Agresións no río Rato

riorato2

A parte alta do río Rato estase a ver afectada gravemente polos recheos executados á altura do novo polígono das Gándaras, do Centro comercial das Termas e no polígono do Ceao, que están reducindo a superficie das zonas húmidas nas que nace o afluente do Miño e que o abastecen de auga durante todo o ano, coa consecuente e progresiva redución de caudal. Así o denunciou hoxe Adega, quen recorda os numerosos puntos negros que existen sobre o regato. Ademais do polígono das Gándaras, á altura do polígono do Ceao, na zona na que está instalada a antiga planta de alcatrán, centos de metros cadrados de zona húmida, da que tamén se abastece o Rato, foron taponados con toneladas de terra. E poucos metros máis abaixo do centro comercial das Termas, preto do Parque de Bombeiros, na antiga Agra de Cedeira, os recheos realizados de hai algo máis de un ano, afectaron tamén a un pequeno nacemento de auga que ía dar ao río Rato e cuxo destino agora é descoñecido.

Ademais dos recheos, Adega detectou varios desvíos da canle, que deixan o nacemento do río seco. Tras varias denuncias ante o departamento de Medio Ambiente do Concello de Lugo, Adega presentará unha denuncia ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que as zonas afectadas polos recheos sexan restauradas co fin de devolverlle ó leite fluvial o caudal que lle corresponda e de conservar o bo estado das zonas húmidas.

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar un comentario