar ecosistemas “fundamentais para o ser humano”, especialmente os bosques, reservorios de carbono e hábitat de millóns de especies.

Publicado en Cambio climático | Etiquetado , , | 1 comentario