Galicia tórnase mediterránea

Máis calor, menos auga, proliferación de grandes incendios forestais e perda de biodiversidade. Este será o día da Galicia mediterránea de mañá, onde os efectos derivados do quecemento global formarán parte do noso cotián. Así o advirte  o Observatorio da Sustentabilidade de España (OSE), que alerta da alarmante perda de hábitats e ecosistemas que rexistra o Estado como consecuencia do cambio climático e da transformación dos usos do solo pola expansión da agricultura intensiva, a urbanización e as infraestruturas de transporte.

A proliferación de incendios, a seca e o aumento de temperaturas protagonizarán a Galicia do futuro. Foto: X.Rey/Efe

A proliferación de incendios, a seca e o aumento de temperaturas protagonizarán a Galicia do futuro. Foto: X.Rey/Efe

Nun escenario global onde as emisións non se deteñen, as temperaturas van en aumento -ata dous graos máis para a 2050- e as precipitacións van en descenso, o informe Biodiversidade en España. Base da Sustentabilidade ante o cambio global da OSE prevé unha “mediterranización” da zona norte que carrexará un retroceso da diversidade biolóxica. O primeiro prexudicado será o sector forestal, coa desaparición das árbores autóctonas e un aumento das pirófitas como o eucalipto. A consecuencia máis inmediata: os incendios aumentarán, serán máis perigosos e durarán máis tempo, especialmente no sur da comunidade, onde terá lugar “unha perda de condicións favorables para as especies”. Neste contexto, o Observatorio advirte de que os servizos de extinción se verán obrigados a adiantar as campañas de loita contra o lume e aumentar a época de risco. Pese a todo, Galicia seguirá a funcionar como refuxio boscoso para fauna e fauna ante a “aridización do sur”, que afectará ó 37% do territorio estatal.

As augas atlánticas serán as outras grandes prexudicadas polo novo escenario climático. A aparición de peixes con afinidades subtropicais advertida polo OSE virá acompañado dunha mingua da capacidade produtiva das nosas rías, derivada da ralentización do afloramento e a progresiva acidificación das augas. A liña de costa tamén se verá modificada. Ó longo da segunda metade do século XX, o nivel do mar subiu a un ritmo de 3 milímetros ó ano. Seguindo con esta tendencia, as praias do Cantábrico sufrirán, a medio prazo, un forte retroceso, cun recorte de 15 metros na súa superficie.

No escenario de futuro proxectado polo Observatorio, a acción humana será xunto ó clima decisiva na perda de biodiversidade. A contaminación e a modificación dos usos do solo, coa conseguinte ocupación dos hábitats, mantéñense como as principais ameazas. O ladrillo e a proliferación de industrias e infraestruturas de contaminación pasan a ocupar zonas naturais ata o de agora protexidas da acción do home, tendencia que comezou a mudar nos últimos vinte anos. O informe da OSE advirte especialmente do impacto dos eólicos. Pese a que o desenvolvemento das renovables é vital para mitigar os efectos do cambio climático, os muíños de vento están a ocupar territorios “valiosos polo interese dos seus hábitats ou a reza das especies que albergan”. A concentración de eólicos xa pon en risco a presenza de aves reprodutoras e morcegos. Segundo datos deste observatorio, por cada turbina de vento desaparecen cada ano no Estado 23,8 aves. O futuro pode ser aínda máis negro, xa que o Observatorio baralla datas dunha crecente e imparable industrialización: de aquí a 2050 aumentará nun 100% o sector eólico co seu correspondente impacto.

O informe apunta outros efectos:

Proliferación de invasoras: un dos principais efectos do cambio climático será a proliferación de especies invasoras, segunda causa de perda de biodiversidade no planeta tras a destrución do hábitat. Unha realidade xa presente: Galicia rexistra 328 especies alóctonas por 80 invasoras.

Aumento da cota de inundación: Para o 2050, o Observatorio da Sustentabilidade do Estado calcula que a cota de inundación “terá aumentado en Galicia uns 35 centímetros, a razón de 7 milímetros por ano”. Un aumento que conleva, segundo se recolle no informe, un incremento do risco de que se produzan danos e perdas económicas económicas por episodios de inundación.

Mellora do agro e da enexía de ondas: o quecemento global terá tamén as súas contrapartidas: estímase que no norte do Estado terá lugar “un dos maiores incrementos na produtividade agrícola europea”, ó tempo que se prevé un aumento na enerxía das ondas, especialmente entre Estaca de Bares e Fisterra.

Ante este negro panorama, o Observatorio da Sustentabilidade defende a necesidade de crear novas área protexidas (Galicia apenas ten un 12% de superficie terrestre protexida e un 0,5% da mariña. Segundo o Observatorio, a comunidade debería activar ata un total de 88 plans de preservación da súa fauna pero ata o momento só aprobou o 1%: un programa para conservar o oso pardo) e conservar ecosistemas “fundamentais para o ser humano”, especialmente os bosques, reservorios de carbono e hábitat de millóns de especies.

Advertisements

About rebecahermo

Pensa no Medio supón un punto e seguido ó traballo iniciado o Día do Medio natural de 2010 no blog Pensa en Verde, publicado no defunto Galicia Hoxe. A vida segue e faino nun planeta cada vez máis comprometido. Esta pretende ser unha pequena fiestra á esperanza. Benvidos a todos ós que vos asomedes a ela.
Estas entrada foi publicada en Cambio climático coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

One Response to Galicia tórnase mediterránea

  1. Daniel Sánchez di:

    E a resposta da Xunta é a medida de cargarse o Plan Natura: ¿Insensibilidade, incompetencia, mala fe…?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s